in

A Agadic recoñece que non haberá dirección para o Centro Coreográfico Galego

SutilXornadasDanza |
18,00 h.- O director da Agadic, Jacobo Sutil, participará na xornada O estado da danza en Galicia. Na sede do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar. Praza do Obradoiro). foto xoán crespo 21/01/2020
Este martes, durante a xornada organizada polo Consello da Cultura Galega sobre “O estado da danza en Galicia”, o director da Agadic, Jacobo Sutil, anunciou que a figura do director do Centro Coreográfico de Galicia (CCG) desaparecería no novo esquema organizativo da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), ante a indignación dunha gran parte dos asistentes á xornada. | Manuel Xestoso |

 

Jacobo Sutil interviña, na sesión titulada A Xunta de Galicia como núcleo das políticas públicas de danza en Galicia. Tratamento para os síntomas no futuro, conducida por Natalia Balseiro, mediadora cultural e membro da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do CCG, e sorprendeu cun anuncio que foi interpretado polos asistentes como “o golpe de gracia que condenaba a danza”.

O director da Agadic insistiu en que “o CCG non desaparecerá”, aínda que deixou entrever que deixaría de existir como unidade de produción: “unha produción propia ten uns custos e veremos se eses custos se axustan ao obxectivo de conseguir que se incremente a difusión da danza en Galicia”, asegurou, ante o enfado de moitos dos participantes na xornada, que lle recriminaban que suprimise “ a oportunidade de crear un proxecto integral para as artes do movemento en Galicia”.

Sutil indicou que se buscaría “un perfil máis administrativo” para a figura que substitúa á dirección do CCG, “alguén que faga de intermediario co sector”, asegurou, ao tempo que matizaba que esa persoa non tería unha dedicación exclusiva á danza. Tampouco definiu con precisión cales serían as funcións que tería esa nova figura que, ademais, non tería poder executivo: “simplemente poderá propoñer”.

As declaracións de Sutil, que recoñeceu ao comezo da súa intervención que “a programación de espectáculos de danza é minoritaria” levantaron unha gran axitación entre os asistentes, que interpretaron este anuncio como un movemento que invalidaba o diálogo mantido coa axencia nos últimos meses.

Ademais, confirmou que o orzamento do CCG sería de 50.000 euros, un 66% menos que no exercicio pasado, malia que no pasado novembro a Agadic desmentira que fose haber recortes nos orzamentos do Centro Dramático galego nin no Centro Coreográfico, despois de que unha pregunta no Parlamento da deputada do BNG Olalla Rodil ao conselleiro de Cultura, desvelase que o Proxecto de Orzamentos para 2020 reducía os fondos do CDG de 600.000 euros a 350.000 e os do CCG, de 150.000 a 50.000.

 


Publicidade

Polémica

O Centro Coreográfico Galego vén sendo o centro dunha agre polémica dende o pasado mes de xuño, cando un grupo de profesionais denunciaron a inactividade do centro, a inexistencia dun plan de actuación para as artes do movemento e o que consideraban “múltiples irregularidades” na coprodución de Maestro Rodrigo, o último espectáculo promovido polo centro. A unidade de produción está sen dirección despois da renuncia de Mercedes Suárez.

A Plataforma de Afectadas polo Centro Coreográfico Galego, un colectivo que reúne á gran parte do sector profesional da danza en Galicia, elaborou a finais do pasado ano un documento no que se suxerían diversas modificacións ao Proxecto de Decreto que modifica o Estatuto da Agadic e no que se solicita que a Danza e as Artes do Movemento sexan tratados “co mesmo rango, dotación de recursos, competencias e funcións cos restantes Departamentos”.

No proxecto de novo Estatuto da Agadic, intégranse nun novo departamento a danza e a música, unha modificación á que se opoñen os profesionais do sector que consideran que “ambas manifestacións culturais necesitan dun tratamento e unha dirección técnica específica que non se pode atender dende políticas públicas e unidades administrativas homoxeneizadoras”.

A Plataforma vén denunciando dende hai meses o “baleirado de funcións” que supón o novo Estatuto, e solicitan que as funcións “tanto do Departamento de danza, como da persoa coordinadora do mesmo, sexa revisada e consensuada co sector profesional, mediante a apertura dun proceso de participación”.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

D1C7C2C1 E4CE 4B94 912F F045D2FAF7D4 |

Debut, por Esther Carrodeguas

PentecostesPalidoDomingo |

Pálido Domingo estrea ‘Pentecostés’ no Teatro Ensalle