O Teatro Rivoli do Porto fai 88 anos e, para celebralo, propón unha fin de semana de programación intensa e gratuíta dirixida a todas as idades. Os días 16, 18 e 19 de xaneiro haberá espectáculos, instalacións e concertos para descubrir o Teatro Municipal do Porto.
A celebración reunirá en 48 horas un anaco do que o Teatro Municipal do Porto – Rivoli e Campo Alegre ofrece durante todo o ano: unha programación multidisciplinar dirixida ao público máis variado e que navega entre propostas artísticas tradicionais e outras máis contemporáneas.
Antes, o xoves 16, está programada unha sesión especial das Quintas de Leitura, aás 22:00, con carácter solidario. Valter Hugo Mãe, Pedro Lamares, Teresa Coutinho, Isaque Ferreira e Samuel Úria son algúns dos nomes que subirán ao escenario do Grande Auditório Manoel de Oliveira, no que será o limiar dunha festa de aniversario, redonda en números, mais enigmática en sorpresas, meticulosamente preparada para provocar no público una miríade de emocións.
Entre o máis destacados, o espectáculo franco-indio ASH, oda visual e coreográfica de Aurélien Bory & Shantala Shivalingappa, en estrea en Portugal; a última creación da compañía de teatro da cidade Visões Úteis, Little B; ou o espectáculo para familias Narrow da compañía belga Laika.
Durante esta gran festa tamén haberá oportunidade de ver pezas curtas ocupar varios espazos de Rivoli, desde o vestíbulo até o subescenario, simultaneamente con creacións de Daniel Seabra, Sonoscopia e dos Jovens Artistas Associados (o dúo Guilherme de Sousa & Pedro Azevedo e Ana Isabel Castro), ademais doutras actuacións e espectáculos.
A entrada é gratuíta e os billetes (para sábado e domingo) poden ser levantados na Bilheteira do Teatro Rivoli no sábado, 18 de xaneiro, a partir das 11:00, cun máximo de dous billetes por persoa e por espectáculo (até esgotar aforo).
No sábado (día 18) tamén se revelará a programación do Teatro Municipal de Porto, de marzo a xullo.