in , ,

O FITO Ourense celebrará unha “edición de resistencia”

VoadoraHemosVenidoADarloTodo2 |

O Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) celebrará a súa duodécima edición despois da incerteza creada dende que o Concello de Ourense anunciara a retirada de axudas ao encontro. Sarabela, a compañía organizadora do FITO anunciou que o Teatro Principal, o campus de Ourense e as rúas da cidade, serán os escenarios do programa desta edición, que se desenvolverá do 23 ao 27 de outubro “grazas ao apoio da Deputación de Ourense, a Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) e a Universidade de Vigo”, que achegaron, respectivamente 20.000, 8000 e 2000 euros.

“O programa está afectado pola drástica redución do orzamento, tras a falta de apoio do Concello de Ourense”, explican dende a compañía. O FITO pasa de doce a cinco días e de dezaseis a seis espectáculos, pero os organizadores aseguran que esta edición manterá a esencia: “tentamos manter os criterios de calidade e de excelencia das propostas escénicas incluídas”.

O orzamento total será de 31.000 euros, un 68 % menos que na edición anterior, «un reto que de xeito excepcional será posible grazas a vontade e o apoio das compañías participantes, asociacións profesionais do sector escénico e empresas colaboradoras do festival», destacan.

Sabela Gago, directora do festival desde a compañía organizadora, Sarabela Teatro, salientou como o FITO se presenta este ano cunha “programación fiel á das anteriores edicións e coa vontade de servizo á cidade de Ourense”.

“Esta é unha edición de resistencia” que se celebra “con vontade de que non se perda unha edición, xa que retomalo despois é máis difícil”, salientou a directora do FITO. Porén, recalcou, neste contexto “os espectáculos son de gran calidade e non perdemos para nada os criterios de selección que tivemos desde a primeira edición”.

A redución orzamentaria, non obstante, provocou a suspensión do «V Encontro Mulleres Creando» co que o festival visibilizaba a presenza feminina nas artes escénicas. Mais non mingua o compromiso do certame coa igualdade: Gago indicou que dos seis espectáculos que se poderán ver, a metade están dirixidos por mulleres, catro teñen autoría feminina e o 70% dos elencos están formados por mulleres.

 


Publicidade

PROGRAMA

Esta edición do FITO comezará con La voz dormida, da compañía Euroescena, “unha historia de tempos de silencio, onde se relata o sufrimento de aquelas mulleres que perderon unha guerra e a agonía que vivían sen coñecer cal sería o seu final”, o mércores 23 de outubro. No Teatro Principal, ás 20:00.

A compañía colombiana L’Explose presentará, o día 24, La miel es más dulce que la sangre, unha incursión no universo lorquiano para reunir o autor e á súa obra nun mesmo plano da realidade. Ao ollalo na distancia, parecera que os temas e as obsesións que atravesaron o seu mundo creativo definiron tamén a súa vida e a súa pronta partida. No Teatro Principal, ás 20:00.

O día 25 serán dúas as obras do programa: ás 19:00, a compañía andaluza Trespert presenta o espectáculo de rúa Oopart, na que un trebello mecánico-temporal ofrecerá varias sorpresas aos viandantes con reclamos e números circenses. E ás 21:00, ArtesaCia levará a súa Chola, a it girl á Universidade, onde revelará en dez sinxelos pasos como converterse nunha verdadeira It Girl rectificada: o rural e o auténtico tamén poden ser tendencia.

O 26 de outubro será Voadora a que, no Teatro Principal, ás 20:00, presente Hemos venido a darlo todo, unha celebración conxunta, unha comunicación entre o artista e o público, un pacto coa experiencia máis intensa. Un espectáculo híbrido, un concerto cruzado polo teatro, unha ópera visual que contén a súa dramaturxia nas letras das cancións.

E xa o domingo 27, tamén no Teatro Principal, ás 19:00, Teatro en Vilo pechará o FITO con Generación Why, unha sorte de ritual contemporáneo no que quedan ó descuberto as esperanzas, ambicións e medos dunha xeración abrumada pola altura dos seus sonos e expectativas.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Desmesura |

A Escola da Noite estrea en Coimbra ‘Desmesura’, de Hélia Correia

JanetNovasMercedesmaiseu |

Xira de ‘Mercedes máis eu’, de Janet Novás e Mercedes Peón