in , ,

‘Jauría’ e ‘Juguetes rotos’ esta fin de semana no FIOT de Carballo

Jauría03 |
Este sábado comeza o III Certame de Micro-escenas Metro Cadrado coa representación de Sorpresa, de Enconarte Producciones, e a estrea absoluta de Invisíbel, de Catro Gatos Teatro.

 

Dous dos pratos fortes das artes escénicas da tempada chegan esta fin de semana a Carballo no marco do 28º Festival Internacional Outono de Teatro, o FIOT. O Pazo da Cultura acollerá este venres 11, ás 21:00, a estrea en Galicia de Juguetes rotos, de Producciones Rokamboleskas, unha creación da dramaturga e directora Carolina Román, quen propón unha reflexión sobre a identidade sexual, o empoderamento e a capacidade da sociedade para dar cabida ao colectivo trans.

A raíz dunha chamada de teléfono, Mario, o protagonista de Juguetes rotos, realiza unha viaxe cara ao pasado, un tempo ateigado de lembranzas agochadas que se expoñen ante o público para reconstruír unha vida marcada pola dualidade. A obra ten como actor principal ao televisivo Nacho Guerreros, quen foi recoñecido por este papel como finalista nos Premios Max 2019 ao Mellor intérprete. Nesta categoría estivo acompañado do seu compañeiro de reparto, Kike Guaza. Ambos constrúen de xeito maxistral unha ficción, que tamén se nutre de historias reais, que sitúa sobre as táboas a transexualidade no marco dos valores e canons sociais da España franquista, concretamente nos anos 60 e 70.

Xa o domingo 13 chegará a Carballo un dos grandes éxitos deste 2019: Jauría, a dramaturxia de Jordi Casanovas creada a partir da transcrición de fragmentos das declaracións da demandante e dos acusados do xuízo de La Manada. Esta peza de teatro documento, que pon o foco nun caso que marcou un antes e un despois na relación social coa violencia sexual, está dirixida con mestría polo recoñecido Miguel del Arco, gañador do Premio Nacional de Teatro 2017 co proxecto El Pavón Teatro Kamikaze e director de obras como Misántropo, Juicio a una zorra ou Ricardo III.

Coa sobrecolledora Jauría, Del Arco dirixe un traballo de ficción documental que remove o concepto de masculinidade e a relación da sociedade co sexo. A peza, que se representará ás 20:30 horas do día 13, conta no seu reparto con Martiño Rivas, Pablo Béjar, Fran Cantos, Ignacio Mateos e María Hervás, gañadora do Premio Max 2019 á Mellor actriz protagonista polo seu traballo en Iphigenia en Vallecas, a obra que acadou o Premio do Público na pasada edición do FIOT.

 

III CERTAME DE MICRO-ESCENAS METRO CADRADO

Esta fin de semana dará comezo unha das liñas de programación máis singulares do Festival Internacional Outono de Teatro, o Certame de Micro-escenas Metro Cadrado, unha proposta que pretende visibilizar o traballo de artistas e compañías emerxentes á vez que o público vive unha nova e intensa experiencia teatral. Na súa terceira edición, o M2 aposta por ofrecer espectáculos e creacións escénicas de curta duración en enclaves non convencionais á hora de acoller unha representación, como son unha barbería, unha paquetaría ou mesmo un lavadoiro.

Micro-Escenas M2 contará este ano cun total de seis espectáculos, dos cales catro serán estreas absolutas. As primeiras dúas funcións terán lugar este sábado, 12 de outubro, da man das compañías Encontarte Producciones e Catro Gatos Teatro. A primeira delas presentará Sorpresa, unha comedia dramática que conta a historia de Nora, “unha muller católica, apostólica e romana” que ten preparada unha sorpresa para o seu home polo seu aniversario, pero este non aparece. Sorpresa é unha historia de segundas oportunidades e de mulleres empoderadas que se representará ás 13:00, 13:30, 19:00 e 19:30 horas no Casino 1889 de Carballo.

A segunda das propostas será a estrea absoluta de Invisíbel, da compañía de recente creación Catro Gatos Teatro, na que, a través do humor negro, convidan ao público a reflexionar sobre as persoas anónimas que se ven na obriga de emigrar, coma aquelas que procuran refuxio. A proposta, apta para todos os públicos, representarase ás 13:00, 13:30, 19:00 e 19:30 horas no Estudio de arte Garabato.

Na vindeira semana, o sábado 19, Carballo acollerá a estrea absoluta de Corazón, o novo traballo de Iria Sobrado, e a representación do monólogo Margarita, de Teatro en punto. Finalmente, na o día 26 de outubro terá lugar a estrea absoluta de dúas pezas: Soas lavan, de Tukumpás Teatro, e O silencio das tartarugas, de María Dobronich.

