Síndrome da formiga
O senhor Lino, encargado do almacén da segunda empresa do país dedicada á fabricación de mastros e hastas para bandeiras, está a piques de xubilarse. Nin, un mozo de nome estraño e curto, chega para substituílo. Ao longo de cinco días, o novo empregado terá que aprender o oficio que o máis vello leva desempeñando metodicamente durante case trinta anos. Deste xeito iníciase a trama de Armazenados, o espectáculo co que a compañía portuguesa Teatro Art’Imagen leva a escena a famosa peza do autor catalán David Desola; a cal xirou hai anos por todo o estado con José Sacristán como protagonista e foi filmada con dirección do propio dramaturgo.
A escena que Flávio Hamilton propón nesta adaptación semella o interior dun paquete perfectamente embalado con plástico de burbullas que recalca a fraxilidade dos personaxes; e esténdese polo chan até o fondo, onde actúa ás veces como ciclorama en combinación coa iluminación. E é que a luz resulta fundamental na proposta: luces de contra que transforman en sombras fantasmagóricas aos intérpretes, tiras LED a ras de chan que tinguen dun xeito expresionista ás accións e ás expresións e potenciación da brancura e da frialdade para retratar o vagar das horas na rutina da vida e do desolado almacén. Se ben parte da estética e do ton da escenificación son acertados, desde a dirección pécase por momentos dunha excesiva rixidez nas accións dos intérpretes, así como de repeticións arbitrarias de signos e ideas que ralentizan o ritmo xeral e provocan confusión no público na parte final do espectáculo con continuas conclusións escénicas que non chegan a ser a definitiva.
Pedro Carvalho e Jimmy Núñez están fantásticos nos papeis de Lino e Nin. Ambos amosan unha complicidade e xenerosidade para co compañeiro digna de destacar que fai que a construción dos personaxes medre grazas ao traballo actoral. Carvalho xoga constantemente con mestría entre a farsa e o drama, mentres que Núñez achega un realismo e unha naturalidade ao seu papel que aumenta a ilusión de mímese no patio de butacas. A través das súas linguas –Carvalho en portugués e Núñez en galego– estes calcos de Vladimir e Estragón fálannos de realidades comúns: a precariedade laboral e a degradación das persoas a meras cifras de produción.
O paso do tempo, o libre albedrío, as relacións sociais ou o choque xeracional son algunhas das temáticas presentes no texto de Desola. Unha dramaturxia enfiada con moito tino, chea de desolación e comicidade, na que podemos atopar reminiscencias a Beckett (a espera constante polo camión, o baleiro do día a día, a humanidade no coidado dun formigueiro), mais desde unha perspectiva totalmente achegada á verdade económica, política e social destes –como diría Charles Chaplin– tempos modernos. Uns tempos, unha época, onde todos e cada un de nós padecemos a síndrome da formiga, esa que non nos permite saírnos do carreiro do mercado laboral e que alimenta sen descanso á maquinaria do sistema capitalista.