in

Finisterrae: O último ultramarinos

UltimoUltramarinosAlakran |

Agarrarse ao pasado

| Xoán Carlos Riobó |

 

Antes de aparecer as grandes superficies, nas vilas galegas había unhas pequenas tendas familiares de alimentación que abastecían ás nosas nais, avoas e bisavoas con produtos traídos de ultramar e outros básicos, necesarios para o día a día dunha familia. Alí fiábase. Moitos clientes tiñan caderniños nos que o vendedor anotaba as compras diarias que se pagaban a fin de mes. As persoas coñecíanse e chamábanse polo nome. A tenda era unha pequena ágora pola que pululaban os clientes para falar das cousas cotiás que acontecían na vila. O despoboamento dos pequenos núcleos e a incursión dos supermercados, que entraron nunha competencia desleal co pequeno comercio, foi o principio do fin destas tendas.

Os ultramarinos que sobreviven, adáptanse ás necesidades do actual estilo de vida. Amplían os horarios de apertura, especialízanse nalgúns produtos gastrónomos ou rehabilitan as casas para a hostalería. Moitos tendeiros seguen aguantando na espera dunha xubilación que lles achegue unha pequena paga de autónomo. Estas pequenas tendas e a vida de quen as habita, forman parte do esplendor pasado e dun presente incerto que mira desde a liña divisoria para o fondo do acantilado.

O texto de María Lado (Premio María Casares 2019 ao Mellor Texto orixinal por Anatomía dunha serea), fala do último ultramarinos que existiu na Costa da Morte. Con claras e continuas referencias ao pasado, contempla a morte inexorable do pequeno comercio ao que non lle queda outra que adaptarse aos novos tempos.

Ao contrario do que podiamos supoñer, tratándose dunha compañía de bonecos como Producións Teatrais Alakrán, este espectáculo é de actor, e só utilizan marionetas e sombras chinescas para ilustrar, maiormente, acontecementos que se relacionan con desastres sucedidos na Costa da Morte, como a catástrofe ecolóxica do Prestige, a dor que supuxo para o pobo, reflexada no alemán de Camelle ou o incendio da igrexa da Virxe da Barca.

Sorprende gratamente o traballo actoral de Borja Insua e Celtia Figueiras que escapan da súa zona de confort, para abordar a creación dos personaxes. Borja Insua representa a Berto, propietario do ultramarinos, que está a vivir unha situación extrema. Contempla este, sen reacción, a decadencia do negocio e da súa propia vida, afogado na incapacidade de loitar por sobrevivir e transformar un negocio que está abocado á morte. Celtia Figueiras é Mónica. Cun movemento máis estilizado, constrúe o personaxe dunha muller que regresa ao pobo, azoutada por varios fracasos, despois de vivir moitos anos na cidade. Aínda así, ten unha vitalidade e alegría que complementa a pasividade de Berto. Ela é quen conta desde o presente, a fábula que aconteceu no pasado. Ambos personaxes, contidos, semellan agochar partes da súa propia vida que garda algún misterio.

Hai un terceiro personaxe interpretado polo director do espectáculo Topo Vidal que, igual que Kantor, entra en escena, neste caso para cambiar a escenografía, colocar novos elementos e manipular as marionetas e sombras, rompendo así, esa tensión constante da obra, igual que o humor tan galego que, con pinceladas, atravesa o espectáculo.


Publicidade

O espazo sonoro, creado por Rafael Iglesias e Topo Vidal, simula atmosferas onde o tempo parece estar en suspensión, que non quere avanzar, que permanece estático. Tamén dá un punto de tensión e reflexa o simbolismo asociado ao imaxinario galego. A correcta iluminación foi asinada por Octavio Más.

Asistimos pois, a un espectáculo sólido e rexo na interpretación, na dramaturxia e na dirección, que fotografía con nitidez a Galiza rural e a mentalidade do galego, tan remisa ao cambio e á superación, mais non debemos esquecer que, no presente, o grande come ao pequeno.

Salientar tamén o gran esforzo económico feito pola compañía de Borja Insua, xa que a produción carece de calquera axuda pública.

 

Finisterrae: O último ultramarinos, de Producións Teatrais Alakrán.

Dirección e dramaturxia: Topo Vidal.
Texto
: María Lado.
Elenco: Borja Insua, Celtia Figueiras e Topo Vidal.
Escenografía e bonecos: Borja Insua.
Deseño de iluminación: Octavio Más.
Composición musical: Marcos Blanco Romero.
Deseño espazo sonoro: Rafael Iglesias, Topo Vidal.
Realización espazo sonoro: Estudios Alu.
Voces en off: Laura Ponte, Gabriel Penabade “Lucho” e María Lado.
Axudante de dirección: Branca Breijo.
Mural final: Marcelino de Santiago “Kukas”.
Vestiario: Celtia Figueiras.
Deseño cartel: Mario Maceiras.
Comunicación: Yolanda del Campo
Fotografía: Xurxo Rey.

Auditorio Centro Sociocultural de Negreira. 16 de novembro de 2019.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

salon teatro04 |

Agadic desmente agora que vaia haber recortes no CDG e no CCG

facultadefiloloxa |

A expresión dramática no ensino, a debate