O prazo de inscrición remata o vindeiro 4 de marzo
O Certame de Teatro Escolar e Afeccionado da Deputación da Coruña na súa XXIII edición estará organizado polo IES Calvo Sotelo, centro dependente da propia Deputación da Coruña. Trátase dun certame de eido provincial aínda que está permitida a presentación de grupos, compañías e centros educativos que non pertenzan á provincia da Coruña. Así mesmo, e previo estudo de viabilidade, poderán presentarse grupos e compañías de fóra de Galiza. As obras presentadas poderán pertencer a calquera xénero teatral. As compañías, grupos e centros educativos non poderán presentar a concurso as mesmas obras do ano anterior.
As categorías para participar serán as seguintes: benxamín (educación infantil e 1º e 2º de primaria), infantil (3º, 4º, 5º e 6º de primaria), cadete (alumnos e alumnas da ESO), xuvenil (de 16 a 25 anos inclusive) e senior (grupos e compañías de teatro afeccionado).
O prazo de inscrición rematará o mércores 4 de marzo de 2020 (inclusive), e unha vez rematado o prazo procederase á elaboración do calendario. O período de representacións das obras teatrais programarase nos meses de abril, maio e ata o 13 de xuño nos días habilitados no formulario de inscrición. Unha vez finalizado o período de inscricións, concretaranse cas compañías e centros educativos as datas e horarios asignados para poder deseñar e publicar o antes posible o calendario de actuacións. Así mesmo, fixarase unha data para a reunión cos representantes das diferentes compañías e centros educativos participantes para antes do comezo do certame.
As obras distribuiranse nas categorías benxamín, infantil, cadete, xuvenil e sénior; representaranse nas instalacións do IES Calvo Sotelo (A Coruña) durante os meses de abril, maio e xuño. A gala de entrega de premios celebrarase no Teatro Colón o día 26 de xuño.
Bases
Primeira. O Certame de Teatro Escolar e Afeccionado da Deputación da Coruña na súa XXIII Edición estará organizado polo IES Calvo Sotelo, centro dependente da propia Deputación da Coruña. Trátase dun certame do eido provincial aínda que está permitida a presentación de grupos, compañías e centros educativos que non pertenzan á provincia da Coruña. Así mesmo, e previo estudo de viabilidade, poderán presentarse grupos e compañías de fóra de Galiza. As obras presentadas poderán pertencer a calquera xénero teatral.
As compañías, grupos e centros educativos non poderán presentar a concurso as mesmas obras do ano anterior.
Segunda. As obras representaranse de luns a sábado durante os meses de abril, maio e xuño en horario de tarde, respectando en todo momento o calendario oficial e escolar do 2020.
O deseño do calendario correrá a cargo da organización e realizarase unha vez remate o prazo de inscrición. Intentarase, na medida do posible, facilitar aos grupos, centros e compañías representar as obras nas datas propostas, mais sempre respectando a igualdade de condicións entre todos os grupos e as compañías participantes.
Para favorecer o desenvolvemento do certame delimitarase temporalmente o desenvolvemento da programación de cada unha das categorías.
Terceira. As compañías e os grupos poderán presentar obras nas dúas linguas cooficiais de Galiza, sendo a lingua vehicular de difusión e xestión do Certame a lingua galega.
Cuarta. Todas as representacións realizaranse no salón de actos do IES Calvo Sotelo. Recomendamos consultar o rider técnico na páxina web do IES para coñecer as características técnicas do espazo.
Quinta. O prazo de inscrición remata o día 4 de marzo de 2020.
Sexta. A inscrición realizarase en formato dixital, desde o seguinte enlace web: www.iescalvosotelo.com. Todas aquelas compañías, centros educativos ou grupos que presenten máis dunha obra deberán cubrir unha ficha de inscrición por cada unha delas.
Sétima. O pagamento dos dereitos de autor/a correrá a cargo dos centros educativos, grupos ou compañías, quedando a organización eximida desta obriga polas presentes bases. Na ficha de inscrición facilitamos folla da SGAE e enlaces de información ao respecto. Puntualizar que aquelas obras que requiran a reprodución de obras musicais que xeneren dereitos de autor tamén correrán a cargo das compañías, grupos e centros educativos.
Oitava. Todos os grupos, compañías e centros educativos deberán facilitar á organización o documento oficial de autorización de imaxe do Certame no que se especifique a autorización, de ser o caso, para a captación, inclusión e reprodución de imaxes que inclúa unha listaxe dos actores, actrices e equipo técnico. Nese documento deberán especificar o consentimento tanto dos titores ou titoras legais -no caso dos/as menores- como o consentimento, de ser o caso, dos actores, actrices e equipo técnico maiores de idade.
Novena. Os labores de carga e descarga, montaxe e desmontaxe correrán a cargo dos grupos e compañías.
Décima. Os centros, compañías e grupos deberán presentar un contrarider no caso de que o backline e medios técnicos do IES non sexan suficientes para levar a cabo o espectáculo. As necesidades técnicas non cubertas polo backline do Centro deberán ser cubertas polos grupos, compañías ou centros educativos cos seus propios medios.
Décimo primeira. O xurado estará formado por persoas con formación e experiencia nas áreas da literatura, a interpretación, a dirección e as artes escénicas. Conformarase un xurado específico cun mínimo de dúas persoas compoñentes en cada categoría.
Décimo segunda. O certame estará regulado por 5 categorías: –
- Benxamín (educación infantil e 1º e 2º de Primaria).
- Infantil (3º, 4º, 5º e 6º de Primaria).
- Cadete (alumnos e alumnas da ESO).
- Xuvenil (de 16 a 25 anos).
- Senior (grupos e compañías de teatro afeccionado).
Décimo terceira. Os premios por cada unha das categorías serán os seguintes:
Mellor Obra
- Primeiro, 300€ + estatuíña.
- Segundo, 250€ + estatuíña.
- Terceiro,200€ + estatuíña.
- Cuarto, 150€ + estatuíña.
- Quinto, 100€ + estatuíña.
- Do sexto ao décimo: 50€.
Mellor Actuación
Tarxeta regalo de 100€ + estatuíña
Mellor Actuación Reparto
Tarxeta regalo de 100€ + estatuíña
Mellor Dirección Artística (vestiario e escenografía)
Tarxeta regalo de 100€ + estatuíña
Entregaranse diplomas de participación para todos os actores e actrices, e diplomas de actuación destacada ós/ás seleccionados/as polo xurado.
Para o cobro dos premios en metálico, será requisito indispensable estar dado de alta como terceiro na Deputación da Coruña. Todos aqueles centros educativos ou compañías que non fosen premiados na edición anterior e/ou participen por primeira vez, terán que cumplimentar o formulario seguindo as instrucións indicadas no mesmo; poderase encontrar o enlace a este formulario no apartado de Inscricións da páxina web do Certame.
A gala de clausura e entrega de premios realizarase no Teatro Colón o día 26 de xuño de 2020 ás 20:00h.
Décimo cuarta. A inscrición no presente certame suporá a aceptación de todas as bases recollidas nesta convocatoria.
Décimo quinta. Para calquera dúbida, aclaración ou consulta contactar coa coordinación do certame nos seguintes contactos:
981 252 600 / 650 783 527 ou [email protected]
O horario de atención telefónica será os días lectivos no IES Calvo Sotelo de:
- Luns a xoves en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00.
- Venres de 10:00 a 13:00 e de 15:00 a 17:00.