in

A Casa-Museo Manuel María convoca o II Certame de Proxectos Teatrais

fotosmanuelmaria 01813 |

A Casa-Museo Manuel María en colaboración cunha serie de concellos cuxo número e identidade se farán públicos proximamente, convocan o II Certame Manuel María de Proxectos Teatrais. Nesta convocatoria duplícase a contía económica achegada pola Fundación (4.000 euros), ao que haberá que sumar o número de funcións que se logre comprometer por parte de concellos e Deputacións (na edición anterior foron 26).

O certame rexerase polas seguintes bases:

 

1. Fundamentación

A Casa-Museo Manuel María ten como obxecto xeral a conservación e difusión da obra do escritor chairego, así como a promoción da cultura galega en xeral. A figura de Manuel María foi fundamental para a restauración da lingua e literatura galegas nos anos da posguerra, sendo o primeiro autor novo que publicou un libro en galego após a guerra civil (Muiñeiro de brétemas, 1950). O seu corpus literario comprende máis de cen obras e constitúe un dos territorios creativos máis ricos da literatura galega. A dominancia do xénero poético nesta produción non debe ocultar o seu abondoso e acertado cultivo do teatro. O escritor chairego, consciente do valor didáctico deste xénero, deixounos escritas máis de 30 pezas dramáticas de temática moi variada e de moi distinto formato (farsas, autos, pezas infantís…) o que o converte nun dos dramaturgos galegos máis prolíficos. Por todo isto, a Casa-Museo Manuel María convoca o presente Certame segundo as seguintes bases:

2. Obxecto

O Certame Manuel María de Proxectos Teatrais, de periodicidade bienal, ten por obxecto premiar a mellor proposta escénica sobre textos de Manuel María que sexa presentada en tempo e forma segundo as presentes bases.

3. Participantes

3.1. Poderán presentar os seus proxectos a este Certame as compañías ou produtoras de teatro legalmente constituídas que acreditaren a súa residencia en Galiza, así como empresarios/as ou artistas a título individual que contaren ou foren contar con cobertura de produción para desenvolveren o proxecto.

3.2. Cada compañía ou artista poderá presentar o número de proxectos que considerar oportuno. Pola súa parte, os/as artistas tamén poden facer parte de máis de un dos proxectos presentados.

4. Requisitos

Os proxectos presentados deben reunir os seguintes requisitos:

  • Referírense a un texto -ou varios combinados- da autoría de Manuel María. Para estes efectos, a Casa-Museo porá a disposición das compañías ou persoas interesadas o conxunto da obra teatral de Manuel María en formato PDF e mesmo colaborará na localización doutros textos se o precisaren.
  • Seren completamente orixinais.
  • Teren unha duración mínima prevista de 45 minutos.

5. Documentación a presentar

O proxecto deberá conter a seguinte documentación:

  • Formulario de inscrición incorporado como anexo 1, debidamente cumplimentado.
  • O proxecto completo e detallado do espectáculo, proposta escenográfica, tratamento dramatúrxico, relación e currículo da/s persoa/s autora/s do proxecto, da dirección, da produción executiva, da escenografía, da iluminación e do reparto. No caso de se producir calquera adaptación do texto, deberase indicar detalladamente.
  • O orzamento pormenorizado e a indicación clara do caché da compañía para a contratación da representación da obra, que nunca deberá sobrepasar a cantidade de 2.700 euros máis os impostos correspondentes.
  • Calquera documentación complementaria sobre outros aspectos que permitan a valo- rización do proxecto.

6. Envío da documentación

A documentación deberá remitirse por correo electrónico a [email protected]. Ademais, enviarase unha copia en papel por correo certificado ou por servizos de mensaxaría ao seguinte enderezo: Fundación Manuel María de Estudos Galegos. R/ Javier Fonte, 1, portal D, 1o A. 15001 – A Coruña.

7. Aspectos a valorar nos proxectos presentados

A Comisión de Selección tomará a súa resolución sobre os proxectos presentados tendo en conta os seguintes aspectos:


Publicidade

7.1.- A calidade, o interese e a novidade do proxecto presentado:

  • Interese para a difusión da obra de Manuel María, relevancia e singularidade do proxecto presentado.
  • Fórmulas de difusión que reforcen a repercusión pública do proxecto.
  • Adecuación do caché de representación á magnitude do proxecto.
  • No caso de ser unha obra idónea, atención á difusión do proxecto entre o público escolar con elaboración de material específico.
  • O equilibrio de xénero na composición da equipa artística e de produción.
    En caso de o considerar pertinente, a Comisión de Selección poderá solicitar ás persoas responsábeis do proxecto calquera tipo de aclaración oral ou escrita sobre o mesmo.

