in

Tecer e destecer

Conference |

O 27 de marzo –Día Internacional do Teatro– de 2018, na presentación pública da Academia Galega de Teatro anunciábase, como un dos seus obxectivos fundamentais, a Convocatoria dun Congreso Internacional de Teatro Galego. E velaquí como dous anos despois logrou o seu propósito aínda que, convocado para o mes de marzo de 2020, a súa realización foi demorada até outubro deste mesmo ano debido ao confinamento pola pandemia da Covid-19.

Tarefa lograda que ben merece o aplauso.

Agora ben, sempre compre ter unha perspectiva histórica sobre os feitos e neste caso a necesidade da convocatoria dun congreso de teatro galego é algo que xa se estaba a reclamar teimosamente desde a erregueté | Revista Galega de Teatro. Vexamos.

No nº 37, publicado no inverno de 2003 –van alá dezasete anos!– ademais da reivindicación dunha Escola Superior de Arte Dramática… no editorial expresábase o desexo de que nun Congreso do Teatro Galego fose analizado, dun xeito democrático, como debería ser o Teatro Galego do século XXI.

Dous anos máis tarde –número 43 de verán 2005– no contexto político do Goberno de Coalición PSOE/BNG que tiña como lema programático “moverse cara a un país novo”, desde as páxinas da revista reclamábase que ese país novo, no que se refire ás artes escénicas, debería supor levar a práctica unha política teatral baseada tanto nun profundo coñecemento da realidade como na participación de todos os axentes implicados. E para acadar isto propúñase a convocatoria dun Congreso de Teatro que precisaría cando menos un ano de preparación. Deste congreso, dicíase, poderían saír as liñas mestras para a elaboración dunha posible Lei Galega do Teatro.

E xa no seguinte número 44 –outono 2005– o editorial abríase co título “Cara a un Congreso das Artes Escénicas de Galicia”onde se suxería que a convocatoria podería xurdir do Consello da Cultura Galega por medio da súa Comisión Técnica de Teatro.

Aclarado isto, o motivo fundamental que me levou a escribir este artigo foi a lectura da Presentación do Congreso Internacional de Teatro Galego que aparece na súa web. Aquí no seu parágrafo final pódese ler o seguinte: …. “ consideramos que é necesario revisar profundamente todo aquilo que afecta ao teatro, á sociedade e as políticas teatrais para o que dispoñemos a celebración deste Primeiro Congreso Internacional do que, co compromiso de todos, deberá saír o plan estratéxico de futuro para o Teatro Galego.”


Publicidade

Como é posible que a Academia Galega de Teatro esqueza, en primeiro lugar, que xa houbo un Plan Galego das Artes Escénicas presentado en 2008 polo Goberno Bipartito e que foi, segundo a hemeroteca da época, recibido con entusiasmo pola profesión?

Porén o máis sorprendente e sintomático desta declaración é a desmemoria que supón “ignorar” a existencia dun Anteproxecto de Lei das Artes Escénicas de Galicia presentado o 28 de abril de 2016 en rolda de prensa celebrada no Parlamento de Galicia e que pode consultarse na web culturagalega.org.

Un Anteproxecto de Lei que ao longo de Seis Títulos e 36 Artigos define o sistema escénico e os seus compoñentes estruturais; planifica o funcionamento dos espazos e equipamentos públicos, a difusión e internacionalización das Artes Escénicas; contempla o estímulo para a edición e tradución; o financiamento e axudas públicas para a creación, produción, difusión e as axudas para a innovación; aborda o tema da formación e finalmente articula a creación dun Consello das Artes Escénicas.

Un Anteproxecto de Lei que contempla unha visión integral sobre o quefacer nas Artes Escénicas dentro dun marco lexislativo fóra dos bandazos que poidan provocarse polos cambios de goberno.

En todo este proceso de elaboración os Festivais de Teatro tiveron un papel importante. Pois, como escribiu daquela Manuel Xestoso nun dos seus artigos: “O xermolo xurdiu na Mostra de Cangas de 2015 nunha mesa redonda que baixo o título de O teatro galego no século XXI: diagnose permitiu unha posta en común dos problemas máis apremantes das artes escénicas e fixo pensar na posibilidade de coordinarse para iniciar ese cambio. Xa na Mostra de Ribadavia, houbo conversas formais entre as diferentes asociacións profesionais coa vista posta en realizar accións concretas que finalmente levaron á idea dunha Lei. Por fin no Festival Internacional de Teatro de Ourense, en outubro, creáronse diferentes comisións que iniciaron o traballo de redacción propiamente dito”.

Neste Anteproxecto de Lei das Artes Escénicas de Galicia participaron a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Escena Galega, a Federación Galega de Teatro Afeccionado, Asociación Galega de Xestores Culturais, Asociación de Festivais Galegos de Teatro, Circo Nove a Asociación Galega de Dramaturxia e outras persoas relacionadas co ensino e a produción teatral.

Este Anteproxecto de Lei das Artes Escénicas de Galicia foi, na miña opinión, a mellor decisión consensual da xente do teatro galego. Non debería esquecerse, pois de facelo a frustración, o desencanto, a desconfianza e o individualismo infestaría calquera outro proxecto en común. Compracendo así a quen prefire a desunión para lexislar ao seu xeito.
A Academia Galega de Teatro ten agora o reto de recoller a memoria do traballo feito en man común para ir cara o futuro.

Antón Lamapereira

Antón Lamapereira

(Monforte de Lemos, 1945). Profesor xubilado de Filosofía no Ensino Secundario. Cofundador da Escola Dramática Galega e fundador e director da erregueté | Revista Galega de Teatro ata o ano 2016. Membro do seu Consello Editorial. Actor e director de teatro afeccionado en diferentes grupos como Avelaiña teatro (Pontevedra) ou Teatro Aberto (Cangas do Morrazo).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Crema |

Diario de cativerio. Día 30, por Esther Carrodeguas

Tatán |

No confín de… Tatán