in

Fefa Noia preside a comisión que escollerá á persoa que a substituirá á fronte do CDG

FefaNoia |

Xa se sabe quen presidirá a comisión que seleccionará a Fefa Noia á fronte do Centro Dramático Galego: a propia Fefa Noia. Na resolución publicada pola AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais), o director, Jacobo Sutil, nomea a Noia como presidenta desta comisión, que conta con catro vogais e unha secretaria. Os catro vogais serán Paulo Domínguez –director do Teatro Rosalía de Castro da Coruña–, Artur Trillo –da compañía Talía Teatro–, Dolores Vilavedra –da Universidade de Santiago– e José Manuel González Sanmartín, da Consellaría de Cultura. Actuará como secretaria María José Felípez Regueira.

Noia anunciou o pasado maio a súa intención de deixar o posto para emprender novos cometidos profesionais. O proceso de selección para substituíla púxose en marcha a finais de agosto e, a principios de outubro, deuse a coñecer a lista de persoas que presentaron a súa candidatura ao posto: Eva Alonso Gómez, Julio Fernández Peláez, Francisco Javier Núñez Alonso, Gonzalo Méndez Mosquera, Héctor Mera Herbello, Francisco Manuel Peleteiro Román, Julián Rodríguez Novo e Pedro Alberto Rubín Garrido. O posto está vacante dende o 1 de outubro, data en que se fixo efectiva a saída da até o de agora directora.

Fefa Noia incorporouse ao CDG en xaneiro de 2016, despois de superar a correspondente convocatoria pública de acceso, resolta en decembro de 2015. Durante a súa etapa, a compañía institucional acometeu a produción propia de catro espectáculos: Tartufo, de Molière, con dirección de Carles Alfaro; Martes de Carnaval (integrado polas pezas As galas do defunto e A filla do capitán), de Valle-Inclán, con dirección de Marta Pazos; Divinas Palabras Revolution, tamén de Valle-Inclán, con dirección de Xron; e Neorretranca e posmorriña, de Esther F. Carrodeguas e Roi Vidal Ponte, baixo a dirección de Gena Baamonde.


Publicidade

A súa xestión estivo presidida pola atención á dramaturxia galega actual, na que centrou o programa de difusión e apoio Dramaturxente (integrado polas liñas de acción DramaturXa ou TeatrHoxe, entre outras), a reactivación das residencias técnicas e artísticas no Salón Teatro para dar servizo ás compañías privadas e o impulso ao plan de coproducións.

Mais a etapa de Noia á fronte do CDG tamén estivo marcada por sucesivos conflitos relacionados, sobre todo, cos procesos de selección de elencos para as producións do CDG, coa baixa produción do Centro e coa carencia orzamental. O enfrontamento coas asociacións profesionais, especialmente coa Asociación de Actores e Actrices de Galicia foi permanente e a chamada a unha “refundación” do CDG, unha constante deste anos. Máis información aquí.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

chola1 |

O FITO inicia hoxe a súa “edición de resistencia”

Armazenados 1 |

Armazenados