7.2. Traxectoria da entidade ou persoa/s que presentan o proxecto. Para estes efectos teranse en conta aspectos como a calidade e cantidade dos espectáculos producidos até a data, a difusión que tivo cada un deles e os eventos en que se programaron.

8. Composición e cometido da Comisión de Selección

  • A Comisión estará composta por profesionais de recoñecido prestixio do ámbito das artes escénicas, sendo presidida pola Presidenta da Fundación Manuel María de Estudos Galegos ou persoa en quen delegar. Actuará de secretario, sen voto, o secretario da Fundación ou persoa en quen delegar.
  • A Comisión premiará un único proxecto, podendo seleccionar outros con carácter de suplentes. A súa decisión será inapelábel.
  • O Certame poderá declararse deserto no caso de a Comisión de Selección considerar que ningún dos proxectos presentados reúne as debidas condicións.

9. Autorización de dereitos

A Fundación Manuel María de Estudos Galegos concederá en exclusiva ao/á autor/a do proxecto gañador, durante dous anos con posibilidade de prórroga, o dereito de estrea e representación da obra que presentou a concurso, sen prexuizo dos dereitos de autoría que, de acordo coa lei vixente, se puideren derivar das representacións.

10. Premios

Estabelécese un único premio de 4.000 euros. Alén disto, o proxecto terá garantidas as representacións concertadas cos concellos colaboradores do presente Certame. O caché estabelecido para esas representacións será, como máximo, o que se tiver indicado no momento de presentar o proxecto ao certame, que en ningún caso sobrepasará os 2.700 euros máis os impostos que correspondan.

Unha vez concedido o premio e transcorridos cinco días, a Fundación Manuel María de Estudos Galegos concertará unha reunión co/a representante do proxecto gañador co fin de que asine a aceptación do premio e das obrigas que del se derivan, expresadas na base 12 da presente convocatoria. De non se presentar, outorgaráselle o premio ao seguinte proxecto clasificado.

O desfrute desta axuda é compatíbel con calquera outra de carácter público ou privado, sempre que a súa convocatoria non o impidir.

11. Calendario

  • A data límite para a presentación dos proxectos ao Certame será o día 30 de setembro de 2020.
  • Durante o mes de outubro a Comisión de Selección analizará os proxectos presentados e atenderá as distintas exposicións de 15 minutos de quen o solicitar.
  • Unha vez que a Comisión de Selección comunique o proxecto gañador, a compañía terá un máximo de dez meses para producilo e tamén estará en disposición de realizar a súa representación unha vez transcorrido tal prazo.
  • A obra estará dispoñíbel para a súa representación cando menos durante un ano, a contar desde a súa estrea.

12. Obrigas dos/as seleccionados/as

A compañía ou persoa/s seleccionada/s ficarán sometidas ás seguintes obrigas:

  • Asinaren no prazo de cinco días, a contar desde a comunicación do premio, a aceptación deste e dos compromisos que del se derivan.
  • Executaren integramente o proxecto nos termos presentados á convocatoria. Calquera mudanza terá de ser comunicada á entidade convocante deste Certame e contar coa súa aprobación.
  • Cumpriren o convenio de actores e atrices de Galiza na produción e exhibición do espectáculo resultante do proxecto.
  • Solicitaren a integración nos distintos circuítos teatrais públicos de Galiza que a normativa permitir.
  • Incluíren en toda a publicidade e soportes materiais ou dixitais de difusión o texto “Obra gañadora do IIo Certame Manuel María de Proxectos Teatrais”, agregando ao seu carón o logo da Casa-Museo Manuel María. Farase referencia, alén diso, á colaboración dos concellos colaboradores.

13. Aceptación das bases

A participación neste concurso implica o coñecemento e a aceptación das presentes bases. A entidade convocante, de acordo coa Comisión de Selección, será a encargada de realizar a súa interpretación e de resolver calquera cuestión non prevista nelas.

 

Pódense descargar as bases e o formulario aquí.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Davide González

No confín de… Davide González

Arnoia |

A Federación Mundial do Circo cancela o Día Mundial do Circo, que se celebraba hoxe