in

O charco de Ulises

O charco de Ulises CDG
Miramemira

A sede

 

“No hay nostalgia peor que añorar lo que nunca jamás sucedió”, di a canción. Talvez sexa esta mesma sombra que agarda pacientemente agochada durante anos para, o día menos pensado, trabarnos e ferirnos de saudade a que nos impulsa a avanzar, a non conformarnos co presente, tratando de atopar, continuamente e sen descanso, un futuro mellor para nós mesmos e para os nosos. Ou quizais só sexa puro e simple egoísmo. A necesidade de empacharse de aventuras, de ampliar horizontes vitais, de cambiar a nosa pequena e aburrida peixeira por un mar infinito de experiencias e acreditar, deste modo, o noso paso pola vida. Porque, ao fin e ao cabo, vivir é existir. Este é só un dos moitos ronseis temáticos tratados en O charco de Ulises, texto co que Santiago Cortegoso achega o relato homérico á realidade de Galicia e montaxe coa que o CDG inicia as producións de 2021 apostando pola dramaturxia galega contemporánea.

Con dirección de Marián Bañobre e do propio Cortegoso, O charco de Ulises desmitifica a “aquel varón de multiforme enxeño” e presenta a interesante realidade non só do que se vai, senón tamén dos que quedan e non teñen novas do ausente. Nesta versión, nin as musas nin os deuses interveñen nas andanzas do heroe que non é tal, tan só as súas decisións de simple mortal, cheo de orgullo e cunha ambición insaciable. Paparse a vida ou que a vida te pape a ti é a obsesión que lastra ou activa os personaxes desta historia. Desde unha Helena cocainómana que non é capaz de aturar o paso do tempo (fantástica Mónica Camaño), até un Telémaco adolescente angustiado pola necesidade de facer “cousas importantes” coma seu pai (feliz nova para a escena galega a descuberta de Óscar Allo). E no medio deles, por suposto, a figura dun Ulises que, na versatilidade interpretativa de Fran Paredes, pode recordarnos ao fachendoso rei de Ítaca encarnado por Kirk Douglas no peplum de 1954 ou reproducir o desacougo dun fillo que trata de comunicarse co seu pai demente nunha escena de marcado ton intimista.

Publicidade

O elenco, agás Paredes, desdóbrase en varios papeis e amosa as súas capacidades interpretativas: cantando (marabillosa versión musicada de Inés Salvado do poema de Kavafis), bailando, cambiando dun rexistro cómico a outro máis tráxico e, especialmente, no traballo de coro. Probablemente estes sexan os momentos máis potentes d’O charco de Ulises, aqueles nos que as actrices e os actores se moven en grupo e coordinan os seus movementos e voces para desenvolver as transicións entre escenas e espazos, recrear unha antiga sala de baile ou crear un Polifemo/Fronteira que, co seu único ollo, mantén a orde dun estado de reminiscencias orwellianas.

E é que o espazo, tanto escénico coma dramático, ten unha importancia capital na proposta de Bañobre e Cortegoso. A escenografía, deseñada por Pablo Giráldez, é un dos grandes acertos deste espectáculo. Composta por seis mesas de madeira con rodas e trapelas, a unión das mesmas configura múltiples lugares e ambientes. Grazas aos movementos do elenco e ao traballo coordinado no desprazamento das estruturas durante os cambios, pasamos dunha embarcación en alta mar ao boliche arxentino onde Ulises baila un tango con Calipso (Chusa Pérez de Vallejo), da casa onde Penélope (Inés Salvado Gontad) é acosada polos homes á churrascaría rexentada por Circe (Rosalía Castro), do Hades á praia onde Nausícaa (Raquel Espada) toma o sol, do prostíbulo de Helena e Menelao (Manuel Millán) ao peirao no que pesca Néstor (Miguel Borines) e Pisístrato (Paulo Serantes) imparte unha lección de filosofía vital ao seu colega Telémaco. A iluminación de Salvador del Río, o vestiario de Saturna, a caracterización de Baia Fernández e a música en directo do acordeonista Xosé Lois Romero están en total sintonía co traballo escénico, configurando todos estes elementos atmosferas moi interesantes ás que chegamos a través do ritmo xerado nas transicións.

