David Rubín asina o cartel dos XXIII Premios de Teatro María Casares

A gala celebrarase o vindeiro xoves 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña e coñeceremos os finalistas das catorce categorías nos que se dividen os galardóns o 21 de febreiro na tradicional Festa dos Finalistas.

 

David Rubín encárgase da creación do cartel dos XXIII Premios de Teatro María Casares. A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, entidade organizadora dos galardóns, confiou este ano no autor de cómics ourensán para encargarse da imaxe dos María Casares, dando así continuidade á iniciativa emprendida pola AAAG na edición anterior de encargar a creación dos carteis a diferentes debuxantes co obxectivo de estreitar relacións entre o sector escénico e o puxante ámbito da ilustración, a banda deseñada e o deseño gráfico.

Nesta ocasión, a AAAG recorre a Rubín por ser “un autor extraordinario, con gran prestixio tanto na crítica coma no público e pola súa proxección internacional”, xa que Rubín é un dos grandes nomes do sector en todo o estado e tamén recoñecido a nivel internacional. “Ao longo da súa traxectoria, Rubín amosou sobradamente e con gran excepcionalidade o seu talento, a súa gran potencia visual e o seu compromiso reivindicativo na creación artística, valores que unen a súa profesionalidade coa esencia mesma dos nosos galardóns”, sentencia a Xunta Directiva da AAAG, que en edicións anteriores contou con Manuel Silva ou Xulia Vicente para o deseño dos carteis dos María Casares.

A proposta de Rubín recupera o rostro da actriz María Casares, cuxo presenza convértese en central no cartaz deste 2019. “O obxectivo é visibilizar a actriz, lembrarlle a todo o mundo quen era María Casares e por que os Premios de Teatro levan o seu nome”, apunta o propio Rubín, antes de furar no significado da súa proposta artística. “Encerra unha estratexia metafórica para representar o que significa ser, non só intérprete, senón profesional do teatro. Así vemos o corazón ao aire, imprescindible para este traballo, os cambios de papeis, os tipos de iluminación ou esa pistola empuñada por Micky Mouse e que apunta directamente á cabeza, para lembrar as dificultades deste oficio e de toda a cultura en xeral, que sempre estamos, por así dicilo, na corda frouxa”, reflexiona Rubín, antes de recoñecer un último xesto aos pioneiros da nosa dramaturxia. “No fume do cigarro, pódense adiviñar os versos de Lela, que Castelao escribiu para Os vellos non deben de namorarse”, conclúe o autor.

David Rubín

Nacido en Ourense en 1977, David Rubín é un dos autores galegos de cómic con maior repercusión e prestixio, tanto a nivel estatal coma no internacional. Cofundou colectivos pioneiros de ilustradores e debuxantes como Polaquia e colaborou en cabeceiras de referencia como foron Banda ou Barsowia. Entre as súas obras, pódesen destacar títulos como El Circo del desaliento, La Tetería del Oso malayo, Beowulf, Cuaderno de Tormentas, El Héroe I, El Héroe II ou Gran Hotel Abismo.

 

Deixar unha resposta