Actualidade

Danza, circo e artes de rúa reclaman medidas específicas ante a crise da Covid-19

PUBLICIDADE

Entre outras cousas, demándase que se modifique o Real Decreto 463/2020 para aclarar que os autónomos cuxa actividade estea relacionada coa danza e o circo e artes de rúa poidan beneficiarse automaticamente da prestación extraordinaria por cese de actividade sen necesidade de acreditar unha redución da facturación do 75%.

 

A cancelación e suspensión de espectáculos de danza, circo e artes de rúa, así como de outras actividades relacionadas con espazos escénicos e de creación, colocan ao sector cultural nunha posición crítica. Se non se toman medidas urxentes, córrese o risco de que estes sectores non sobrevivan á situación de crise actual nin poidan recuperarse nun futuro próximo. O período de afectación pola crise da Covid-19 coincide cos meses de máxima actividade e implica perdas anuais que poderían chegar a superar o 80% da facturación prevista. As asociacións de profesionais dos sectores do Circo, a Danza e as Artes de rúa propuxéronlles ás administracións unha serie de medidas urxentes para afrontar esta situación.

O traballo foi coordinado pola Federación de Asociaciones de Profesionales de Circo de España (CircoRed), a Federación Estatal de Compañías y Empresas de Danza (FECED), a Federación Española de Escuelas de Circo SocioEducativo (FEECSE) e PATEA, Artes de Calle Asociadas, xunto á xurista especializada Ana Moraga. O documento de medidas específicas para o sector cultural foi entregado ao Ministerio de Cultura e Deporte o luns 23 de marzo para a súa consideración e estudo.

Neste documento exponse por que as medidas que se aprobaron estes días e en sucesivos decretos non se adecúan á realidade do sector da danza, o circo e as artes de rúa e non teñen en conta as particularidades do sector cultural: a intermitencia, a irregularidade da actividade e dos ingresos e a súa mínima capacidade de endebedamento futuro incapaz de encaixar na liña de avais anunciada. Presuponse que os profesionais autónomos están dados de alta de maneira continua e regular, cousa que non é así en moitos casos, xa que a súa actividade é intermitente, e pártese dunha idea concreta de empresa: aquela que mantén unha estrutura fixa de persoal no tempo e con contratos estables. Porén, bailaríns e bailarinas, artistas de circo, profesionais da música, cantantes, actores e actrices, son contratados por conta allea no Réxime Laboral Especial de Artistas cando teñen que ensaiar e actuar. Fóra deses períodos, non están contratados laboralmente nin dados de alta como autónomos.

Desde que o pasado 18 de marzo, o Ministerio de Cultura solicitara a diferentes asociación do sector cultural estudar a adecuación das medidas urxentes extraordinarias promulgadas con carácter xeral para facerlle fronte ao impacto social do Covid-19 recollidas nos reais decretos 7/2020 e 8/2020, por parte destas asociacións evidenciáronse graves consecuencias económicas e estruturais para o sector profesional das artes escénicas que viu totalmente paralizada a súa actividade –de maneira semellante a moitos outros profesionais da cultura en xeral-, ante unha situación de incerteza en relación a cando poderá retomarse a actividade e sen contar, polo momento, con medidas de apoio específicas.

 

Medidas de estrema urxencia que se solicitan desde o circo, a danza e as artes de rúa

A día de hoxe, as medidas propostas xeran problemas de execución e implementación no circo, a danza e as artes de rúa e non prevé situacións que son de especial incidencia nestas actividades profesionais. Por todo iso, desde estes sectores demándase que se modifique o Real Decreto 463/2020 para aclarar que os autónomos cuxa actividade estea relacionada coa danza e o circo e artes de rúa poidan beneficiarse automaticamente da prestación extraordinaria por cese de actividade sen necesidade de que se teña que acreditar unha redución da facturación do 75%.

Ademais, solicítase que se aprobe un fondo de emerxencia para aqueles autónomos e traballadores por conta allea que non se encontraban de alta no momento da declaración do estado de alarma e un fondo de emerxencia de axudas directas a empresas, empresarios e profesionais autónomos que cubra o pago dunha indemnización do 100% dos contratos cancelados por forza maior; os préstamos e créditos que veñan durante o estado de alarma e, polo menos, durante seis meses máis ata que se regrese á normalidade; e o pago do aluguer de locais e oficinas afectos á actividade.

Por outro lado, demándase que se concreten datas certas para os contratos e compromisos de contratación que quedaron suspendidos e se arbitre a fórmula legal adecuada para o pagamentoo por adiantado da totalidade dos contratos ou compromisos de contratación; ou se realicen abonos a conta das operacións preparatorias para a súa execución de polo menos un 90% do importe acordado; que se pague urxentemente por parte das entidades do sector público os contratos xa executados e facturados; e se abonen as axudas concedidas pendentes de pago; e se suspendan, para os sectores da danza e o circo, todos os prazos tributarios, incluídos os prazos para a presentación de declaracións e autoliquidacións tributarias e se exonere do pago das cotizacións sociais a aquelas empresas e autónomos que continúen con traballadoras/es por conta allea contratadas/os.

Por último, demándase tamén que se aproben condicións e requisitos específicos adaptados ás circunstancias reais destes sectores para as liñas de avais para o financiamento concedido por entidades financeiras e de crédito a empresas e autónomos para o caso de que non se aproben axudas directas a estes efectos ou non lles sexan aplicables as condicións e requisitos ata agora establecidos.

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!