Esta semana comeza a xira de presentación de Medida x Medida, de William Shakespeare, o novo espectáculo de Producións Teatrais Excéntricas. Tras o éxito da estrea no FIOT de Carballo, da función posterior e do ensaio xeral feito ante máis de 250 estudantes de instituto, da comezo unha xira que percorrerá toda Galiza.
O punto de partida será o Teatro Principal de Pontevedra, hoxe, ás 21:00. Ao día seguinte, venres 11, Medida x Medida estará no Centro Cívico e Cultural de Arteixo (20:45) e rematará a semana o sábado 12 na Casa da Cultura de Muros (21:30).
Neste 15º aniversario da súa fundación, Excéntricas convida novamente un autor que nunca pasa de moda para colaborar no novo espectáculo. Trátase de William Shakespeare, que, segundo a compañía, “xa ficara moi satisfeito da anterior colaboración con PT Excéntricas, o exitoso espectáculo Shakespeare para ignorantes“.
Medida x Medida é unha comedia negra que coquetea constantemente co desastre. No reparto estarán Melania Cruz, Patricia Vázquez, María Costas, Josito Porto, Santi Romay, Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, e na dirección Quico Cadaval que xa colaborara co autor inglés na exitosa Noite de Reis do CDG. A escenografía, o vestiario e o grafismo son de Suso Montero, que colabora de novo con Excéntricas tras A Cabeza do Dragón, a dirección musical de Bernardo Martínez (que tamén está en escena tocando a música en directo) e o deseño de iluminación de Dani Juncal.