in

Rosa Díaz: ““A infancia é unha aprendizaxe continua, un camiño que hai que volver percorrer”

LaRousHilos scaled |
Conmemorando o seu corenta aniversario no teatro, Rosa Díaz fixo unha retrospectiva dos seus traballos nunha exposición exhibida en Xixón dentro do marco FETEN 2020. Desde os inicios en Albacete no Teatro Escola Municipal e Teatro Fénix, as imaxes suspendidas no tempo ilustran o seu paso por compañías como Cambaleo, La Tartana, Johannes Vardar, Comediants, Ur Teatro e a súa participación na Expo 92 de Sevilla. Outras instantáneas mostran espectáculos de Laví e Bel ou La Sal Teatro, compañías formadas por ela mesma, igual que escenografías, vestiario e obxectos da súa actual compañía, La Rous. Tamén recolleu o Premio Nacional ASSITEJ España 2019, acto que se celebrou na propia sala de exposicións. En 2011 recibiu o Premio Nacional das Artes Escénicas para a Infancia e a Mocidade e en FETEN é galardoada por cada un dos seus espectáculos. A actriz, directora e autora Rosa Díaz é un referente dentro do teatro para a infancia e a mocidade e os seus traballos caracterízanse por seguir unha liña moi íntima e persoal, rigorosa e comprometida na escolla das temáticas e postas en escena coas idades do público ás que van dirixidas. | Xoán C. Riobó e Xurxo Avendaño | | Foto: Gerardo Sanz |

 

Como foi que te interesaches tan moza polo teatro?

En casa había varios irmáns facendo teatro na universidade e en grupos semiprofesionais. Unha irmá miña comezara na Teatro Escuela Municipal de Albacete (TEMA). Cando remataba o curso viaxaban e xiraban por toda a provincia. Eu apunteime con ela a esa xira e facía de rapaza para todo. Traía bocadillos, ía buscar auga, pasaba o ferro… Ao ano seguinte matriculeime na escola. Esta escola municipal montouna José María Ariza, concelleiro de Esquerda Unida de Albacete e durou uns cinco anos.

Teus pais apoiáronte nos teus comezos?

Comecei moi moza e non me apoiaron para nada, non querían que fixera teatro. Meu pai enfadouse bastante comigo. En certo modo enténdoo porque agora son nai e teño unha filla con dezaseis anos. Non é normal que con quince saibas o que queres facer. A min encantaríame que a miña filla mo dixera agora. Naquel momento non entendín que os meus pais non me permitiran facer o que eu quería. Con 17 anos funme de casa. Foi unha discusión grande pero eu deixeilles moi claro que o que quería era voar e facer teatro. Foi moi curioso porque tiña que preparar oposicións para Facenda, mentres facía a escola de teatro, aprendía música e baile. Non podía arrastrar tantas cousas á vez e quedeime cunha actriz que baila.

Stanislavski ou Grotowski?

Os dous foron o meu punto de partida. Eu comecei con Stanislavski e o método de acción a través de Antonio Malonda, que foi o meu primeiro mestre na escola. Stanislavski é máis mental, todo hai que pasalo á cabeza. Grotowski é a expresión física pura, a expresión que vai do branco ao todo. Involucrarse tanto a nivel físico evita o mental e vai directamente ao emocional. Eu descubrín, a través do cansazo e do esgotamento, que hai unha fronteira entre a cabeza e o corpo que te leva a un terreo indescritible, físico e vocal, que un non coñece se non o traspasa. Non me interesan tanto os traballos nos que penso o que teño que facer e fágoo, senón que me poño a facer e xa veremos o que sae. Grotowski abriume as portas do camiño que a min máis me interesaba. Foi o método que máis me axudou a descubrirme como creadora e como persoa. Ao longo destes anos fixen moito traballo físico, de mimo, de clown, de obxectos, da escola do Odin Teatret con elementos de bandeiras e zancos… Fun creando unha paleta de moitas cores con toda a xente da que absorbín coñecemento. Cando traballo en formación de actores poño en práctica toda a escola do físico e non do mental.