Dado a limitación física de cada un dos espazos que acolle o M2, a organización do FIOT recomenda facer unha reserva previa da entrada ao correo electrónico [email protected], indicando o nome do espectáculo, horario, nome e apelidos da persoa asistente e un teléfono de contacto.

 

A RÚA DOS CONTOS DESPÍDESE DA SÚA 21ª EDICIÓN

O ciclo de narración oral Rúa dos Contos pechará este sábado a súa 21ª edición cun trío de singulares espectáculos ateigados de humor e ironía. Así, na noite do día 12, sucederanse as actuacións nos locais de hostalería de Carballo como peche da cita máis irreverente do FIOT. A primeira en saír á escena será María da Pontragha, vocalista nos grupos Bouba e Sacha na Horta, que ofrecerá, con A volta dos contos, unha auténtica viaxe pola tradición oral. A cita terá lugar ás 21:00 no Café-Bar Ranqui.

De seguido, ás 22:30, no Bulevar Music Café, a compañía 3 Patas presentará Comedia improvisada, un show de improvisación teatral único e que en cada ocasión é diferente, xa que se constrúe a partir de historias que nacen de propostas do público. Así, as tres actrices contarán, a ritmo de vertixe, historias hilarantes co obxectivo de provocar as risas das espectadoras e espectadores

Finalmente, o monologuista e actor Federico Pérez dará boa conta no FIOT dalgún dos fitos e ocorrencias máis orixinais e amenas que teñen como inspiración as tabernas do país, eses espazos que atesouran centros de historias interesantes. A cita, como non podería ser doutro xeito, será contra a media noite nun local de hostalería: A Barra Bar.


Publicidade

 

EMOCIÓN E ACROBACIAS NO TEATRO DE RÚA

O Teatro de Rúa despídese tamén do público de Carballo até o ano que vén coa proposta DistanS, o espectáculo da compañía andaluza Vol’e temps que acadou, neste 2019, o Premio Fetén ao Mellor Espectáculo de Rúa e o Premio Lorca ao Mellor Espectáculo de Circo. Acrobacias, malabares, música ao vivo, slapstick ou teatro xestual son algunhas das ferramentas que achegan unha historia próxima e emocionante que fala da amizade, lembranzas, a fraxilidade do ser humano, a soidade e o amor.

DistanS é un espectáculo divertido e sensible, apto para todos os públicos, que se representará o sábado 12, a partir das 19.30 horas, na praza do Concello. En caso de choiva, a función terá lugar no mercado municipal.

 

APRENDER A MIRAR, APRENDER A VER

O sábado 12 celebrarase a segunda sesión da Escola do espectador, o obradoiro gratuíto que coordina o xornalista Camilo Franco e que este ano pretende achegar ao público as claves do teatro social ou político. Logo de abordar o concepto de crise e as súas consecuencias nas artes escénicas, a segunda cita pretende explicar a confusión entre realidade e realismo, e afondar en como o teatro conta a realidade deste o drama e a comedia. “Temos por convención que é o drama o xénero destinado a contar a realidade, por máis que quen a explica mellor adoita ser a comedia. O drama é descriptivo, pero o humor acaba por ser revelador”, sinala Camilo Franco.

A sesión terá lugar á hora do aperitivo, entre as 12:00 horas e as 13:30 horas, en A Barra Bar. O acceso é libre e gratuíto, pero cómpre comunicar a participación a través do correo electrónico [email protected]. Para máis información sobre esta actividade ou sobre outras iniciativas que conforman a programación de espectáculos do Festival Internacional Outono de Teatro, pódese visitar o web oficial www.fiot.gal.

 

AXENDA DO FIOT PARA ESTA FIN DE SEMANA

Venres 11

21:00. Pazo da Cultura – Juguetes rotos, de Producciones Rokamboleskas

Sábado 12

13:00 e 13:30. Casino 1889. Sorpresa, de Enconarte Producciones
13:00 e 13:30. Estudio de arte Garabaro. Invisíbel, de Catro Gatos Teatro
19.00 e 19.30. Casino 1889. Sorpresa, de Enconarte Producciones
19:00 e 19:30. Estudio de arte Garabaro. Invisíbel, de Catro Gatos Teatro
19:30. Praza do Concello. DistanS, de Vol’eTemps
21:00. Café bar Ranqui. A volta dos contos, de María da Pontragha
22:30. Bulevar Music Café. Comedia improvisada, de 3 Patas
00:00. A Barra Bar. Monólogo, de Federico Pérez.

Domingo 13

20:30. Pazo da Cultura. Jauría, de Kamikaze Producciones

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

MedidaxMedida09 |

Comeza a xira de ‘Medida x Medida’, de PT Excéntricas

Desmesura |

A Escola da Noite estrea en Coimbra ‘Desmesura’, de Hélia Correia