in

Talía anuncia a estrea de ‘Lambetadas’

Lambetadas |
A compañía Talía Teatro anuncia para o vindeiro 29 de novembro a estrea dun novo espectáculo para público familiar, Lambetadas, con textos de Santiago Cortegoso, Sechu Sende e María Canosa.

 

A estrea de Lambetadas está programada para o venres 29 de novembro, no Auditorio Municipal de Rianxo. A dirección estará a cargo de Santiago Cortegoso e o elenco formarano María Alonso e Diego Rey. O domingo día 1 de decembro, o espectáculo presentarase no Pazo da Cultura de Pontevedra, dentro do programa do Culturgal.

Lambetadas é un espectáculo para público familiar e infantil, recomendado para nenas e nenos de 6 a 11 anos de idade, que ten como obxectivo fundamental a concienciación e posta en valor da lingua propia como elemento fundamental da identidade individual e colectiva na sociedade galega actual. O traballo de creación baséase nos textos encargados ex profeso a varios autores (Santiago Cortegoso, Sechu Sende e María Canosa), que son levados a escena baseándose no universo do clown e nas técnicas do teatro de obxectos. Mediante o xogo escénico e o humor, os dous protagonistas han pasar por diversas situacións cómicas que os levarán, sempre desde unha linguaxe naif e inocente, a encarnar múltiples personaxes con diferentes oficios e disciplinas. Pero han acabar descubrindo que a identidade está na propia lingua, porque con ela se poden saborear as lambetadas máis doces e variadas.

 


Publicidade

Sinopse

Dous personaxes excéntricos entran en escena. Como non saben quen son, nin de onde veñen, nin cara a onde van, non lles queda máis remedio que coñecérense, tanto un ao outro como a eles mesmos. O que descobren é que para atopar a súa identidade deberán saber o que lles pasa ás súas linguas. Porque sen unha lingua propia chea de saúde non se poden lamber as lambonadas, que é o máis rico que hai. Hai linguas e linguas. E non hai unha igual cá outra. Iso si: cada quen lambe coa súa. Non vai lamber con outra. Porque se tes unha lingua tes que empregala. E vale para lamber calquera cousa. E para falar de calquera cousa. E en calquera situación. Porque todas as linguas valen para o mesmo. Para entenderse. Para comunicarse. Para dicir o que cada quen queira dicir. E para lamber o que cada quen queira lamber. Para lambiscar e gozar, para darse gusto.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

PanadaríaPublicoRibadavia |

‘Elisa e Marcela’ de A Panadaría, Premio Las Horas do Festival de Cine LGBT de Extremadura

AamnesiadeClio5 |

A amnesia de Clío