in

O teatro e danza institucionais, ameazados polas reformas anunciadas pola Xunta

RoldaAAAGAcademia |
A AAAG, a Academia de Teatro e Músicos ao Vivo, esixen a retirada dun Proxecto de Decreto para modificar os Estatutos da Agadic que se está a levar a cabo de costas ao groso do sector e que “acentuará o desmantelamento sistemático que a Xunta de Galicia está a practicar coas unidades de produción institucional”; Escena Galega pide unha mesa de diálogo para redefinir a política escénica e cultural; e o sector profesional da Danza pide a reconsideración do proxecto. | Manuel Xestoso |

 

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia, a Academia Galega de Teatro e Músicas ao Vivo compareceron hoxe ante os medios para “alertar dun novo capítulo no desmantelamento sistemático que a Xunta está a levar a cabo no Centro Dramático Galego (CDG) e no Centro Coreográfico Galego (CCG)”. Segundo estas asociacións, a Xunta pretende acabar coa xa escasa autonomía do CDG, reducir as funcións da súa dirección e eliminar a súa representatividade. No caso do Centro Coreográfico Galego, a súa actividade quedará diluída na burocratización e a súa dirección ficará sen funcións atribuídas.

Segundo os convocantes, isto é o que se desprende do proxecto de decreto polo que se modificará parcialmente o Estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), entidade integrada na estrutura da Consellería de Cultura e Turismo e da que dependen tanto o CDG coma o CCG, que, por outra banda, se están a desenvolver de costas ao sector, sen informar nin consultar ao groso das asociacións do tecido profesional. O novo Estatuto da Agadic atópase até mañá, venres 13, en prazo de envío de suxestións.

Publicidade

Xose Barato, da AAAG, e Imma António, de Academia Galega de Teatro, lembraron que o pasado 20 de novembro, no pleno do Parlamento, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, anunciou un novo Estatuto da Agadic, que viría a substituír o que está en vigor dende 2012. Rodríguez asegurou que entre os cambios, atopábanse a creación da figura do xerente da Agadic; a inclusión na axencia do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) e a creación dun novo departamento de danza no que se situará o Centro Coreográfico. Non obstante, o conselleiro omitiu outra serie de cambios de maior calado que se descobren agora ao consultar o proxecto de novo estatuto.

O actual estatuto da Agadic estipula que o titular do Departamento de Produción Teatral exerce unha serie de funcións. Entre os seus cometidos, constan exercer a dirección artística do Centro Dramático Galego; decidir o plan de programación anual do CDG e, en particular, o do Salón Teatro; seleccionar e contratar as compañías artísticas e/ou produtoras encargadas de producir cada espectáculo programado; facer a selección e o contrato dos artistas para aqueles espectáculos que o requiran e, en xeral, xestionar o programa de actividades culturais do CDG; exercer a representación ordinaria do Centro.

Coa modificación que ten en marcha a Xunta, reduciríanse sensiblemente estas competencias, xa que o titular xa non decidirá o plan de programación anual, senón que simplemente se encargará de “propoñer” o citado plan e entre as súas funcións desaparece a representación ordinaria do Centro. Ademais, xa non terá a obriga de “seleccionar e facer o contrato dos artistas”, senón que o seu papel se limitará a “participar na selección dos artistas”.

O responsable do departamento é tamén o director artístico do CDG, un cargo actualmente vacante tras a marcha hai uns meses de Fefa Noia e cuxo proceso de selección está en vías de resolución. Espérase que a resolución definitiva teña lugar a finais desta semana ou principios da seguinte.

 

Falta de diálogo e recortes

Dende a AAAG, a Academia Galega de Teatro e Músicos ao vivo aproveitouse a ocasión para desmentir ao Conselleiro de Cultura, quen en sede parlamentaria asegurou ao anunciar o novo estatuto da Agadic que se falara co sector ao respecto. As entidades convocantes afirmaron que non consta contactos sobre este asunto co groso do tecido asociativo profesional nin se informou dos sensibles cambios que se emprenderán, polo que se debe considerar que o novo estatuto se realiza de costas ao sector.

Ademais, na rolda de prensa lembrouse que esta situación ao respecto do estatuto chega tan só quince días despois das dúbidas xeradas -e non suficientemente aclaradas por parte da administración pública- sobre o Proxecto de Orzamentos de 2020, que recolle significativas baixadas no investimento real do CDG e do CCG. No caso da institución de teatro público, as partidas baixarían dos 600.000 destinados en 2019 aos 350.000 euros previstos en 2020. No caso do CCG, a cifra pasaría dos 150.000 a 50.000 euros. Tras a denuncia pública de diferentes asociacións do sector, a Agadic limitouse a asegurar que non habería recortes e que no 2020 habería proxectos do CCG e do CDG ao abeiro do Xacobeo. Tales explicacións semellan totalmente insuficientes para estas asociacións, xa que non se clarifican con transparencia as contas do vindeiro exercicio.

Por outra banda, dende a AAAG, Músicas ao Vivo e a Academia tamén se quixo alertar ao respecto da situación do Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI), xa que a través deste novo estatuto pasaría a adscribirse funcionalmente á Agadic e a formar parte do Departamento de Produción Audiovisual, abríndose a porta a que o titular deste departamento asuma as competencias do anterior posto de director do CGAI. Provocaríase así tamén unha perda de independencia da filmoteca galega.

Publicidade

Por último, esixiuse que a Consellería de Cultura retire este proxecto de decreto e se reúna coas diferentes asociacións que conforman o sector; non só para abordar as modificacións do Estatuto da Agadic, senón para emprender de forma colectiva un cambio de rumbo na xestión dunhas políticas culturais da Consellería que non son acordes á realidade profesional nin ás necesidades artísticas nin ás demandas da cidadanía. Inma Antonio, recapitulou denunciando “o desmantelamento absoluto de todas as institucións que fortalecen a nosa cultura e a nosa identidade”.

