in

Fin de curso, verán e circo

'Vidas torcidas' de Álvaro Reboredo, Fiti, na ESADG. Foto: Afonso Becerra
'Vidas torcidas' de Álvaro Reboredo, Fiti, na ESADG. Foto: Afonso Becerra

Parece ser que este venres, 21 de xuño, acabou o curso escolar e comezou o verán! Isto dáme pé para falar de teatro e fin de curso, concretamente dos Traballos Fin de Grao (TFG) que se están a presentar por estas datas na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADG). Trátase de espectáculos teatrais cos que os novos profesionais do sector saen do acubillo da academia para encontrarse co mundo laboral das nosas artes escénicas. Unha parte pequena continúa estudos de posgrao. Outra marcha buscar fortuna a outros lugares con máis oportunidades no ámbito teatral. E outra parte fica aquí, en Galicia, loitando por enriquecer e ensanchar ese eixo fundamental da cultura galega que é o teatro. Neste espazo podemos situar a Álvaro Reboredo, máis coñecido como Fiti ou Fitinho, que acaba de presentar o seu TFG no itinerario de Dramaturxia, dentro da especialidade de Dirección escénica e dramaturxia, coa peza Vidas torcidas. Un traballo no que se atreve a meter a esixente disciplina do circo, coa roda Cyr e o pallaso, dentro dun dispositivo dramatúrxico dunha peza teatral, chea de magnetismo, sobre as traxectorias que as persoas tomamos na vida, sobre todo aquelas que parecen torcerse ou desviarse da norma.

Trátase dun TFG excepcional, dentro do contexto da ESADG, porque Álvaro é un profesional do circo e das artes do movemento, desde hai anos,  de antes de entrar na nosa escola. Tamén é especial porque non se trata dun TFG que vaia ficar no ámbito académico. Coa súa Compañía IO, xunto a Bea (Beatriz Rubio), vai ampliar Vidas torcidas para convertela nun espectáculo de maior duración e poñelo en contacto con moitos públicos (como TFG presentouno nun formato “site-specific” de 30 minutos, nun espazo non convencional, no vestíbulo da Sala Pedra Seixa da ESADG, con público a tres bandas).

Isto tamén me dá pé para falar da Compañía IO, dedicada ao novo circo e ás artes de movemento. Dos catro espectáculos que ten en cartel, até onde eu sei, dous deles saíron das miñas aulas de Dramaturxia na ESADG e iso éncheme de alegría e satisfacción, porque Álvaro foi deses alumnos excepcionais que souberon levar as cuestións teóricas e as ferramentas técnicas e metodolóxicas da materia de dramaturxia para a creación escénica. Esas dúas pezas son: Cantas patas para un banco?, que xoga coa metáfora de todas as maneiras coas que se pode montar un banco, aínda que saian bancos raros e fóra do previsto; e 4 segundos, na que xoga coa dilatación temporal que supoñen 4 segundos, que se poden facer eternos cando neles acontece, por exemplo, un accidente, unha caída. Outra peza do seu repertorio é Espida, na que aborda cuestións de xénero e as novas masculinidades. En todas elas a tónica xeral é unha especie de des-construción do circo, buscando o lado máis poético e máis plástico das súas disciplinas: as teas, as acrobacias, a danza aérea, a roda Cyr, o clown etc., cun traballo moi especial no que atinxe ao espazo sonoro, que inclúe a percusión e o xogo cos propios elementos que constitúen o dispositivo espacial. Tamén ese factor de aproveitar a materialidade e as formas que poden dar as estruturas de metal ou madeira que utilizan para pendurarse ou para actuar dentro delas. A activación sonora e coreográfica deses materiais e elementos xera unha poética moi especial, que pode lembrar ás estéticas futuristas, moi afastadas dos clixés do circo máis tradicional ou comercial. En definitiva, trátase de creacións nas que se sempre hai un motor existencial e filosófico animando a acción teatral, caracterizada pola hibridación de modalidades escénicas e por unha fisicalidade e unha enerxía que nos atrapa, para, alén de entreternos, interpelarnos sobre cuestións humanas.


Publicidade

Vén o verán co seu circo caloroso e solar e nalgúns espazos abertos, en rúas, prazas, prados e areais, se temos sorte, poderemos encontrar o fascinio das artes escénicas, a danza, o circo, incluso, ao mellor, algunha das pezas da Compañía IO. Acaba o curso académico e chegan os froitos do verán!

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Imaxe: ‘CAMONIANA’, peza que integra o espectáculo ‘Eu.Camões’ do grupo Eu.Experimento do Camões – Centro Cultural Portugués en Vigo. Foto: Afonso Becerra.

Eu.Experimento do Camões – Centro Cultural Português en Vigo presenta o seu espectáculo ‘Eu.Camões’ este 26 de xuño

Leira Nova Galega de Danza 5 |

A MIT de Ribadavia outorga o Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño 2024 a Nova Galega de Danza