Ti á hora de crear entras no teu círculo íntimo. Tes espectáculos que falan da túa nai (Hilos) ou de teu pai (La casa del abuelo). A familia está moi presente.

Eu teño á familia como referencia de todo o que fixen nesta vida. Eramos sete irmás e sete irmáns e as amigas eramos nós. Teño moi boas lembranzas xogando con elas. Sempre que me poño a revisar os meus recordos aparece a miña casa. A figura de miña nai foi moi importante, moi adiantada para a súa época, penso. Sempre xenerosa, comprensiva e respectuosa coa selección individual dos seus fillos. Cada vez que estreaba sempre a chamaba. Cando morreu atopei nunha caixa que tiña gardada con todos os recortes de prensa onde eu saía. Meu pai sempre dixo que tiñamos que ser moi respectuosos coa historia, aínda que cada un siga o seu camiño. Foron dous puntos de apoio moi grandes para min. Non sei crear se non o fago a partir de cousas que me removen ou que me emocionan por dentro. A morte dos meus pais foi moi importante na miña vida.

En Una niña fálase dun abandono, que ten que ver coa miña separación de parella. Ese abandono que vivín trasladeino a escena a través do moneco dunha nena. Todo ten un por que. En El refugio falo da guerra. Cando eu mercaba El País, recortaba fotos e gardábaas en carpetas. Tiña unha colección de fotos de nenos en situacións de guerra. Eu quería facer unha exposición pero foi imposible polos dereitos. A guerra Bosnia foi un momento moi besta. Eu tiña amigos bosnios. O propio Brossa foi á biblioteca a Saraxevo a facer un traballo co resto dos libros queimados. A min impactoume moito, e coa suma de todas estas pequenas cousas naceu El Refugio. Penso que un artista ten que crear co que lle move por dentro porque senón nunca lle vas chegar ao público. É o xeito de chegar.

Traballaches sempre para o pequeno público?

Profesionalmente a min apetecíanme moito as vangardas dos anos noventa. En Cambaleo tocounos facer teatro para a infancia para poder vivir e seguir investigando na vangarda. Ao principio foi así, por unha cuestión de necesidade. O que pasa é que o mundo da infancia comezou a chamarme a atención e a atraerme máis que o traballo para adultos porque deime de conta de que era un público sincero, real e auténtico que che facía sentir o bo e o malo, e a min encántame. Pensei que ía aprender máis traballando para a infancia que para adultos.

Que é para ti a infancia?

Espontaneidade, verdade, fortaleza, enerxía, pequena sabedoría, ollos abertos, moi abertos, necesidade de alimentarse de todo. A infancia é unha aprendizaxe continua, un camiño que hai que volver percorrer. Como público é un terreo fértil, esperando que o sementen, que o alimenten. Non é transformación pero si que é verdade que cando van ao teatro non saen igual que cando entraron. Eu como creadora síntome satisfeita de ver que se levan algo. Os nenos veñen a apertarte e darche as grazas e para min iso é un agasallo. É unha pena que esa mirada pura e limpa a perderan os adultos. Esa mirada ten que ver máis co que lle chega a nivel emocional e non tanto intelectual.


Publicidade

Ves de recoller o Premio Nacional ASSITEJ. Que importancia teñen para ti os premios?

Ao principio ningunha e logo toda. Eu cando recibín o Premio Nacional para a Infancia e a Mocidade foi pola temática dos espectáculos, cando o mundo da profesión precisamente me criticaba por ese motivo. Para min foi un inmenso pracer recibilo polo que significaba e polo que había detrás que é o recoñecemento ao que estás facendo. O premio ASSITEJ significa para min un momento en que xa estou mirando cara atrás. Estou coa exposición dos corenta anos. Hai dous anos que me cuestiono que quero seguir facendo e como o vou facer. Estaba un pouco baixa de enerxía porque chega un momento que non sabes moi ben en que punto estás da túa traxectoria. E que che dean un premio é corroborar que estou no bo camiño e coller forzas de aí, porque ademais é un premio que dá a profesión, non é un premio que dá un xurado elixido ao azar, polo tanto é dobremente importante e gratificante.

Por que cres que hai que falarlle de todo aos nenos?

