in

Fran Núñez será o novo director do CDG

Residencias Cruzadas CDG

O actor e produtor Fran Núñez será o novo director do Centro Dramático Galego. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o acordo de contratación da persoa seleccionada para a cobertura do posto de coordinación do Departamento de Produción Teatral (CDG) e que sucederá no posto a Fefa Noia. Desta forma remata o proceso iniciado no mes de agosto ao que se presentaron oito candidaturas.

Francisco Javier Núñez Alonso (Vigo, 1986) é doutor en Economía Aplicada pola Universidade de Santiago de Compostela, mestrado en Artes Escénicas e Teoría do Espectáculo pola Universidade do País Vasco, mestrado en Economía da Cultura e Xestión Cultural pola Universidade de Valladolid, licenciado en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo e titulado superior en Arte Dramática pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

Fundador das compañías Limiar Teatro e Teatro del Hereje, asumiu diferentes roles en proxectos producidos e coproducidos por formacións públicas e privadas de España, Francia, Brasil, Uruguai, Arxentina e Portugal, entre as que destacan Teatro de la Zarzuela, Los Goliardos e Teatro Español (as tres en Madrid), o proxecto internacional itinerante Ship of Fools, Boccaccione (Brasil), Teatro Nacional D. Maria II (Portugal) ou Orquestra Sinfónica de Galicia. Co CDG levou a cabo tres coproducións: Panxeia (2009), Os catro da Xunqueira (2014) e Se fosen turistas, levarían gafas de sol (2019).

Como autor, participou no Certame Interplay Europa 2014 de dramaturxia e, como xestor cultural, organizou tres edicións do festival de teatro Ponte nas Ondas, en Gondomar (Pontevedra). Na actualidade viña compaxinando o seu traballo como director artístico de Limiar Teatro coa actividade investigadora nas universidades de Santiago de Compostela, Vigo e Valladolid.

Tamén é autor de Da medición do impacto á mellora. Metodoloxía de avaliación de eventos culturais. O caso do Festival de Cans, un manual para analizar o impacto dos festivais galegos nas súas dimensións económica, social e mediática.


Publicidade

Despois da marcha de Fefa Noia no mes de outubro, o CDG ten pendente a presentación da súa actividade para a tempada 2019-2020 e foi epicentro de varias polémicas suscitadas a raíz do recorte do 40% incluído no Proxecto de Orzamentos Xerais para 2020 e a redacción dun novo estatuto para AGADIC que, entre outras cuestións, limita a capacidade de acción da persoa responsable da súa dirección.

 

Actualizado ás 12:42

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

lam |

“Gran Teatro para os máis pequenos” remata con ‘Lambetadas’, de Talía Teatro

Cronicas do paraíso Sarabela Ovidio Aldegunde 1 |

Vigocultura presenta a programación do primeiro semestre 2020