in

As dúas Galicias

CuacFM |

LogoRecendo |
Recendo é o magazine cultural radiofónico da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, que se emite a través de Cuac FM todos os martes de 19:00 a 20:00. A erregueté colabora con Recendo para elaborar unha sección de teatro que pode ser consultada a través dos podcasts do programa nesta ligazón. Esta columna está redactada a partir do material emitido no programa do 18 de febreiro de 2020.

 

| Manuel Xestoso |

 

Moitas veces afirmamos que o teatro é un espello da sociedade da que xorde, sen decatarnos das múltiples formas en que ese espello reflicte o que somos e o que parecemos.

Estes días, o Observatorio da Cultura Galega, un servizo dependente do Consello da Cultura Galega, publicou un documento sobre Hábitos e prácticas culturais en Galicia, baseado nunha enquisa realizada polo Ministerio de Cultura e cuxos resultados son, en principio, extraordinariamente alarmantes para as artes escénicas galegas.

O documento revela que a cidadanía galega apenas ten interese polas artes escénicas: Galicia é unha das comunidades en que se rexistra unha asistencia máis baixa a espectáculos: un 54% non vai nunca ou case nunca ao teatro, un 85,6% á ópera, un 91,6% á zarzuela, un 77,2% a ballet/danza, e un 64% ao circo. En casos coma o do teatro hai unha diferenza porcentual de 15,8 puntos entre Galicia e o conxunto do Estado. A asistencia a espectáculos de artes escénicas en Galicia é 6,1 puntos porcentuais máis baixa que no conxunto do estado e, por comunidades, é a terceira con menos porcentaxe de asistencia, só por atrás de Canarias e Aragón. E o peor é que as principais causas que se esgrimen para esta baixa asistencia a espectáculos escénicos non son a carencia de programación ou os prezos elevados senón, simplemente, falta de interese.

Esta situación resulta excepcionalmente preocupante, mais as estatísticas dan sempre un debuxo da sociedade que hai que saber matizar. Existe outro estudo que se realiza todos os anos: o Anuario da SGAE, a Sociedade General de Autores de España. Segundo o ultimo anuario, as cifras serían substancialmente mellores. Este estudo revela que Galiza estaría no oitavo lugar por número de representacións e tamén por número de espectadores dentro do conxunto de Comunidades Autónomas do Estado, bastante máis arriba dese antepenúltimo posto que nos outorga a enquisa do Ministerio.


Publicidade

Está claro que a situación segue a ser manifestamente mellorable e que se precisan políticas que promovan hábitos culturais máis diversos entre os galegos e galegas. Pero tamén é certo que esa desfase entre ambas enquisas axuda a equilibrar a lectura que facemos da actividade escénica no noso país.

Por unha banda, existe unha metade da poboación que non vai nunca a un espectáculo de artes escénicas. Por outra, hai outra metade extraordinariamente activa: tanto como para, por si mesma, situar a Galiza na medio da táboa no panorama estatal.

Se cadra, estas porcentaxes poderían extrapolarse ao resto das actitudes dos galegos e galegas: hai unha metade pasiva e fatalista, indiferente e apática ante a cultura, que é como dicir ante a vida. E hai outra metade activa, dinámica e vigorosa que mira o país como un viveiro de cultura, de crecemento persoal e colectivo, en definitiva, de progreso.

Xa o di Reixa nun dos seus poemas: “Hai dúas Galicias / Galicia La Mancha / e Galicia León”.

E nesa dialéctica xogámonos o futuro.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

SchumannAmateur |

Schumann amateur

ErnestoIs2 |

Un proxecto de Ernesto Is resulta seleccionado para o programa ‘Nuevas Dramaturgias’ de Euskadi