in

Aldara Prado asina o cartel dos XXIV Premios de Teatro María Casares

CartazCasares2020 |
A gala dos Premios María Casares celebrarase o vindeiro xoves 26 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña e coñeceremos a relación de finalistas dos galardóns o próximo mércores 26 de febreiro na tradicional Festa de Finalistas que se celebrará na Cafetería Lasso do Auditorio de Galicia.

 

A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, entidade organizadora dos galardóns, confiou este ano na ilustradora coruñesa para crear a imaxe dos María Casares, dando así continuidade á iniciativa emprendida pola AAAG nas edicións anteriores de encargar a creación dos carteis a diferentes artistas co obxectivo de estreitar relacións entre o sector escénico e o puxante ámbito da ilustración, a banda deseñada e o deseño gráfico. Deste xeito, en convocatorias anteriores encargáronse do cartel dos María Casares a nomes como David Rubín ou Xulia Vicente.

Nesta ocasión, a AAAG recorre a Aldara Prado, quen dende que recibiu a encarga centrouse en redescubrir de forma persoal a vida e traxectoria de María Casares. Dese xeito, Prado quixo este ano fixar todo o protagonismo da composición na actriz que lles dá nome aos premios de Teatro dende a súa primeira edición en 1997. “María Casares representa un teatro visceral, ela entendía como poucas que o teatro é vida”, apunta Prado, que achega un retrato coa forte presenza da intérprete nacida na Coruña en 1922. Ademais, Prado empregou unha imaxe frecuente de Casares, acompañada en multitude de ocasións polo fume dos cigarros. Precisamente, como recurso habitual, emprega ese fume para que xurdan metaforicamente os perfís dos diferentes xeitos de vivir e traballar na escena.

Publicidade

 

Aldara Prado

Nada na Coruña en 1992, Aldara Prado estudou Belas Artes en Valencia antes de trasladarse a Barcelona, onde reside actualmente. Dende a cidade condal, exerce o seu traballo, nacido dunha pronta vocación, e que inclúe todo o que teña que ver coa narrativa visual, a ilustración, o cómic ou as tatuaxes. Desenvolveu xa a súa faceta de ilustradora para editoras como Random House ou Casterman. Con este último selo, Aldara Prado está a traballar no que será o seu primeiro cómic de autoría completa.

Os finalistas dos XXIV Premios de Teatro María Casares daranse a coñecer o vindeiro mércores, 26 de febreiro, na Festa de Finalistas que se celebrará na Cafetería Lasso do Auditorio de Galicia. A gala de entrega terá lugar xusto un mes despois, o 26 de marzo no Teatro Rosalía Castro. Os Premios de Teatro María Casares están organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia e contan co patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo, a Deputación da Coruña, o Concello de Coruña, a Fundación AISGE ou a Fundación SGAE.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

CartaRosalía |

Rosalía de Castro: “No voy nunca al teatro”

AlejandraMoreiraDaSilva |

Viana do Castelo recebe un Seminario sobre Teatro Contemporáneo de Alexandra Moreira da Silva