in

Mensaxe Internacional do Día Mundial do Teatro

Shahid Nadeem
O Instituto Internacional do Teatro (International Theatre Institute, ITI) dá a coñecer a Mensaxe do Día Mundial do Teatro correspondente a 2020, cuxo autor é o director de escena e dramaturgo paquistaní Shahid Nadeem.

 

É unha gran honra para min escribir a Mensaxe do Día Mundial do Teatro 2020. É un sentimento que me inspira a maior das humildades mais é tamén emocionante o pensamento de que o teatro paquistaní e o Paquistán sexan recoñecidos polo ITI, a máis influente e representativa entidade do teatro mundial dos nosos días. Esta honra é tamén un tributo a Madeeha Gauhar, icona do teatro e fundadora do Ajoka Theatre, tamén a miña compañeira de vida, que faleceu hai dous anos. A equipa do Ajoka percorreu un longo e difícil camiño, literalmente desde a rúa até ao teatro. Mais esa é a historia de moitos grupos de teatro, estou certo. Nunca se trata dunha navegación calma ou doada. É sempre unha loita.

Procedo dun país maioritariamente musulmán, que viu varias ditaduras militares, horribles matanzas de extremistas relixiosos e tres guerras coa veciña India, coa que partillamos milleiros de anos de historia e patrimonio. Aínda hoxe vivimos co medo dunha guerra desenfreada cos nosos veciños, os nosos irmáns xemelgos, mesmo dunha guerra nuclear, pois os dous países posúen na actualidade armas atómicas.

Ás veces, como brincadeira, dicimos; “os malos tempos son bos para o teatro”. Non existe escaseza de desafíos que enfrontar, de contradicións que desvelar nin dun estado de cousas que subverter. O meu grupo de teatro, o Ajoka, e mais eu, camiñamos sobre esta corda frouxa dende hai 36 anos. E de certo é unha corda frouxa: manter o equilibrio entre entretemento e educación; entre pescuda e aprendizaxe a partir do pasado e en preparación do futuro; entre libre expresión creativa e enfrontamentos temerarios coa autoridade; entre teatro socialmente crítico e financeiramente viable; entre tentar chegar ás masas e permanecer na vangarda. Pode dicirse que un facedor de teatro ten que ser un prestidixitador, un mago.

No Paquistán, subsiste unha clara división entre o Sagrado e o Profano. Para o Profano, non hai espazo para o cuestionamento relixioso, e para o Sagrado, non existe a posibilidade de debate libre e de ideas novas. De facto, a elite conservadora considera que a arte e a cultura están fóra do seu alcance por mor dos seus “xogos sagrados”. Por iso o campo de actuación dos artistas da escena é unha carreira de obstáculos. Primeiro, teñen que exhibir as súas credenciais de bos musulmáns e cidadáns cumpridores e, logo, tentar demostrar que a danza, a música e o teatro son “compatibles” co Islam. Por iso, un gran número de dilixentes musulmáns se mostran remisos a aceptar as artes escénicas, malia existiren elementos de danza, música e teatro asociados ás súas vidas cotiás. E, entrementres, nós cambaleamos por unha subcultura que ten o potencial de convocar o Sagrado e o Profano no mesmo escenario.

No Paquistán, durante o réxime militar da década de 1980, o Ajoka foi creado por un grupo de artistas novos que desafiaron a ditadura a través dun audaz teatro de disensión política e social. Eles descubriron que os seus sentimentos, a súa rabia, a súa angustia, xa foran expresados dun xeito incrible por un bardo sufí que vivira uns 300 anos antes. Tratábase do gran poeta sufí Bulleh Shah. O Ajoka descubriu que podía manifestar declaracións politicamente explosivas a través da súa poesía, desafiando unha autoridade política corrupta e unha elite relixiosa obsoleta. As autoridades podían prohibirnos ou desterrarnos mais non lle podían facer o mesmo a un popular e reverenciado poeta sufí como Bulleh Shah. Descubrimos que a súa vida era tan dramática e radical como a súa poesía, que lle valeu condenas relixiosas e o ostracismo durante a súa existencia. Escribín entón Bulha, unha peza sobre a vida e a loita de Bulleh Shah. O Bulha, tal e como, afectuosamente, se refire a el o pobo en Ásia Meridional, pertence a unha tradición de poetas sufís do Punxab que desafiaron de xeito temerario a autoridade dos emperadores e dos demagogos relixiosos, a través da súa poesía e da súa práctica. Escribiron na lingua do pobo e sobre as aspiracións populares. Na música e na danza, atoparon os vehículos para acadar un vínculo directo entre o Ser Humano e Deus, eludindo con desdén os parasitarios intermediarios relixiosos. Desafiaron as divisións de clase e de xénero e viron o planeta marabillados, como manifestación do Todopoderoso.