 

RoldaAAAGAcademia2 |

 

 

Escena Galega pide unha mesa de diálogo

A Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas, Escena Galega, non estivo presente nesta comparecencia. Non obstante, as posibles discrepancias son máis de forma que de fondo. Belén Pichel, a actual presidenta de Escena Galega, manifesta que a asociación “está plenamente de acordo co fondo do comunicado de AAAG e a Academia” e considera que o proxecto de novo Estatuto da Agadic “redunda nunha falta de autonomía que, de feito, xa se vén xestando nos últimos anos”.

Pichel subliña que eses cambios lingüísticos que lle atribúen ao novo director do CDG o papel de “propoñer” no canto de “seleccionar” ou decidir” supoñen a plasmación por escrito de algo que xa vén sucedendo dende hai oito anos, nos que a dirección do CDG nin decidía nin seleccionaba, aínda que tiña capacidade para facelo”. Por outra parte, engade, “non se fala en ningures de produción, o cal debería ser máis alarmante dado que pode significar a desnaturalización do CDG como, precisamente, Unidade de Produción da Axencia”.

A presidenta de Escena Galega desmente tamén ao conselleiro: “A nosa asociación si que foi informada dalgúns dos cambios que ían darse na Axencia –e por iso non podemos afirmar que non estivésemos ao tanto–, mais iso non significa que aceptásemos eses cambios, como asegurou o conselleiro no Parlamento: en ningún caso esa reforma do Estatuto foi consensuada”.

Porén, Escena Galega prefire centrar os seus esforzos na esixencia dunha mesa de diálogo que defina dende cero cales son os obxectivos do Centro Dramático Galego e que o reestruture en función das finalidades que esa mesa marque como meta. En certo sentido, di, “Escena Galega xa deu un primeiro paso cara ao diálogo coas Xornadas organizadas este ano no Culturgal, nas que representantes de diversas institucións escénicas da península (o Teatre Nacional de Cataluña, o Teatro Arriaga de Bilbao e o Centro Andaluz de Teatro) expuseron experiencias moi diversas sobre o funcionamento de entes deste tipo.

“Doutra banda”, continúa, “este diálogo debería facerse extensivo ao Centro Coreográfico Galego, que sofre aínda máis con este reaxuste, xa que só contempla a creación dun coordinador que deberá atender ás esixencias da creación musical e ás da danza, o cal significa rebaixar considerablemente o estatus desta como arte autónoma. O que ocorre”, remata Pichel, “é que o colectivo de coreógrafos e bailaríns ten menos forza e por iso as consecuencias teñen menos eco na sociedade”.

 

Incógnitas sobre o Centro Coreográfico Galego

Efectivamente, na rolda de prensa desta mañá, Xosé Barato e Inma António subliñaron que “o conselleiro de Cultura no seu anuncio na Cámara asegurou que a danza contaría cun novo departamento no que se integraría o Centro Coreográfico. Porén, a realidade que se recolle no Proxecto de Decreto é diferente. Se no Estatuto da Agadic de 2012, se constituía un Departamento de Produción Coreográfica, na mudanza que se está preparando, tal departamento substitúese por un novo Departamento de Música e Danza”.

Entre as diferentes funcións do seu titular, recóllese unicamente unha vaga referencia ao CCG: “Exercer a dirección do Centro Coreográfico”. Deste xeito, desaparecen importantes cometidos: “Seleccionar e contratar as compañías artísticas”, “facer a selección e o contrato dos artistas”, “impulsar os acordos de cooperación e colaboración con outros centros análogos” e “exercer a representación ordinaria do Centro”. Dende Músicas ao Vivo, alértase ademais que este Departamento de Música e Danza estará baleiro de contidos para o sector musical.

 

O sector da danza pide que se reconsidere a xestión conxunta coa música

A Plataforma de Afectadas polo Centro Coreográfico Galego, un colectivo que reúne á gran parte do sector profesional da danza en Galicia, elaborou un documento no que suxire diversas modificacións ao Proxecto de Decreto que modifica o Estatuto da Agadic e no que se solicita que a Danza e as Artes do Movemento sexan tratados “co mesmo rango, dotación de recursos, competencias e funcións cos restantes Departamentos”.

Neste documento, opóñense á “integración do Departamento de Danza no Departamento de Música prevista nos novos artigos 25 e 26 do Estatuto de AGADIC”, xa que consideran que “ambas manifestacións culturais necesitan dun tratamento e unha dirección técnica específica que non se pode atender dende políticas públicas e unidades administrativas homoxeneizadoras”.

Do mesmo xeito que fan a AAAG, a Academia de Teatro e Músicos ao vivo, a Plataforma denuncia o “baleirado de funcións” que supón o novo Estatuto, e solicitan que as funcións “tanto do Departamento de danza, como da persoa coordinadora do mesmo, sexa revisada e consensuada co sector profesional, mediante a apertura dun proceso de participación”.

Finalmente, a Plataforma pide que se aproveite a ocasión para dotar de verdadeira “autonomía e independencia á figura da dirección do Centro Coreográfico Galego, xa que a actual proposta dun Departamento de Música e Danza é difícilmente compatible coa xestión difereciada da danza dende esa Unidade de Produción.

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

UnaHumildePropuestaLailaRipoll |

O Principal de Ourense presenta o seu programa para o primeiro semestre de 2020

EroskiFilme |

‘Eroski Paraíso’, o filme, estréase en salas este venres