A Escola da Noite estrea hoxe, 10 de Outubro, Desmesura – exercício com Medeia. A peza de Hélia Correia é unha relectura do mito inmortalizado por Eurípides, a quen a escritora a dedica, como homenaxe. Nunha tempada lixeiramente máis curta do habitual, o espectáculo estará en escena no Teatro da Cerca de São Bernardo, en Coimbra, até o 27 de Outubro, de xoves a domingo.
Desmesura – exercício com Medeia, escrita en 2006 a partir da traxedia de Eurípides, insírese na liña de revisitación dos textos clásicos seguida pola autora, ao fío de Perdição – exercício sobre Antígona (1988) e O Rancor – exercício sobre Helena (2000).
Hélia Correia elimina nesta peza algunhas personaxes da traxedia orixinal e inclúe outras, mulleres. A acción situase nun espazo que tradicionalmente lles está destinado – a cociña – e son personaxes habitualmente sen voz – escravas – que confrontan a protagonista e o seu amor desmesurado, os seus ciúmes, a súa reacción violenta á traizón de Xasón. Alén dunha reflexión sobre a forza avasaladora e incontrolábel do amor e da súa proximidade á loucura, Desmesura” é tamén un belísimo poema sobre viaxes forzadas, exilios, escravitude, sobre o peso dos xuramentos, sobre o poder das linguas e da linguaxe, sobre a importancia das palabras.
Desmesura é a 68ª creación da Escola da Noite. Á equipa habitual xúntase neste projecto un amplo conxunto de artistas, algúns deles por primeira vez coa compañía: as actrizes Ana Teresa Santos, Daniela Marques e Lucília Raimundo interpretan as tres escravas da casa de Medeia e Xasón (interpretados por Sofia Lobo e Miguel Magalhães); o artista plástico Carlos Júlio estréase na escenografia e asina o espazo escénico (con Sofia Lobo); o músico e compositor brasileiro Jarbas Bittencourt (que o público de Coimbra lembra de As Orações de Mansata) asume a dirección musical, compón a música orixinal e crea, con Zé Diogo, o espazo sonoro que envolve o espectáculo. A dirección partíllase entre Igor Lebreaud, Jarbas Bittencourt e Sofia Lobo.
Hélia Correia
Distinguida en 2015 co Premio Camões e recentemente galardoada co Grande Premio de Romance e Novela da Associação Portuguesa de Escritores pola súa obra mais recente (“Um Bailarino na Batalha”), Hélia Correia (1949) é unha das mais destacadas escritoras portuguesas da actualidade.
A súa obra cruza varios xéneros e estilos –novela, conto, teatro, poesía – séndolle recoñecido o gosto pola Antigüidade Clásica, coa que dialoga a través dun estilo propio e innovador, impregnado de poesía. Por outra banda, a escrita de Hélia é unha “escrita híbrida”, a través da cal “consegue unha fuga do realismo, mais sen nunca deixar de manter unha atención moi directa ao mundo en que vivimos”.
Ademais do Prémio Camões e do recente Prémio da APE, a escritora recibiu tamén, entre outros, o premio PEN Clube en 2001 (pola súa obra de ficción Lillias Fraser) e premio Correntes d’Escritas/Casino da Póvoa en 2013 co libro de poesía A Terceira Miséria.