in

Carta á profesión desde o confín, por Chiqui Pereira

tv 2964103 |
Chiqui Pereira, da compañía Berrobambán, reflexiona neste artigo sobre algunhas das cuestións que apón este confinamento colectivo sobre a profesión teatral e sobre o teatro mesmo.

 

Todo comezou cunha chamada de teléfono. Cancelábase unha actuación a finais de abril. Cando o teléfono volveu soar xa estaba cancelado todo marzo e todo abril. Para as de maio están agardando, pero as damos por perdidas. Aínda hoxe recibimos unha mensaxe para confirmarnos que unha función que tiñamos a próxima semana estaba cancelada. Rimos.

Pero o teléfono continuou soando. Agora eran colegas de profesión. Había que facer algo. Pedían vídeos de contos, de espectáculos, do que fose e como fose. Que se as familias, dicían, que se as persoas miúdas confinadas, apelaban, que se as adultas aburridas, concluían.

Publicidade

Apagamos o teléfono e tomamos alento para pensar. Traspor algo que vive do momento, da comunicación entre corpos, a outro formato que carece desa posibilidade esixe un traballo de adaptación grande, case que de transformación a unha outra cousa. Para iso sería preciso, non só tempo de maduración, senón tamén condicións técnicas e artísticas, algo do que non dispuñamos. Aínda desconfiando de que realmente puidese funcionar, decidimos que a opción menos mala era seleccionar do noso arquivo aquelas gravacións de espectáculos que mellor poderían resultar como, digamos, subproducto audiovisual. Quedaba definir como as poríamos a disposición. Para nós é imprescindible que se estableza algunha expresión da vontade do público para acceder a un produto cultural, teña esta un carácter económico ou de calquera outra natureza. Ese pacto é unha manifestación do valor, se nós propios, se nós propias non o establecemos, estamos desvalorizando o noso traballo e o da nosa profesión. Dada a situación, decidimos que ese compromiso fose mínimo e reflectímolo impondo un horario. Os vídeos estarían accesibles uns días a unhas horas concretas.

Cando volvemos acender o teléfono, xa había centos de iniciativas, festivais e programacións. A nosa sorpresa aumentou cando descubrimos que na maioría non había ningún tipo de restrición. A situación retrotraeunos á crise do 2008, cando o teléfono só falaba de billeteira. Naquela altura algúns artistas e compañías aceptaron as condicións. Era unha emerxencia económica. O público non podía quedar sen cultura. Algunhas conseguiron, co tempo, tirar proveito a través da fidelidade dos programadores ou do público. Outras acabaron queimándose nesa práctica. Pero o feito é que aquilo chegara para quedar e hoxe podemos velo por exemplo, nunhas axudas á distribución interior que ao noso entender son unha anomalía, entre outras cousas, porque desvían a presión económica e administrativa dos concellos para as compañías.

Non sabemos de que maneira a actual orxía dixital vai afectar á nosa profesión, sequera se o vai facer. Non son tempos fáciles para observar a realidade. É preciso calma e o único que acertamos a ver cando miramos para o interior ou para o exterior, son polos sen cabeza correndo por todo galiñeiro. Quizais a consecuencia máis obvia sexa que vai contribuír a profundar dúas ideas moi instaladas na sociedade: a de que os artistas viven do aire, do amor a súa arte ou dunha renda artística universal que nos proporcionan as institucións a través das subvencións que se pagan cos impostos aos sectores realmente produtivos; e a de que cultura é calquera cousa, feita de calquera maneira.

