in

Pálido Domingo estrea ‘Pentecostés’ no Teatro Ensalle

PentecostesPalidoDomingo |
Teatro Ensalle acolle este xoves 23 de xaneiro ás 21:00 a estrea de Pentecostés, da compañía Pálido Domingo. Trátase da segunda peza do trío formado por Belén Bouzas, Fran Martínez e Diego Buceta (anteriormente coñecidos como Prácido Domingo) despois de Non hai que ser unha casa para ter pantasmas. O espectáculo poderá verse tamén na sala viguesa os días 24, 25 e 26 de xaneiro ás 21:00.

 

Se no seu primeiro traballo Non hai que ser unha casa para ter pantasmas poñían “o foco no lado máis profundo do ser”, nesta ocasión Pálido Domingo procura “habitar unha vez máis a fronteira entre a dor e o amor, a relación e a incomunicación, o dentro e o fóra, pero desta vez iluminando, proxectando luz na carne, na materia”.

Pentecostés non é un milagre. Non é unha revelación. Non é nada importante que pasará á Historia. En realidade non é nada sumamente relevante. É fráxil. E é forte. É un fío de luz a través dun muro de pedra. “Pentecostés supón para nós o despertar da luz. Procuramos a iluminación pero aínda nos queda un cacho para chegar alá. Polo de agora renconfórtanos un pouco de calma, dar de comer aos animais no zoo ou beber sangría no parque. Como Lou Reed. Un día perfecto, un pouco de paz. Por iso sometemos os nosos corpos a unha relixiosidade pagana, a unha liturxia de movementos na procura dun instante. Unha loita encarnizada, tan suave como dolorosa, tan inofensiva como vital”, indican.

Accións. Prácticas. Rituais. Movementos que se repiten unha e outra vez, día tras día. Son algúns dos puntos de partida de Pentecostés: unha liturxia pagana na procura dun instante.

Pentecostés poderá verse tamén, o 31 de xaneiro, no festival Escenas do Cambio de Compostela.

 

Cía. Pálido Domingo

A comezos do verán de 2016, Belén, Fran e Diego comezaron o seu proxecto común que bautizaron co nome de Prácido Domingo, co obxectivo principal afondar na linguaxe do corpo a partir da investigación nas técnicas interpretativas de adestramento físico ligadas ao Aikido, a danza contemporánea e ao teatro físico.


Publicidade

Este proxecto basea a súa actividade en dúas liñas de traballo fundamentais: a artística, por medio da creación e distribución de espectáculos no ámbito da creación contemporánea, e pedagóxica, impartindo cursos destinados á formación de creadores e creadoras vinculados á danza, ao teatro e ás artes do movemento.

Baixo este nome firmaron e deron a luz o seu primeiro proxecto escénico Non hai que ser una casa para ter pantasmas, estreado en decembro de 2017 no teatro Ensalle de Vigo. Foi recoñecido co 1o premio Xuventude Crea 2017 e co Premio da Crítica no 32º Certamen Coreográfico de Madrid 2018, e participou en festivais como CortoIndanza (Cerdeña), Corpo[a]Terra (Ourense) ou Migrats en Breu (Valencia) e en espazos como Sala Inestable (Valencia), Teatro Rosalía de Castro (A Coruña) ou Teatro Pradillo (Madrid).

Neste ano 2020, “conscientes e críticas co momento actual, e porque non somos sempre as mesmas persoas, encaramos esta nova etapa rebautizadas como Pálido Domingo, co que daremos a luz o noso segundo proxecto, Pentecostés. Sempre camiñando cara diante. Sempre na procura da luz”.

 

Ficha artística do proxecto

Belén Bouzas, Diego M. Buceta e Fran Martínez. Creación: Pálido Domingo. Iluminación: Laura Iturralde. Fotografía: Miguel Vidal e L. Iturralde. Deseño gráfico: Alba Troiteiro. Apoios: Teatro Ensalle, Colectivo RPM e Paso a 2. Agradecementos: AveLina Pérez e A Artística Vigo.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

SutilXornadasDanza |

A Agadic recoñece que non haberá dirección para o Centro Coreográfico Galego

VidaDeCans |

Talía Teatro ocupa o Salón Teatro de Compostela