O concello de Brión acolle este xoves e venres a vixésimo cuarta edición do Festival de Títeres que se celebra no Nadal. Este ano as funcións correrán a cargo das compañías A Xanela do Maxín (Galicia) e Xarop Teatre (Valencia). As funcións terán lugar ás 17:30, no Centro Social Polivalente. A entrada é de balde ata completar o aforo do local.
O xoves 2 de xaneiro A Xanela do Maxín presentará a obra A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza, unha divertida obra dirixida a crianzas dende os 2 anos de idade baseada no álbum ilustrado do mesmo título publicado por Kalandraka, ideado por Werner Holzwarth e Wolf Erlbruch. A montaxe corre a cargo de Celtia Figueiras e Luís Vallecillo, con monicreques de Marcelo Fernández, onde unha toupiña percorrerá a granxa investigando, moi indignada, cal dos animais lle deixou un cheirento pucho sobre a testa. Unha obra simpática e escatolóxica que provoca gargalladas e fai que os espectadores empaten coa pequena toupa, ferida no seu orgullo.
O venres 3 de xaneiro, a compañía valenciana de teatro e títeres Xarop Teatre presentará Los primeros burritos, un espectáculo a cargo de Carles Benlliure e Rebeca Castro. Nel Dorian, un burro novo que vive a vida cunha inmensa curiosidade e inocencia, pasta e corre na súa pradería xunto con toda a súa familia. Pep, un león que é cazado mentres dorme e metido nunha gaiola de circo. Ningún dos dous alcanzouse a imaxinar o que ía pasar. Un día chegan os humanos, aos burros e ao león cámbialles a vida para sempre.