in

Vigocultura presenta a programación do primeiro semestre 2020

Cronicas do paraíso Sarabela Ovidio Aldegunde 1 |

A programación de artes escénicas Vigocultura para o primeiro semestre de 2020 contará con 24 compañías que presentarán 77 funcións de espectáculos de rúa, monicreques, teatro, danza, maxia e circo.  Entres os meses de febreiro e abril, o Auditorio acollerá cada venres espectáculos para adultos de compañías galegas como Contraproducións, Sarabela, Malasombra, Marelas Producións, Ibuprofeno ou Producións Teatráis Excéntricas. De igual modo, o programa inclúe a estrea das compañías viguesas Teatro Avento e Olivas Negras e a presentación de Jauría, de El Pavón Teatro Kamikaze.

A primeira cita da tempada será na rúa do Príncipe a fin de semana  do 31 de xaneiro ao 2 de febreiro con dúas caravanas que realizarán pases de microteatro cada 15 minutos diante do MARCO: serán La Petite Caravane, de Adrián Conde Espectáculos e Clavileño e hijxs, de Territorio Violeta. Ao tempo, xunto con elas, a compañía Generación Teatro ofrecerá o espectáculo Palabras por un tubo na rúa do Príncipe.

Febreiro

O venres 7 e o sábado 8 de febreiro a programación comezará no Auditorio do Concello con A compañeira de piso de Contraproducións mentres que o domingo será o tempo para o público miúdo con The show moscón de Galitoon. O venres 14 Sarabela Teatro desembarcará no auditorio municipal con Crónicas do paraíso para dar paso á estrea do musical  O libro da selva que domingo 16 de febreiro chegará da man de Teatro Avento Produccións. O venres 21 de febreiro Malasombra Producións presentará o espectáculo Bernarda mentres que o domingo 23 será o tempo para Os Monicreques de Kukas con Arlequina. O mes de febreiro remata en Vigocultura o venres 28 coa peza Liberto, de Marelas Producións.

Marzo

O domingo 1, a compañía Aracaladanza será a compañía encargada de inaugurar o mes de marzo con Play mentres que o domingo 8 a compañía Pedras de cartón presentará o espectáculo de teatro xestual Lázaro de Tormes. El Pavón Teatro Kamikaze chegará a Vigo o venres 13 con Jauría, un espectáculo recomendado pola Red Española de Teatros baseado na transcrición do xuízo á Manada. Pola último, Vigocultura reserva para a segunda quincena de marzo os espectáculos Lambetadas de Talía Teatro que terá lugar o domingo 15; O mel non caduca de Ibuprofeno Teatro previsto para o venres 20  e Y ahora que?, da compañía Puntocero, o domingo 22 de marzo.

Por terceiro ano consecutivo, Vigocultura abrirá ao público os espazos menos coñecidos do Auditorio Municipal os días 6 e 7 de marzo co Programa 3×3. Este está constituído por  3 espectáculos de 15 minutos que se desenvolven en simultáneo en diferentes lugares (escenario, camaríns e vestíbulo). Os espectáculos seleccionados para esta nova edición son: Margarita, de Teatro En Punto; Pulso, de Teatro En-Trance e La poubelle plus belle, de Zero en Conduta.

Abril


Publicidade

A programación escénica continúa en abril a partir do 17 con Medida x Medida de Producións Teatráis Excéntricas mentres que o sábado 18 terá lugar a estrea mundial de Doce uvas, dúas mulleres e unha oliva, da compañía viguesa Olivas Negras. De igual forma, o domingo 19 de abril La Machina Teatro presentará por primeira vez en Galicia Olivia y las plumas, un espectáculo para toda a familia.

Un ano máis a programación de primavera pechará coa celebración do Día Internacional da Danza con espectáculos de danza contemporánea, danza vertical e danza para bebés. Así, o venres 24 de abril  o Colectivo Verticalia presentará Alma (non é hippie); o sábado Exire ofrecerá a peza Médula e o domingo 26 de abril Caramuxo Teatro ofrecerá dous pases de Catro.

Entradas e descontos

As entradas poderán adquirirse de forma anticipada a partir do 8 de xaneiro (sen gastos de xestión, ao mesmo prezo que no despacho de billetes), a través da web de Evenbrite, en Discos Elepé, ou o mesmo día do espectáculo a partir de unha hora antes do comezo no despacho de billetes do Auditorio. Os abonos para a programación deste semestre só poderán adquirirse en Discos Elepé e pódense combinar entre todos os espectáculos en paquetes de 5 ou 10 espectáculos, con descontos do 10 e 25%, respectivamente.

Ante o éxito da iniciativa do semestre anterior, e co obxecto de fomentar a asistencia ao teatro por parte da mocidade, o público entre 12 e 18 anos poderá beneficiarse dun 50% de desconto no prezo das entradas adquiríndoas anticipadamente a través de Internet co código de desconto OTEATROMOLA.

 

|Na imaxe: Crónicas do paraíso, de Sarabela Teatro. Foto: Ovidio Aldegunde|

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Residencias Cruzadas CDG

Fran Núñez será o novo director do CDG

Antzerkigintza berriak 110x110 1 |

Aberta a convocatoria do programa Novas Dramaturxias