in

Diario de cativerio. Día 30, por Esther Carrodeguas

Crema |
| Esther Carrodeguas |

 

O meu avó era pasteleiro.

En Rianxo sábeo todo o mundo. Eu, antes de ser a filla de Don Enrique ou de Doña María, e moito antes de ser a directora de Airiños… sempre fun a neta d’O Dulseiro.

Publicidade

Onte púxenme a facer arroz con leite de avea. Vellas receitas para novos estómagos. E de súpeto, mentres removía volta e volta a pota coa súa canela e o seu limón, parecía que remexía na crema coa que o meu avó enchía as cañas polas que foi famoso en toda a vila –e parte do extranxeiro-. As cañas de Enrique O Dulseiro, das que aínda me fala a xente cando texto explicar –en Rianxo- quen son.

Fixen crema milleiros de veces da súa man. Case ate a súa morte, aquel día en que o meu irmá chegou pola porta do piso de Santiago para me dicir: alá foi. Foi verlle a cara e saber o que pasara: viñera a propósito de Rianxo a Santiago para mo poder dicir en persoa, tanto lle queriamos. Daquela non había wasap nin nada parecido e o teléfono aínda nos parecía demasiado frío para estas cousas.

De todos os mortos que teño, sen dúbida o meu avó O Dulseiro ten un podio especial. Acaso porque, de certo, era unha persoa especial. E tamén por todo o que me aprendeu da vida e por todo o que eu aprendín del sen que el mo ensinara. Aprendín a pescar nas bateas [cando ir con crianzas á batea era algo do máis normal]. Subiámonos aos troncos, pinchabamos as miñocas no anzol e poñiámonos a agardar. Era o mellor pescador de Rianxo –iso me teñen dito tantas veces- así que chegabamos pola tarde -despois de estar todo o día na ría- con tixolas e tixolas de fanecas e algunha lorcha, e a miña avoa facía as fanecas tan pegadas que lles daba a volta xuntas, igual ca unha tortilla.

Do meu avó aprendín a paciencia, o amor polas cousas pequenas, a facer filloas. A darlles a volta no ar, sen medo. E mesmo aprendín a falar galego. E non porque el mo aprendera. Senón mais ben porque me arrabentaba que tivera que cambiar de lingua para me falar a min, coma se eu fose máis que o resto. Nunca quixen tal. Sempre quixen ser coma todos –coma todas-, ser parte do pobo, dos de abaixo, acaso sen conseguilo. Tamén aprendín del que a vellez é pausada, que se vive en soidade e que hai que lidar co aburrimento. Que a vellez pasa horas no sofá e que vive das memorias –acaso como agora, nós-.

Mentres daba voltas e voltas ao arroz con leite (de avea) pensaba na cantidade de veces que eu limpei (orgullosa!) a casa do meu avó. Do meu avó O Independente. Non lle deixaba a ninguén que lle limpara, só a min, e iso facíame sentir moi ben: especial. Prestáballe, supoño, porque eu non lle daba a lata. Non lle botaba reprimendas. Non lle dicía como tiña que vivir. Eu era unha nena –pouco a pouco unha mulleriña- pero sempre lle facía as cousas minimamente como el me dicía, trampeando o suficiente, pero sen me pasar. Fregáballe aquel chan escurecido polo tempo con lixivia pura: a mandar!. É o recordo que teño: lixivia pura. E agora parece que a vida cheirase a aqueles sábados limpando a casa do avó de arriba a abaixo.

Supoño que foi naqueles tempos en que fregaba con forza aqueles chans nos que lle escoitei dicir que a meniña (eu) era boa para traballar. Quería dicir -me pareceu sempre- que non facía falta que eu estudara, pois servía para traballar. Acaso os que non servían para traballar, era mellor que estudaran, xa que –desgraciadamente- non servían para traballar. E os que servían para traballar (coma min) pois mira ti que ben porque non había que ter medo por eles (ou elas): en sendo traballadores, xa apañarían a vida. Por suposto, non lle fixen caso. E estudei unha e outra vez para esquecelo todo unha e outra vez, porque en realidade, en fin.

Aprendín del, como é evidente, a receita da crema das cañas. Apunteina con letra de nena nun caderno e funa pasando a limpo durante anos. Aínda teño eses cadernos con letra enorme de cativa regordiña. Non lla podes contar a ninguén. Insistía. A ninguén. E eu nunca lla dicía a ninguén e se alguén me preguntaba (e sempre hai alguén que pregunta pola receita da mellor crema do mundo) dicía que o meu avó non me deixaba dicila. Pero sempre pensei que en canto morrese me sentiría xa libre de contala aos catro ventos para que todo o mundo puidera desfrutala.

Non foi así. Nunca a dixen. A ninguén. Non fun –nin son- capaz. Só á familia –directa-. Gardeina, tal e como el me dixo sempre que fixera. É a honra que lle teño. E agora, mentres revolvo o doce, véñenme á memoria as súas palabras, dicíndome que ese segredo, se un día me facía falta, había de estar aí para me salvar. Quen sabe se el, que pasou unha guerra de verdade, nos quixo protexer aos netos e netas cunha fórmula química que evidentemente non pode curar pandemias pero pode adozar a vida. Quen sabe se el, que pasou unha guerra e unha posguerra, sabía mellor que ninguén que cando as cousas se poñen difíciles, todo o mundo necesita que alguén lle alegre o domingo coas mellores cañas do mundo.

Dalgunha maneira, pensar nel tranquilizoume. Sentinme forte. Paciente. Sen medo para cambiar de vida no ar. Capaz de pescar se fai falta alimentarse coas mans propias. Capaz de traballar arreo mesmo fregando chans con lixivia sen que os aneis me caian a chan ningún. E coa seguridade de ter o segredo das cañas máis ricas do mundo, coas que ser quen de adozar –se falta fixer- unha vida de posguerra.

Publicidade

Publicidade
Publicidade

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Paloma Luxilde

No confín de… Pomba Luxilde

Conference |

Tecer e destecer