A primeira confirmóunola outra vez o teléfono. Anunciounos que a AGADIC compartira a nosa publicación sobre a peza coa que abríamos a nosa programación online. Facíao cun hashtag #aculturasegue. O noso estupor foi máximo. Decidimos responder ao que sentimos non só como unha ofensa a nós senón á profesión e, o que é máis grave, á realidade. A través dunha publicación instábamos ao público a non deixarse enganar, convidándoo a tomar consciencia da paralización da cultura e da situación das empresas das artes escénicas e moi especialmente, a das persoas que nelas traballan e que, por outra parte, están a ser as grandes esquecidas nas reclamacións que asociacións como a AGPXC están a realizar. Esas demandas non fan referencia algunha á imposibilidade para que as actrices e os actores se acollan a un posible ERTE, xa que é obrigatorio á contratación dun período mínimo de 6 meses. Nin que dicir ten que esa temporalidade é absolutamente allea á realidade do sector. Tamén faciamos un par de propostas improvisadas que a AGADIC podería tomar perante esta situación, no canto de abeirarse a iniciativas privadas. Ao día seguinte coñecemos que o goberno do estado de Ceará no Brasil puxo en marcha un programa semellante, Ceará Dendicasa, ao cal destina un millón de R$. É bastante probable que estas iniciativas comecen a estenderse. Volvemos reiterar as nosas reticencias sobre a equivalencia entre asistir á gravación dun espectáculo e facelo en vivo, pero en calquera caso mellor sería ver a AGADIC crear unha RGTA nacasa que confirmar a súa falta de iniciativa. Parte desta mesma crítica poderiamos facerlla aos concellos, moi especialmente aos das nosas cidades, e ampliala ante a súa falta de vontade para asumir compromisos na súa política de cancelacións.

A posibilidade de que se instaure aínda máis a percepción de que todo vale é mais complexa e precisaría dunha análise máis demorada da que nos permite este artigo. Porén, sinalamos dous dos factores que poden intervir: a imposibilidade de contar coas condicións técnicas e artísticas necesarias para traspor produtos xa feitos –ou para a creación de novas pezas– ou a total dependencia dos monopolios que son as plataformas, onde conviven todo tipo de contidos ao mesmo nivel, o que, ademais de favorecer a confusión, pode mesmo promover unha desvalorización de certas obras ao non axeitarse á rapidez e á facilidade de consumo imperante nesas plataformas.

Pero a realidade manda, e mentres escribimos este artigo o teléfono continúa a soar, agora pide colaboracións pagadas – seguramente vos xa recibiriades algunhas. As nosas reticencias continúan e temos a sensación de que todo isto vai demasiado rápido. Parece que alí fóra non hai ninguén confinado. Parece que o máis importante é facer e non pensar que facer. A presenza do diñeiro trae, para nós, aínda máis cuestións para alén de como superar a precariedade técnica e artística ou a de vixiar en que condicións se lle ofrece ao público. Xorden novos interrogantes como: durante canto tempo estaría ese contido a disposición; que dereitos teremos sobre eles; poderase ou non facer outros produtos a partir deles, anuncios por exemplo; teremos ou non dereitos de reprodución. Todo isto supón adentrármonos no terreo audiovisual e habería entón que cumprir as súas condicións, os seus convenios. Doutra maneira podemos caer na competencia desleal ou no intrusismo. Por iso é que pedimos que, se o teu teléfono fala destas colaboracións, tomes o teu tempo para pensar nestes aspectos, que llos expoñas ao teléfono antes de dicir, si. Tamén se es ti quen está do outro lado do teléfono, que penses nisto e tamén en cal é o obxectivo que persegues. A estas alturas, as necesidades culturais da sociedade deben estar cubertas para varios anos de confinamento.

Nós cremos que este é o momento para pensar. O problema non son estes dous ou tres meses, senón despois. Se cadra é un bo momento para que as persoas das artes escénicas pensásemos xuntas. Desde aquí lanzo o desafío: por que non organizar neste tempo unhas mesas redondas telemáticas e abertas ao público, nas que poder falar sobre o noso futuro?

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

teatro 4649743 960 720 |

O Consello da Cultura publica un avance do seu Informe sobre o Teatro Galego

Money |

Diario de cativerio. Día 16, por Esther Carrodeguas