in

A amnesia de Clío

AamnesiadeClio5 |

A persistencia da mirada

| Manuel Xestoso |

 

Quizais a clave resida en desvelar a mentira da mirada, o engano de pensar que o que vemos se corresponde exactamente coa realidade. Na trama de A amnesia de Clío hai unha alegoría oculta sobre o destino da obra de arte, sobre o Poder e a súa representación.

A clave de bóveda está na anécdota real da dedicación á pintura de George W. Bush, cuxos Retratos da coraxe –retratos de veteranos da guerra de Iraq realizados polo ex presidente– se converteron nun inesperado éxito mediático nos EEUU. Velaí un “pintor” que retrata ás vítimas dunha guerra que el mesmo provocou servíndose de probas falsas, que admira os relatos de superación tras o combate e que pretende “capturar algo do sentido” do que enfrontan os veteranos no proceso de recuperación das súas feridas físicas e mentais. Expiación ou cegueira?

A obra parte de dúas historias simétricas: a dunha artista que entra en política e a dun ex presidente dos Estados Unidos que se dedica á pintura tras o seu retiro e que, alentado polo éxito, decide retomar a súa carreira de gobernante. O enfrontamento entre ambos transfórmase nunha partida de xadrez onde os xogos de perspectiva –formal e conceptual– crean o campo de batalla. Non é secundario que a obra de arte que se contrapón aos retratos do experimentado político sexa a versión de Susana e os vellos de Artemisia Gentileschi, aquela que denuncia un caso de acoso con toda a súa dureza: o cabalo de Troia do discurso de xénero como instrumento para o cambio identifícase coa mirada que vai máis alá das aparencias.

O libreto de Fernando Epelde agocha un intricado dispositivo interpretativo de diferentes niveis entrelazados que interroga as complexas relacións entre Historia e Arte. E Marta Pazos responde ao reto cunha dirección que alude ao cinematográfico –e talvez é o nome de Greenaway o que hai que evocar– mais tamén ao simbólico, ao terreo onde Historia e Mito conflúen para dar resposta ás tensións entre o discurso da arte e o de quen a paga.

Pazos organiza a escena dun xeito propositadamente antinaturalista que arrefría o drama, fuxindo de excesos emocionais e apelando á intelixencia do público. Non se trata tanto de recrear un conflito coma de imaxinalo a partir duns parámetros estilizados que apunten a ese trompe l’oeil no que se atopan o político e o artístico. Elementos de estrañamento como a presenza dos bailaríns xemelgos – a coreografía de Rut Balbís merece unha mención especial– abren a porta a interpretacións máis amplas, reforzadas pola ritualización da posta en escena.

Pero quizais o máis admirable de A amnesia de Clío sexa o traballo en equipo que se fai patente dende o comezo: a música de Buíde proxecta grupos tonais que lle dan coherencia a cada unha das seccións, da mesma forma que Epelde desenvolve a trama a base alusións e elisións que conforman o xogo de espellos ao cal o público debe responder. O manexo da densidade orquestral, a sutil puntuación das percusións e a riqueza tímbrica está posta ao servizo dun relato que agocha ao tempo que mostra, que esquiva o declarativo para expresarse a través da insinuación e o desvelamento dos detalles ocultos. Nese traxecto, atopa momentos poderosos que conteñen un discurso implacable nun envoltorio estético que disimula a súa crueza: igual que na arte na que se inspira.


Publicidade

Buíde escribiu unha obra de primeira clase asimilando a vangarda e combinándoa coa tradición nun conxunto que lle outorga dramatismo ao relato e que mima aos cantantes en beneficio da dimensión escénica do espectáculo. A Real Filharmonía de Galicia, dirixida con entusiasmo por Paul Daniels, serviu a partitura de xeito infalible e o Orfeón Terra a Nosa fíxose copartícipe do éxito tanto no musical coma no actoral. Raquel Lojendio acoplouse á súa personaxe cunha enorme enerxía vital ben canalizada pola dirección; Sebastià Peris soubo manterse na liña entre o tráxico e o grotesco; e Marina Pardo defendeu con sólida seguridade o duplo papel que se lle asignou.

Nunha época onde a ambición artística se substitúe con moita frecuencia por unha simpleza enunciativa sen matices, un espectáculo como A amnesia de Clío indica camiños posibles nun tratamento do político que transcenda a mera anécdota. E o éxito -artístico e de público– transfórmase nun exemplo de todo o que se pode construír a partir dun talento non sempre recoñecido. O esforzo de Voadora por facelo posible non debería pasar desapercibido.

 

A amnesia de Clío, de Fernando Buíde e Fernando Epelde

Composición FERNANDO BUIDE
Libreto FERNANDO EPELDE
Dirección escénica MARTA PAZOS
Dirección musical PAUL DANIEL

Clío RAQUEL LOJENDIO
George Bush SEBASTIÁ PERIS
Ángela Merkel / Zimmerman MARINA PARDO
Bailarines DIEGO BUCETA, FRAN MARTÍNEZ
Coro ORFEÓN TERRA NOSA (Dir. MIRO MOREIRA)
Orquesta REAL FILHARMONÍA DE GALICIA

Iluminación JOSÉ ALVARO CORREIA
Escenografía MARTA PAZOS
Coreografía RUT BALBÍS
Vestuario PIER PAOLO ALVARO
Caracterización FANY BELLO

Director Musical Asistente PABLO DEVIGO
Regidor / Asistente de dirección FRANCO ORSINI
Ayudante de escenografía y vestuario CARMEN TRIÑANES
Construcción CENTRO DRAMÁTICO GALEGO
Foto cartel VIRGINIA ROTA
Fotos de escena ROSIÑA ROJO, XAVIER CORTIZO
Asistente de producción LIZA G. SUÁREZ
Producción técnica HUGO TORRES
Producción JOSE DÍAZ

Una producción de VOADORA
en coproducción con CONSORCIO DE SANTIAGO – REAL FILHARMONÍA DE GALICIA, XUNTA DE GALICIA, ASOCIACIÓN DE AMIGOS DE LA ÓPERA DE SANTIAGO.

Teatro Colón. A Coruña. 12 de novembro de 2019.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Lambetadas |

Talía anuncia a estrea de ‘Lambetadas’

OBojador |

O Bojador