in

A Xunta inclúe o Festival ‘Escenas do cambio’ na programación Xacobeo’21

JerkGiseleVienne |
A sexta edición estreará seis pezas, tanto de compañía internacionais como galegas, que contan con este certame como escaparate das súas creacións.

 

A Xunta de Galicia programará na sexta edición do Festival de inverno de teatro, danza e arte en acción da Cidade da Cultura, Escenas do cambio, a estrea de seis pezas tanto de artistas internacionais como de compañías galegas. Ademais, este 2020 terá como novidade a súa incorporación á programación Xacobeo’21.

Deste xeito, o festival internacional do Gaiás contará entre as súas 10 pezas -que programará entre o 31 de xaneiro e o 8 de febreiro de 2020- con obras de figuras de referencia internacional, que están ao fronte das accións máis anovadoras e vangardistas da escena actual. Así, a coreógrafa polaca-canadense Ula Sickle ondeará durante catro horas en Relay unha bandeira xigante negra por toda a Cidade da Cultura para sumarse simbolicamente ás manifestacións en Polonia en defensa dos dereitos das mulleres; e Dorothée Munyaneza reconstruirá en Samedi Détente o xenocidio da súa Ruanda natal desde a perspectiva real coma testemuña deste cruento conflito.

Salienta a peza Jerk, de Gisèle Vienne [na foto]: a partir dunha novela de Dennis Cooper, co que habitualmente soe colaborar, a francesa reconstruirá o caso real de Dean Corll, quen asasinou a máis de 20 nenos en Texas coa axuda de dous adolescentes. A representación destas historias será a través dun actor-ventrílocuo e monicreques.

 

Obra con xuíz, avogado e fiscal reais

O director xeral de Políticas Culturais da Xunta, Anxo M. Lorenzo, foi o encargado de presentar hoxe a programación deste festival na aula da Escola de Práctica Xurídica, onde o alumnado da Facultade de Dereito da USC fai simulacros de xuízos, xa que unha das obras importantes desta edición é Please, continue (Hamlet), na que se contará cun elenco xudicial real -un xuíz, avogado e fiscal en activo- para ficcionar en escena un xuízo ao coñecido personaxe de Shakespeare.

O dramaturgo e codirector catalán Roger Bernat trae por vez primeira a Galicia esta aplaudida obra, na que facendo desaparecer a chamada cuarta parede, tamén converterá o público asistente en xurado popular nunha escenificación do cidadán Hamlet, acusado de matar o seu tío Polonio.

 

Programación Xacobeo 21


Publicidade

As propostas desta edición de Escenas do cambio foron posta en valor polo director xeral de Políticas Culturais, quen considerou que sitúan o festival como unha das “citas culturais imprescindibles” para coñecer as propostas escénicas “máis innovadoras” e de “máis prestixio” no eido internacional, o que cualificou de “oportunidade única” para o público que asista ao festival.

Ademais, anunciou a incorporación deste certame á programación do Xacobeo 21 e puxo en relación a similitude da confluencia e convivencia en Escenas do cambio de artistas e compañías de diferentes partes do mundo -España, Portugal, Polonia, Francia, Austria, Hungría e Ruanda, nesta edición- coa que se produce nas Rutas Xacobeas cos peregrinos.

Na súa intervención, Anxo Lorenzo tamén salientou a alta presenza de creadoras mulleres nesta edición, “un total de seis, que supoñen o 50 por cento do repertorio do festival”, remarcou. Á vez, lembrou que con esta participación o festival volve amosar a súa aposta pola creación e por temáticas desde perspectivas femininas.

Na presentación, o responsable de Políticas Culturais da Xunta estivo acompañado polo director artístico do festival, Pablo Fidalgo Lareo; a nova decana da Facultade de Dereito, Ana Gude, e os artistas galegos Quico Cadaval e Celso Sanmartín.

 

Tres estreas absolutas galegas

O director de Escenas do cambio tirou proveito da presenza dos artistas galegos na rolda para incidir na aposta do festival pola creación escénica da nosa Comunidade. Neste senso, apuntou a que as tres estreas absolutas son de compañías galegas, tanto de creadores consolidados como son Quico Cadaval, Guti e Celso Fernández Sanmartín, que en Tres vellas (polo menos) ofrecerán unha orixinal sesión de contacontos mentres o público cea; como de emerxentes como Los Bravú coa súa performance Caderno de vacacións e Pálido Domingo con Pentecostés.

O narrador e contacontos Celso Fernández Sanmartín -que presenta por terceira vez unha obra súa en Escenas do cambio- tamén interveu na rolda para agradecer o papel do festival como “altofalante” do “moito e de boa calidade” do que “quere e ten que dicir, contar e expresar” o gremio escénico galego e puxo en valor o feito de que as tres estreas absolutas desta edición sexan precisamente de compañías galegas.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

theatre1179752 |

Danse a coñecer os gañadores do programa Xuventude Crea na modalidade de Teatro

7D286006 75F9 45A9 B441 2FE9C6D1AC15 |

Tiago Rodrigues dirixirá a Royal Shakespeare Company