in , , ,

A MIT de Ribadavia outorga o Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño 2024 a Nova Galega de Danza

Entregarallo despois da función de ‘Dique’, que inaugurará a 40ª edición do festival

Leira Nova Galega de Danza 5 |
'Leira' de Nova Galega de Danza. Imaxe da MIT | Rosiña Rojo

A inauguración da 40ª edición da MIT de Ribadavia este ano 2024 estará marcada por un feito “simbólico e cargado de apoio e recoñecemento especial ao sector da danza e das artes do movemento”. O festival vén de dar a coñecer que Nova Galega de Danza recibirá o Premio de Honra Roberto VIdal Bolaño 2024 ao mérito nas artes escénicas. A entrega será despois da función de Dique, o novo espectáculo da compañía, en coprodución co Centro Coreográfico Galego, que abrirá a programación desta edición da MIT.

Será “un acto de reafirmación da comunidade ao traballo, constancia e novos rumbos de innovación marcados por unha compañía que pasou polo festival colleitando en dúas ocasións o Premio do Público nos últimos anos”, segundo expresaron dende a MIT.

Despois da venda de abonos, hoxe póñense á venda os espectáculos individuais, tanto do Castelo coma do Club Artístico (estes últimos en sesión golfa, de carácter festivo e arredor do universo do karaoke). As entradas poden adquirirse na Praza Maior de Ribadavia, na sede do festival ou en rede.

 

Acta

Esta é a acta de concesión do Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño 2024 ao mérito nas artes escénicas a Nova Galega de Danza:

“Nova Galega de Danza é unha compañía referente e pioneira nas nosas Artes Escénicas. Este ano 2024, no marco da 40ª edición da MIT, facemos entrega do Premio de Honra, por vez primeira na historia do festival, a un colectivo de danza.


Publicidade

A compañía chega a este recoñecemento en Ribadavia tamén co aval do dobre Premio do Público da MIT en 2017 e en 2020. Fundada na cidade da Coruña en 2003, o grupo dirixido polo tamén bailarín Jaime Pablo Díaz, quixo emprender un camiño de fusión e investigación nas raíces e elementos da danza tradicional galega. Comezou por aquel entón un fenómeno de popularización do que poderiamos considerar neofolk galego, que hoxe tantos froitos e interese suscita na sociedade e nos colectivos artísticos, tamén do ámbito musical. Esta compañía sempre tivo claro que a mestura de tradición e vangarda, de cultura galega popular e outras culturas tradicionais doutros contextos coma o flamenco ou a danza contemporánea, podían atoparse e poñerse ao servizo dunha creación que puidese conquistar unha ampla audiencia arredor do mundo da danza, tanto en teatros coma en espazos abertos e non convencionais.

Recoñecer a NGD significa tamén recoñecer o seu compromiso e defensa do baile tradicional galego na súa esencia e na súa capacidade para inspirar novos mundos, tamén como candidato a ser declarado Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade pola UNESCO. Mentres tanto, con esa convicción, a compañía explora neste ámbito para chegar a novos territorios, en moitos deles cunha gran comunidade galega na emigración. Desde Colombia ata Portugal, de Madrid a Beijing, os espectáculos do repertorio desta compañía galega foron recibindo relevantes galardóns coma os Premios Max, o Premio da Crítica de Galicia, Premio da Cultura Galega ou a Insignia de Ouro do Concello de Ferrol, entre outros.

A capacidade para unir e conectar diferentes xeracións, para facer da danza un fenómeno social, estimulante e de interese amplo, o carácter pioneiro que permitiu abrir paso a novas compañías galegas de danza fusión ou axudar a visibilizar a outros moitos colectivos que traballan no ámbito puramente tradicional, así como a capacidade para emprender novos rumbos baseados na creación a partir da memoria local, son aspectos que se suman ós moitos méritos deste premio. Con motivo do seu novo paso adiante a partir da celebración do 20 aniversario, NGD chama a  un novo equipo artístico para que poida seguir renovando a linguaxe compositiva da compañía, cun grupo de mulleres creadoras, nunha aposta feminista pola revisión da historia dende o prisma das traballadoras do Dique da Campana do Arsenal ferrolán. Tradición, memoria, compromiso e innovación”.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Vidas torcidas' de Álvaro Reboredo, Fiti, na ESADG. Foto: Afonso Becerra

Fin de curso, verán e circo

Premio Mulleres en Acción a María Ruido Imaxe de Diego Seixo

Arranca a 41ª edición da MITCFC