in

Rosalía de Castro: “No voy nunca al teatro”

CartaRosalía |
A Fundación Rosalía de Castro presenta mañá venres, no Pazo de Lestrobe (Dodro), o número 4 da revista Follas Novas, que inclúe unha carta inédita de Rosalía, dentro dos actos rosalianos realizados con motivo do Día de Rosalía.

 

A misiva vai dirixida a José Villaamil y Castro (1838-1910), amigo e colaborador de Murguía. Foi descuberta por Pablo Carou Barros, quen dedica un artigo na revista ao estudo desta polifacética figura monfortina, e é publicada e estudada por Anxo Angueira. Aínda que carece de lugar e data, a carta pode situarse entre 1865 e 1866 en Compostela.

Nela Rosalía contesta sobre o tema do uso do sombreiro ou da mantilla no teatro e emite un xesto de cordialidade que abre as relacións Murguía-Villaamil ao conxunto dos dous casais. Por outro lado, di Rosalía que “no voy nunca al teatro”, o que fai que no artigo se estude o teatro en Compostela nestes anos e se volva a revisar a relación de Rosalía co teatro e co Liceo de La Juventud.

Publicidade

“…aunque no voy nunca al teatro tengo entendido que en esta población se estila mas ir a cuerpo que con sombrero o mantilla, ya sea a palco o luneta aun cuando en una forastera todo esta admitido.”

No texto sorprende a afirmación de non ir nunca ao teatro nunha persoa que foi actriz amadora tanto de moza coma de casada. “Se cadra o que se ofrecía no Teatro Principal daquel tempo non era do seu interese”, aventura Angueira, que tamén indica que a misiva demostra que “en 1860 continúa coas súas relacións co Liceo de la Juventud”.

A cuestión do chapeu e da mantilla non é tampouco baladí. Subliña Angueira que non é unha cuestión só de moda, senón política: “A mantilla está ligada ao tradicionalismo e o sombreiro á apertura e ao afrancesamento. Ela mesma sempre foi a pelo, nunha acción ideolóxica moi clara”.

A carta vén sumarse ás 16 coñecidas e enriquece un epistolario que debeu ser sen dúbida moi rico e extenso. Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía e estudoso da súa obra, explica que “o repertorio de cartas que conservamos é moi escaso, así que calquera cousa nova é importante. A aparición deste escrito demostra que hai un caudal de correspondencia aínda por descubrir, aínda que moita dela é seguramente xa irrecuperable”.

 

Número 4 de Follas Novas

O número 4 da revista de estudos rosalianos Follas Novas tamén ofrece en varias das súas seccións unha homenaxe a Carvalho Calero, un dos grandes estudosos da vida e da obra rosalianas, entre outros artigos asinados por Teresa López, Xurxo Martínez ou Victorino Pérez Prieto, entre outros.

O Concello de Dodro é patrocinador deste cuarto número e a presentación terá lugar mañá venres 21 ás 20 horas no Pazo de Lestrobe, coa presenza do alcalde deste concello iriense, Xabier Castro, ademais do propio Anxo Angueira e Xosé Luís Axeitos, director da revista.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Emigrantas01 |

Kirenia Martínez leva a emigración á danza

CartazCasares2020 |

Aldara Prado asina o cartel dos XXIV Premios de Teatro María Casares