in

O Festival Galego de Cabaré volve á Coruña

FestivalGalegoCabare2020 |
O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, e o coordinador do festival, Nelson Quinteiro, presentaron en María Pita un programa de marcado carácter multidisciplinar que se celebrará do 25 ao 28 de marzo.

 

O próximo 25 de marzo arrincará no Teatro Colón a undécima edición do Festival Galego de Cabaré que, con catro espectáculos que mesturarán o teatro, a danza, a música e o circo, converterá a cidade na capital dun xénero que abraza distintas formas de expresión baixo a mesma creación escénica.

O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, mostrou a súa satisfacción polo regreso do festival á cidade tras uns anos de ausencia cun programa “irreverente, satírico e onde a música, o baile, o humor, a maquillaxe e o vestiario se unen nun espectáculo de gran forza, onde o cabaré é cabaré e nada máis”.

O coordinador do festival, Nelson Quinteiro, agradeceulle ao concello o apoio que lle prestou ao festival que chega da man de máis dun centenar de artistas procedentes de distintas disciplinas, pero todas enlazadas polo mesmo fío condutor de “aleivosía, nocturnidade e un pouco de provocación e perversión”. Quinteiro mostrouse moi satisfeito de que A Coruña recupere un festival “único destas características en todo o país ao integrar diferentes formas de expresión” e que serve para “poñer a cidade herculina no mapa das e dos comediantes de cabaré do século XXI”.

O pistoletazo de saída darao o mércores 25 de marzo a compañía El Burlesco Malandrín con Cabaresque, un espectáculo que mestura o cabaré, o burlesque, o show de variedades do xénero da revista española con toques de jazz, tango e un chisco de “canallismo”. Un show en pequeno formato que recreará un cabaré dentro da caixa para unha capacidade reducida de 70 espectadoras/es que terán un rol protagonista nos xogos de improvisación das actrices e dos actores.

O programa inclúe o xoves 26 unha homenaxe a Pía Tedesco con Life is a cabaret, unha adaptación de diversos espectáculos da compañía de Nelson Quinteiro a través de pezas interpretadas pola artista arxentina. Tedesco, todo un referente no café-cabaré, é considerada unha das grandes estrelas do xénero na actualidade. Do seu talento, lembrou Quinteiro, xurdiron propostas tan interesantes como o Festival “Cabaret Flotante” no lago do Retiro da Casa de Campo de Madrid ou o Festival Iberoamericando de Cabaré FICE 2015.


Publicidade

O venres 27 será a quenda de Paseando o swing da man da Swing Machine Orchestra, unha oferta xenuína a cargo dunha banda de doce músicos de corda e bailaríns de distintas procedencias que realizarán un percorrido pola época dourada do swing.

O festival baixará o pano o día 28 coa gala Femme fatale na que todo o protagonismo xirará ao redor da vertente feminina do cabaré. Para Quinteiro, no século XXI non se pode facer cabaré sen ter en conta o empoderamento da muller. Música, actuacións aéreas, humor, maxia, danza e moito, moito burlesque poderase ver nesta gala que recolle o espírito das primeiras galas polas que pasaron preto de 500 artistas.

O programa incluirá dúas master class sobre creación de personaxes, linguaxe corporal e de como poñer en marcha espectáculos de sedución burlesque, que serán impartidos polas/os artistas e dos que se informará a través da redes sociais.

As entradas, cun prezo a partir de 10 euros, xa están á venda no Teatro Colón:

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Oliver Laxe

Oliver Laxe compartirá os seus coñecementos sobre guión na ESAD de Galicia

Coproducións |

O programa de residencias do CDG acolle seis compañías en dous meses