in

O Consello da Cultura analiza ‘O estado da danza en Galicia’.

CCG
O vindeiro martes 21 de xaneiro, o Consello da Cultura organiza unha xornada, coordinada por Natalia Balseiro e Dolores Vilavedra, de debate e pescuda sobre ‘O estado da danza en Galicia’.

 

A situación da danza en Galicia atópase nun estado de explosión creativa tanto nas ideas, nos procesos creativos, nos proxectos e nas formas de enfrontarse aos públicos. Mentres isto sucede asistimos a un tempo de decadencia no soporte institucional e nas políticas públicas dende a Administración. A situación require dunha radiografía urxente do sector dende o estado da formación ata a conformación dunha escena plural ao longo a ancho e todo o territorio. Neste encontro convidaremos a unha serie de xornalistas galegas que operan dende diferentes medios de comunicación: radio, prensa escrita e televisión, para tentar introducir o tema na súa axenda e analizar o estado da danza, diagnosticando o momento e propoñendo unhas liñas de acción para o futuro.

Dende a xornada elaborarase un informe-diagnóstico para que o Consello da Cultura Galega, a partir da súa Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais, poida trasladarllo á Xunta de Galicia para pedir a súa inclusión na axenda pública e solicitar que se inclúa nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia

Os obxectivos da xornada son fundamentalmente tres: radiografar a situación actual da danza en Galicia e retos de futuro; crear un espazo de actualización, diálogo e debate entre os axentes que traballan no sector da danza en Galicia; e documentar a radiografía a través de dous tipos de documentos: unha publicación e un vídeo de cada unha das entrevistas.

A inscrición nesta xornada é gratuíta. O número de prazas, limitado a 100, será cuberto por rigorosa orde de inscrición. Entregarase un diploma acreditativo de asistencia á xornada a todos os que asistan a un 75% das sesións. As inscricións deben solicitarse aqui.


Publicidade

 

Programa

MAÑÁ
9:30
Presentación
Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega
Dolores Vilavedra e Natalia Balseiro, coordinadoras da xornada e membros da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do CCG.

10:00
A relevancia da danza na Educación Pública
Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro da Coruña, entrevista a Mercedes Prieto, profesora de danza e investigadora.

11:00
Estado do proxecto da Escola Superior de Danza de Galicia e o seu futuro
Manuel Xestoso, subdirector da Revista Galega de Teatro, entrevista a Luciano Gómez, director do Conservatorio de Danza da Deputación da Coruña, e a Manuel Vieites, director da ESAD.

12:00
Baile tradicional e o folclore no sistema actual da danza en Galicia: memoria e transmisión
Xermán Hermida, xornalista de Culturagalega.gal, entrevista a Quique Peón, coreógrafo e director de Xacarandaina e da Quique Peón Cía

13:00
Operacións máis aló da exhibición para conformar un ecosistema sustentable na danza
Roberto Pascual, director da MIT Ribadavia, entrevista a Caterina Varela, bailarina e xestora cultural.

 

TARDE
16:00
Características principias dos tempos nos que o ecosistema da danza camiñaba cara adiante en Galicia e efectos producidos: dentro e fóra
María Yáñez, xornalista cultural, entrevista a Afonso Becerra, crítico de danza e profesor da ESAD).

17:00
A apertura de contextos plurais para a danza e as artes vivas en Galicia
María Solar, escritora, dialoga con Sabela Mendoza, xestora cultural.

18:00
A Xunta de Galicia como núcleo das políticas públicas de danza en Galicia. Tratamento para os síntomas no futuro
Natalia Balseiro, mediadora cultural e membro da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do CCG, entrevista a Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia, e María Pereira, directora de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

19:00
Conclusións e peche da xornada

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

CarabelaGaleteatro01 |

Galeatro estrea ‘Carabela’ en Carballo

DeputacionCoruña |

A Deputación da Coruña destina dous millóns de euros á súa Rede Cultural