O CDG inicia o proceso de selección de elencos das súas tres próximas producións

Levará a escena O charco de Ulises baixo a dirección de Santiago Cortegoso e Marián Bañobre, Terceiro acto con Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez, e Serva me, servabo te con Belén Bouzas, Fran Martínez e Diego M. Buceta.

 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte o anuncio polo que se fai pública a convocatoria para a selección das 20 prazas de actrices e actores que interpretarán as próximas tres producións propias do Centro Dramático Galego (CDG), correspondentes á temporada escénica 2020-2021. Os títulos, aínda provisionais, destes espectáculos son O charco de Ulises, obra de Santiago Cortegoso que el mesmo codirixirá con Marián Bañobre; Terceiro acto, con dramaturxia e dirección de Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez, e Serva me, servabo te, con Belén Bouzas, Fran Martínez e Diego M. Buceta.

En concreto, a través deste proceso elixirase o actor protagonista e os nove principais que levarán ás táboas O charco de Ulises, así como cadanseu elenco de cinco intérpretes con categoría de principais para Terceiro acto e Serva me, servabo te, neste último caso conformado especificamente por actores e actrices que combinen esta faceta coa de bailaríns e bailarinas.

 

Bases

Segundo as bases publicadas no web da Agadic, as persoas interesadas en optar a estas prazas deberán presentar as súas solicitudes, xunto co resto de documentación requirida, desde mañá e ata o luns 27 de xullo, preferiblemente por vía electrónica ao enderezo audicions.cdg@xunta.gal. Os intérpretes poden formalizar a súa candidatura aos tres proxectos, aínda que só poderán ser seleccionados nun deles debido á coincidencia temporal nas súas diferentes fases de produción e exhibición.

Para seren admitidos, as persoas aspirantes deben cumprir unha serie de requisitos, entre os que se atopa o do coñecemento e dominio do idioma galego no ámbito cotián e artístico, ben acreditándoo mediante certificación oficial, ben solicitando unha avaliación lingüística específica.

 

Dúas fases

O proceso de selección dividirase en dúas fases. A primeira delas consistirá na valoración dos perfís profesionais en función do seu grao de coincidencia coas propostas artísticas, tendo en conta as características que especifican as bases para os diferentes roles interpretativos de cada proposta.

Con tal fin, o equipo de dirección dos espectáculos valorará, de xeito obxectivo e mediante escrito motivado, os currículums e os materiais audiovisuais achegados. A partir desta análise, confeccionará unha listaxe que será supervisada polo resto do tribunal e da que pasarán á segunda fase os cinco perfís máis coincidentes con cada un dos roles que se buscan.

 

Obradoiros grupais

A segunda etapa do proceso centrarase nas probas de interpretación, para o que se desenvolverán obradoiros grupais de ata 10 horas de traballo, que poderán estar repartidas en varias xornadas. O seu obxectivo é avaliar tanto a interpretación textual, xestual e a adecuación aos roles, como a capacidade de integración no traballo coral, coreográfico e de manipulación de elementos.

Os textos e indicacións para estas probas serán difundidos na páxina da Agadic, antes da publicación da listaxe de persoas candidatas seleccionadas para a segunda fase. Nesta mesma web, así como no taboleiro da Axencia, faranse públicas cada unhas das diferentes fases do proceso.

Deixar unha resposta