O Consello das Artes de Lahore rexeitou Bulha, argumentando que non se trataba dunha obra de teatro senón dunha biografía. Con todo, cando a peza foi representada, nun evento alternativo no Instituto Goethe, o público viu, entendeu e gustou do simbolismo da vida e da poesía do poeta do pobo. Puideron identificarse totalmente coa súa vida e época e estabelecer paralelismos coas súas propias vidas e épocas.

Unha nova forma de teatro naceu naquel día de 2001. Música devota Qawwali, danza Dhamal Sufi e o recitado de poesía inspiradora, e mesmo o cántico meditativo Zikir, constituíronse partes da peza. Un grupo de sikhs que estaban na cidade para asistir a unha conferencia punxabí e que apareceron para ver a obra, invadiron o escenario ao final, a chorar, a abrazar e a beixar os actores. Estaban a partillar o escenario, por primeira vez, con musulmáns punxabís, logo da Partición da India de 1947, que acabou na división do Punxab en liñas comunais. Bulleh Shah éralles tan querido como para os musulmáns punxabís; e para os sufís, iso transcendía as divisións comunais e relixiosas.

A esta estrea memorábel seguiu a odisea india de Bulleh Shah. Comezando cunha innovadora xira pola parte india do Punxab, Bulha foi representada dun extremo a outro da India, mesmo en momentos de graves tensións entre os dous países e en lugares en que o público non sabía unha soa palabra de punxabí mais adoraba cada momento da peza. Ao mesmo tempo que as portas do diálogo político e da diplomacia se ían fechando, unha a unha, as portas das salas de teatro e os corazóns do público indio permaneceron abertos de par en par. Durante a xira do Ajoka polo Punxab indio, en 2004, despois dunha función calorosamente acollida por un público rural de milleiros de persoas, un ancián achegouse ao actor que interpretara o papel do gran sufí. O home viña acompañado por un mozo. “O meu neto está moi enfermo; por favor, déalle a súa beizón.” O actor sorprendeuse e dixo, “Babaji, eu non son Bulleh Shah, son só un actor a representar ese papel.” O home comezou a chorar e dixo: “Por favor, déalle a beizón ao meu neto, eu sei que se recuperará, se vostede o fai.” Nós suxerímoslle ao actor que lle concedese o desexo ao ancián e o actor botoulle unha beizón ao rapaz. O vello ficou satisfeito e, antes de marchar, díxolle: “Fillo, ti non es un actor, ti es a reencarnación de Bulleh Shah, o seu Avatar .” De súpeto, abriuse ante nós un concepto completamente novo de representación teatral, no que o actor se transforma na reencarnación da personaxe que interpreta.


Publicidade

Nos 18 anos de xira de Bulha, observamos unha resposta idéntica de parte dun público aparentemente non iniciado, para quen o espectáculo non é só un entretemento ou unha experiencia intelectualmente estimulante, senón un emocionante e conmovedor encontro espiritual. De facto, o actor que interpretaba o mestre sufí Bulleh Shah, foi influído tan fondamente pola experiencia que se converteu en poeta sufí e, dende aquela, publicou dous poemarios. Os compoñentes do elenco desta produción teñen declarado que, cando este espectáculo comeza, senten que o espírito de Bulleh Shah está entre eles e parécelles que o escenario se eleva a un plano superior. Un académico indio deulle o título “Cando o teatro se transforma en santuario” a un texto que escribiu sobre esta peza.