En O charco de Ulises dáselle unha volta de torca á historia da emigración galega e á propia lenda do protagonista, engadindo á fábula unha ollada chea de ironía e reprobación ás figuras dos pioneiros que puxeron un océano de distancia e silencio entre eles e as súas familias. O vencello coa terra de orixe (“Son raíces. Raíces”, dille Penélope ao seu marido mentres serve cenorias na fantástica es–cena de reencontro) trátase desde unha perspectiva ás veces amable e ás veces crítica, sen caer en tópicos morriñentos. Bañobre e Cortegoso logran, xunto ao elenco e o equipo artístico, contarnos e identificarnos a través de figuras mitolóxicas moi trilladas, saíndo máis que airosos desta odisea grazas á frescura coa que está artellada a dramaturxia e á coherencia e dinamismo da posta en escena.

O Charco de Ulises inicia, ademais, un novo capítulo na historia do Centro Dramático Galego con Fran Núñez como director. Despois da seca laboral que vivimos no esquecible 2020, este 2021 iníciase coa esperanza de recuperar, aos poucos e non sen certo temor, a “vella normalidade” no noso sector. O novo director do CDG parece apostar firmemente por producións ambiciosas que integren ás/aos traballadoras/es da escena galega, tanto aquelas/es máis consolidadas/os coma as novas voces. Inmersas xa nunha recesión económica derivada da pandemia da COVID-19, Núñez deberá encomendarse aos deuses ou ao seu propio enxeño para atracar con este barco –do que todas somos tripulantes– en bo porto e saciar a nosa sede por un teatro público aberto ás compañías, ás/aos seus profesionais e á cidadanía. Que non nos quede o gusto amargo da nostalxia do que puido ser e non foi. Que sucedan as cousas para non ter que anhelalas. Que non nos canten máis milongas. E, sobre todo, que os ventos sexan propicios.

Publicidade
Publicidade
Publicidade

O charco de Ulises, Santiago Cortegoso (versión libre da Odisea de Homero)

Dirección e adaptación: Marián Bañobre e Santiago Cortegoso
Texto e asesoramento lingüístico: Santiago Cortegoso
Elenco: Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Camaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Manuel Millán, Fran Paredes, Chusa Pérez de Vallejo, Inés Salvado Gontad e Paulo Serantes
Voces en off: Santiago Cortegoso, Baia Fernández, José Manuel González Sanmartín
Escenografía: Pablo Giráldez “O Pastor”
Vestiario: Saturna
Iluminación: Salvador del Río
Caracterización: Baia Fernández
Espazo sonoro e músico en escena: Xosé Lois Romero
Coreografía tango: Ezequiel Merlo
Traballo de voz: María Costas
Asistencia de dirección: Carmela Bueno
Asistencia de produción: Xandre Vázquez
Realización da escenografía e utilería: Equipo técnico do CDG
Realización do vestiario: Equipo técnico do CDG
Coordinación e corrección de textos: Rosa Moledo
Fotografías e vídeos: Miramemira
Deseño gráfico: Trisquelia

Estrea no Salón Teatro do Centro Dramático Galego, Compostela. 14 de xaneiro de 2021.

Avatar

Ernesto Is

(Xixón, 1988) É dramaturgo, narrador oral e docente. Premio Abrente (ex aequo) con 'Fendas' e Premio Rafael Dieste con 'Despois das ondas'. Foi seleccionado polo INAEM no Programa Dramaturgias Actuales ('El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas'), no grupo de escrita teatral DramaturXA do CDG ('Onde veñen morrer as baleas') e na bolsa Nuevas Dramaturgias de Euskadi ('Canciones amarillas para flores tristes'). Cofundador da compañía Feira do Leste, coa que estreou 'Exilio das moscas' e 'Tras Tannhäuser' (axudas á Creación Joven do INJUVE). Membro do consello de redacción da erregueté-Revista Galega de Teatro, colabora tamén coa Revista Grial e A Movida de Vigo.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Auditorio de Ourense Covid

Ourense pecha o Auditorio e deixa sen traballo ás compañías de artes escénicas ata abril

Premios María Casares

A COVID adía os María Casares ata novo aviso