in

No confín de… Tatán

Tatán |
Titiriteiro, actor e cantor. Con máis de trinta e cinco anos de traxectoria artística, Tatán é un dos imprescindíbeis do noso teatro. Xunto a Miguel Borines e Andrés Giráldez dirixe Tanxarina Títeres, unha das compañías con máis recoñecemento dentro e fóra de Galicia, con espectáculos coma Trogloditas, As bombas e o xeneral, A casa do avó ou A galiña azul. Desde o ano 2000, Tanxarina é responsábel artística e técnica do Festival Internacional de Títeres de Redondela.

 

O libro que tes sobre a mesa de noite.

Allez, Allez! Islote P Barraca 16 de Santiago Rodríguez, meu pai. Memorias da súa estancia nos campos de refuxiados en Francia no 1939. A puntiño de editalas. Narra como despois da guerra contra Franco veuse na obriga de retirarse a territorio francés con todos os seus camaradas republicanos. Despois de dous anos de miseria, son repatriados de novo para servir de man de obra nos campos de traballo españois. Ao remate, regresa coa súa nai Antonia a Redondela onde ela impartía clases particulares para poder asistir ao seu compañeiro que estaba preso na illa de San Simón. Os dous eran de Madrid e aquí remataron as súas vidas de desprazados.

A túa banda sonora destes días.

Cuaderno de bitácora de Alberto Vilas. Composicións para piano en época de pandemia. Vilas é pianista e compositor redondelán. Acompáñame nos concertos de Tatán Chapeu e estes días anda a facer un magnífico traballo de composicións curtas para amenizar o noso retiro. Escóitoo todos os días.

O último filme que te impresionou.

Missing de Costa-Gavras, con Jack Lemmon e Sissy Spacek. Sempre me impresionou. Paréceme unha brillante historia de carácter político/social, necesaria e moi ben dirixida. Todos deberíamos vela para deixar de ser enganados globalmente. O papel de Jack Lemmon é unha das súas mellores interpretacións na última etapa que tivo como actor.

A obra de arte na que te perderías agora.

Nalgún dos carteis de Pablo Giráldez ‘Pastor’ para o Festival de Títeres de Redondela. ‘Pastor’ naceu para a pintura e a composición en ordenador. Un dos grandes do noso tempo. Aínda queda moito que compartir con el. É o cuarto tanxarino.


Publicidade

A peza que che gustaría facer.

Delicatessen de Celso Parada. Con Celso participei na súa ultima creación teatral. Baixo a súa dirección creei o personaxe do axudante do Profesor e Mago, interpretado por el. Representámola dúas veces antes da súa viaxe ás estrelas. Queda sempre pendente retomar estes textos fantásticos de Roland Topor, Eduardo Galeano e Eduardo de Filippo para levalos de novo á escena. O sentimento e o teatro intimamente ligados a unha grande amizade. Teatro do Morcego sempre presente.

Unha figura histórica coa que compartir unha caña.

Albert Einstein. Gustaríame ter unha charla con el sobre a teoría da relatividade. Sempre me pareceu un tipo ben interesante (por iso é histórico). Ademais, era laico e moi terreal. Seguro que íamos coller unha boa bebedeira para celebrar o encontro. Tiña que ser un cachondo de moito coidado, de feito dicía: “Fumar en pipa predispón a xulgar con calma e obxectividade os actos humanos”. Pasariámolo xenial. Estou seguro de que sería un moi bo director xeral de cultura. Mesmo nesta pandemia atoparía solucións brillantes.

Se non foses titiriteiro, serías…

Cantor. De feito teño un disco: Tatán Chapeu. Deume moitas alegrías. Agora xa ando a preparar outro. As letras xa están, a música chegará…

“O reloxo está no chan e camiña coas agullas,
esnaquizado o cristal vai mollado pola chuvia
á procura do meu tempo, o tempo do meu pasado,
vai coxeando entre as lastras estragadas polos anos…
Tic-tac, tic-tac…”

Saúde!

Avatar

Ernesto Is

(Xixón, 1988) É dramaturgo, narrador oral e docente. Premio Abrente (ex aequo) con 'Fendas' e Premio Rafael Dieste con 'Despois das ondas'. Foi seleccionado polo INAEM no Programa Dramaturgias Actuales ('El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas'), no grupo de escrita teatral DramaturXA do CDG ('Onde veñen morrer as baleas') e na bolsa Nuevas Dramaturgias de Euskadi ('Canciones amarillas para flores tristes'). Cofundador da compañía Feira do Leste, coa que estreou 'Exilio das moscas' e 'Tras Tannhäuser' (axudas á Creación Joven do INJUVE). Membro do consello de redacción da erregueté-Revista Galega de Teatro, colabora tamén coa Revista Grial e A Movida de Vigo.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Conference |

Tecer e destecer

Mapaeuropa01 |

Distintas respostas europeas ante as ameazas da Covid-19 ao sector cultural