Son unha persoa secular e o meu interese no Sufismo é principalmente cultural. Interésanme máis os aspectos artísticos e dramatúrxicos dos poetas sufís do Punxab que aos meus públicos, que non teñen que ser exactamente extremistas nin persoas intolerantes, mais que posúen sinceras crenzas relixiosas. Explorar historias como a de Bulleh Shah, como tantas que existen en todas as culturas, pode converterse nunha ponte entre nós, os facedores de teatro e un público inxenuo mais entusiasta. Xuntos podemos descubrir as dimensións espirituais do teatro e construír pontes entre o pasado e o presente, rumbo a un futuro que é o destino de todas as comunidades; crentes e non crentes, actores e anciáns acompañados dos seus netos.

A razón pola que comparto a historia de Bulleh Shah e a nosa exploración dun xénero do teatro sufí é que, ás veces, cando a representamos nun escenario, deixámonos arrastrar pola nosa filosofía do teatro, polo noso papel de heraldos do cambio social e, ao facelo, deixamos atrás un vasto sector da poboación. No noso compromiso cos desafíos do presente, privámonos das posibilidades dunha profunda e emotiva experiencia espiritual que o teatro pode proporcionar.
No mundo de hoxe, no que a intolerancia, o odio e a violencia están a medrar de novo, no que as nacións semellan situarse unhas contra as outras, no que os crentes combaten outros crentes e no que as comunidades destilan odio contra outras comunidades… e, no que entrementres, hai crianzas a morrer de desnutrición, nais a morrer no parto por falta de coidados médicos e ideoloxías do odio a florecer; nun tempo no que o planeta se mergulla cada vez máis profundamente nunha catástrofe climática e podemos mesmo ouvir o tropel dos catro xinetes da Apocalipse, precisamos renovar a nosa forza espiritual.

Temos que combater a apatía, a letarxia, o pesimismo, a cobiza e o desprezo polo mundo en que vivimos, polo planeta en que vivimos. O teatro ten un papel, un nobre papel, en dinamizar e mobilizar á humanidade para se erguer do seu descenso cara ao abismo. O teatro pode elevar o escenario, o espazo de actuación, nun recinto sagrado.

En Asia Meridional, os artistas tocan o escenario con reverencia antes de o pisaren, nunha tradición que procede dos tempos en que o cultural e o espiritual estaban unidos. É tempo de recuperar esa relación simbiótica entre o artista e o público, entre o o pasado e o futuro. Facer teatro pode ser un acto sagrado e os actores poden, de facto, transformarse avatares das personaxes que interpretan. O teatro eleva a arte de representar a un plano espiritual superior. O teatro ten o potencial de se tornar nun santuario e o santuario nun espazo de actuación.

 

Shahid Nadeem

(trad. M. Xestoso)

—-

Shahid Nadeem é o principal dramaturgo de Paquistán e director do famoso Teatro Ajoka. Naceu en 1947 en Sopore, Caxemira. Converteuse en refuxiado con tan só un ano de vida, cando a súa familia tivo que emigrar ao recentemente creado Paquistán despois da guerra de 1948 entre India e Paquistán polo desputado estado de Caxemira. Viviu en Lahore, Paquistán, onde realizou a súa Mestría en Psicoloxía da Universidade de Punxab. Escribiu a súa primeira obra como estudante universitario, pero converteuse nun dramaturgo dedicado cando comezou a contribuír desde o seu exilio político en Londres, creando obras para o grupo disidente de teatro de Paquistán, Ajoka, creado por Madeeha Gauhar, unha activista pioneira do teatro, con quen logo casou. Shahid Nadeem escribiu máis de 50 obras orixinais en punxabí e urdu e varias adaptacións das obras de Brecht.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Xornadas profesionais Escena Galega

Escena Galega elabora unha enquisa para medir o impacto económico do Covid-19 nas artes escénicas

XornadaDanzaCCG01 |

O Consello da Cultura publica as conclusións da xornada “O estado da danza en Galicia”