in

Pepe Peinó acada o IV Premio Internacional de Teatro Joven con ‘Algo’

Pepe Peino
O xurado do IV Premio Internacional para obras de Teatro Joven vén de facer público o título das pezas gañadoras deste concurso convocado pola gaditana Editorial DALYA. Na categoría A, para obras de máis dunha hora de duración, o premio foi para Algo, unha peza en galego de José Vázquez Peinó; mentres que na categoría B, para obras de entre 30 e 60 minutos de duración, a peza gañadora foi a francesa Plus loin que l´horizon, de Laurent Contamin.

 

O Premio Internacional de Teatro Joven está convocado pola Editorial DALYA de San Fernando e ten como obxectivo estimular aos autores e ás autoras para a creación de pezas teatrais orientadas á mocidade; así como fomentar o amor polo teatro entre as máis novas. Poden concorrer a este premio persoas de calquera nacionalidade e idade con pezas inéditas escritas en calquera dos idiomas oficiais de Europa. A categoría A conta cun premio de 5.000 euros: 2.400 euros en metálico, a tradución da peza a un idioma diferente ao do concurso, publicación e lectura pública ou dramatización da obra.
O xurado desta cuarta edición destacou a alta calidade das pezas seleccionadas e, no caso de Algo, valorou a “comicidade e a alegría achegadas á acción dramática que transmite á mocidade valores e reflexións sobre os seus obxectivos persoais na vida”.

 

Algo

Pedro é o protagonista de Algo. É un rapaz novo que lle busca un sentido á vida, búscalle o “algo” que permita afirmar que vivir ten unha razón. Ao seu carón, outros rapaces de idades similares intentan dirixir as súas respectivas existencias pola diversidade de camiños que o seu entender individual lles dita: coñecer lugares e xentes por todo o mundo para poder comparar e elixir; estudar, aprender e comprender o entorno, a través da intelixencia ben entendida; adestrar os reflexos e as destrezas motoras a través dos videoxogos; practicando a meditación e lendo dentro da propia alma ou do propio espírito; por medio da beleza do corpo, fomentada a través de exercicios e trucos estéticos e do atractivo sexual; centrándose no amor, no sentimento intenso, e na unión de parella; buscando a fortaleza física, a preparación do propio corpo por medio dos exercicios e do esforzo, ou, simplemente, divertíndose, baleirando na esmorga todas as enerxías que a xente nova leva dentro. En cal destas tendencias está o “algo” que Pedro, que todo rapaz busca? Pedro ten que elixir para orientar a súa vida, pero a elección final non ten por que ser única.

 

Pepe Peinó

José Váquez Peinó, máis coñecido por Pepe Peinó, naceu en Lugo en 1960. Conseguiu o título de Mestre na Escola de Maxisterio de Lugo. A Licenciatura en Ciencias da Educación conseguiuna pola UNED, así como os estudos de Doutoramento, titulación que non chegou a acadar, elaborando primeiramente a súa tese doutoral na UNED e logo na USC, sen chegar a rematala. Dende hai case 30 anos é profesor no instituto Alfoz-Valadouro, na provincia de Lugo.


Publicidade

Como autor teatral escribiu case cen obras, que representaron diversos grupos de teatro afeccionado, como os grupos “Raiolas”, “Grupo do Instituto Alfoz-Valadouro”, “Trípode”, “Escouridal” e “A Maseira” (dos concellos de Alfoz e O Valadouro); “O Centiño” (de San Martiño, Foz), “Zampalladas” (de A Pastoriza) ou “Trangalleiros” (de Lourenzá).

Como director teatral, ten organizado varias representacións de recreación histórica en varias festas desta índole: Mercado Medieval de Alfoz, Mercado Medieval de Mondoñedo, Conde Santo de Lourenzá e Festa Normanda de Foz.

No campo cinematográfico, dirixiu varias películas de ficción como A encrucillada, Tristeza na herba, O primeiro paciente, Nove estrelas e un sombro, Volveremos… Vén de estrear a principios de 2020 a película Medos, con actores de grupos de teatro afeccionado da Mariña Lucense, principalmente. Coa película Malos tempos conseguiu o I Premio OuffEscola no Festival de Cine de Ourense (Ourencine). Tamén dirixiu varios documentais culturais, sobre todo relacionados coa comarca do Valadouro.

Dirixiu e presentou o programa de coloquio “Parolando” durante máis de dez anos en dúas emisoras locais da Mariña Lucense: Radio Valadouro e Radio Burela. Actualmente é colaborador na emisora local de Radio Foz.

Como escritor, ten publicados tres libros en galego, dos cales dous son novelas e unha recompilación dalgunhas das súas obras teatrais baixo o título Vinte obras de teatro afeccionado.

Foi socio fundador do Seminario de Estudos do Valadouro (SEVA), sendo presidente do mesmo durante catro anos.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

23premios max |

Marta Pazos, Quico Cadaval, Matarile e Patricia Vázquez, entre os candidatos aos Premios Max

Luís Prego

O Festival Atlántica comparte nas súas redes contos para a corentena