in

En attendant Rambert, por Tamara Andrés

Clausura Do Amor
| Tamara Andrés |

 

En quen te convertiches?
Coñecémonos?
Cal é o teu nome?
Tes un nome?
Hai alguén aí?
Hai alguén?

 

Pascal Rambert escribe Clôture de l’amour para Audrey Bonnet e Stanislas Nordey. A peza estréase no Festival d’Avignon no ano 2011 e o texto sae do prelo en Francia ese mesmo ano. Tradúcese a máis de vinte linguas e o propio Rambert dirixe montaxes en Rusia, Estados Unidos, Croacia, Italia, Xapón, Alemaña, España, Dinamarca, Exipto ou China.

En paralelo a este percorrido, o director Carlos Álvarez-Ossorio asiste como espectador a unha representación de Ensayo no Teatro Kamizaze de Madrid. Á saída leva con el o libro La clausura del amor seguido de Ensayo (1), publicado por La Uña Rota. Nada máis terminar a lectura do primeiro texto merca os dereitos para o galego da obra: un coup de foudre. Xa ten visualizados a Teté García e Xosé Manuel Esperante para a futura montaxe. De non ser pola situación que nos atinxe, a versión galega da obra máis visceral de Rambert —versión, insisto, porque Álvarez-Ossorio aclara que non se trata da montaxe de Rambert— teríase estreado a comezos deste mes, en coprodución co CDG, no Salón Teatro. Mentres agardamos por ela, falamos con Carlos, Teté e Xosé para debullar como vai chegar a obra a Galicia e coñecer o proceso de traballo, atravesado por Koltès, Cassavetes ou, engade Xosé, Angélica Liddell.

Antes que nada, Clausura do amor é o encontro dun director e unha actriz, que tamén son parella, nun espazo que aparece disposto para algo que nunca se vai realizar. O auditorio asiste a esa «outra cousa»: unha ruptura amorosa. Teté afirma que o material do que está feito este texto é a intimidade, sen ningún tipo de edulcorante. Xosé, pola súa banda, apunta que xogar nese terreo esixe honestidade. Unha realización en directo con seis cámaras acentúa a desaparición do privado, como un pequeno reality do desamor, engade Carlos.

O diálogo é rotundo, sólido, preciso, sincero, desafiante, estremecedor; completamente brutal. Cada palabra é un acerto; cada oración, inmensa. As ideas retórcense. O amor dilata dun xeito violento a linguaxe ata extenuala. Para Teté, a masa que conforman as palabras foi o reto principal: tras máis de media hora escoitando o monólogo visceral do seu compañeiro —unha escoita que se vai manifestar no corpo dun xeito bastante dramático, adianta—, a personaxe feminina ten moito que dicir, moito que responder, moitos coitelos dos que se ocupar. Segundo a actriz, as intervencións das dúas personaxes, que expresan vicios, rancores ou frustracións individuais, non lle resultarán alleas a calquera que leve ás súas costas unha relación amorosa longa. Dinse cousas sobre o amor que non se adoitan poñer baixo o foco, mais que se repiten de xeito permanente, só que nun terreo máis privado. Se ben a situación de parella é límite, nesta proposta haberá flutuacións, un equilibro entre control e tolemia, entre o pautado e o irracional. Ademais, cada representación definirase como un terreo novo, porque o espazo tamén formará parte do conflito.


Publicidade

Para Xosé, o texto orixinal posúe unha estrutura e unha sabedoría literaria moi potentes, e no proceso hai unha necesidade de deixarse ir, de enxergar o impacto que xera a masa de palabras e o ritmo que se vai creando —a palabra como impacto e axente que modifica—. O material textual foi explorado de xeito conxunto entre o director e os dous actores, quen tamén participaron do labor de tradución. Nunha primeira fase, o texto foi traducido polo director; nunha segunda, actor e actriz introduciron achegas porque, en palabras de Teté, máis que dicilo, hai que vomitalo, e nese camiño a linguaxe debe afacerse á boca de cada un dos actores. Cotexáronse outras traducións, principalmente a castelá e a portuguesa, e procurouse que o texto «soe galego», é dicir, que se distancie dun resultado que poida confundirse cunha tradución do castelán.

Traducir desde o francés unha autoría contemporánea, entendendo esta palabra no seu significado denotativo, non semella ser algo habitual nos últimos anos. Desde finais do século pasado, o teatro galego nútrese de Koltès (A Factoría Teatro), Alfred Jarry, Ionesco e Molière (Teatro de Ningures) ou Beckett (Talía Teatro) e, no plano editorial, publícanse textos de Michel de Ghelderode, Camus, Alfred Jarry e Ionesco (Cadernos da Escola Dramática Galega), Prévert, Michel Azama, Suzanne Lebeau, Wajdi Mouawad e Alfred Jarry (erregueté | Revista Galega de Teatro) ou Alfred Jarry, Molière e Adam de la Halle (Biblioteca Virtual de Literatura Universal en Galego). Laiovento ofrece no seu catálogo obras teatrais de Apollinaire, Labiche e Koltès, mentres que en Galaxia, na colección Biblioteca ESAD, podemos ler a Genet ou a Camus (2).

Polo xeral, a tradución en Galicia empregouse como instrumento normalizador tamén no xénero dramático, razón pola que a meirande parte das obras traducidas pertencían aos rexistros canónicos tanto da literatura clásica como da vangardista. Fóra desta tendencia, Clausura do amor cómpre ser celebrada como unha achega que contribúe a establecer un diálogo estimulante con espazos actuais, o que ensancha as nosas linguaxes e dota de vigor o noso sistema.

Aínda non sabemos cando se vai poder retomar a actividade cultural. A Clausura do amor quédanlle os ensaios finais e unha chisca de xogo, mais o director tampouco quere excederse na marcaxe. Agardemos con ansia —e dadas as circunstancias, tamén algo de paciencia— a data de estrea.

 

Notas:
(1) Clausura del amor seguido de Ensayo
(2) Datos extraídos dos catálogos das editoriais referidas e dos artigos «Teatro y traducción en Galicia» (Sendebar, Revista de Traducción e Interpretación n.º 27) e «La traducción de obra dramática en España: un modelo de análisis y algunos resultados» (La traducción literaria: Nuevas investigaciones), da autoría de Manuel F. Vieites.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Paula Quintas

No confín de… Paula Quintas

Gregory Vuyani

Mensaxe do Día Internacional da Danza 2020