Porque viven nun mundo que hai de todo. Na televisión ven imaxes bestiais, a nivel de informativos tragan guerras, conflitos políticos, no cinema atopan unha linguaxe violenta e cousas peores. No teatro temos a sorte de facerlles espectáculos en vivo con xente de carne e óso que somos capaces de explicarlle cousas que se están vendo na terra: a miseria a pobreza, a fame. É bo falarlle de todo, do bo, do regular, do peor.

Hai censura ou limitacións no teatro para crianzas?

Na televisión e no cine non existe a censura. Eu teño preguntado en varias salas de Granada por que non se censuran as películas para unha determinada idade cando o que se está vendo é superviolento. Eles din que advirten pero non poden prohibir. Eu advirto tamén a idade para a que está recomendado o espectáculo pero non significa que teñan que censurarme todo o que fago polo feito de falar da guerra. Sométennos a unha censura brutal no teatro e eu non quero, eu teño clarísimo que nunca me vou censurar, que non quero traballar limitando as cousas que quero contar e como quero contalas. Despois de corenta anos podo permitirme facer o que me dá a gana. Hoxe si que teño táboas para poder explicar a todos os programadores que o que estamos facendo é necesario e imprescindible. Son consciente de que fago espectáculos que sei o tempo que van durar polo risco que corren pero necesito facelos porque senón non estaría aquí. Penso que non podemos limitarnos e hai compañías que se están limitando moito e facendo cousas vendibles para poder sobrevivir. A min paréceme unha desgraza terrible.

Cambiou moito o teatro para a infancia e a mocidade nestes últimos corenta anos?

As compañías de teatro que hai no país teñen un nivel moi bo. Desde hai moitos anos está habendo unha evolución en canto o coidado de todos os elementos. Temos un longo camiño percorrido en canto á preparación do vestiario, guións, temáticas, aforo, separar por idades e non mesturar rapaces de catorce anos con nenos de seis. Antigamente mesturábase todo.

Que che achegou e que lle deches ti ao teatro?

O teatro achegoume, sobre todo, a capacidade de ter unha paciencia que non acadaría en ningunha outra profesión. Non podemos vivir sen el, é o veleno do teatro, como dicía Fernando Fernán Gómez en El viaje a ninguna parte. Eu intentei deixar varias veces o teatro pero non puiden. Á vez aliméntame, eu doulle e el dáme. Hoxe non podería facer outra cousa que non fora teatro. Encántame estar enriba do escenario, fágome grande, forte, desfruto, creo que me manteño moza, encántame xogar. O que me deu o teatro para a infancia son as gañas de seguir xogando, atoparme outra vez facendo de nena e compartir cos nenos momentos marabillosos que me dan enerxía e vitalidade para seguir creando. Tamén me dá cousas malas como a imposibilidade de estar coa miña filla e coa miña parella. Tamén momentos de soidade moi grandes, outros de rabia e impotencia porque non sabes o que estás facendo. Dáche cousas moi malas que son a dúbida, o medo. O terror de enfrontar un novo espectáculo aos programadores ou chegar a unha feira e esperar que dirán. Iso segue estando por detrás. Eu deille ao teatro unha maneira de ver distinta, ou polo menos é o que recibín do público, e imaxino que ten que ver co respecto aos espectadores. Nunca estreo un traballo ata que non o vexo rematado.

Que proxectos estás desenvolvendo na actualidade?

Estou dirixindo moitos traballos. Acabo de estrear Camino a la escuela coa compañía Campi qui pugi, de Lleida. Tiveron que cambiar os códigos e maneiras de facer ás que estaban acostumados. Este ano dediqueime a facer traballos de formación e dirección ás compañías que tiña apalabradas. Para La Rous teño un proxecto que é para adolescentes ou ao mellor queda para pais de adolescentes. O ideal sería para pais e adolescentes xuntos. Este ano aínda non estará.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

corona 4901881 1920 |

O Ministro de Cultura e Deporte informará ao sector cultural das medidas de apoio adoptadas polo Goberno

PistacatroMezzo01 |

FETEN 2020: Lume aceso na escena