Actor, músico, compositor e director. Nos últimos anos, Davide González combina o seu labor como intérprete co de compositor e músico en distintas producións da nosa escena: Pum! Pum! de Baobab Teatro, Eila de Incendiaria ou Resaca de Ilmaquinario, entre outras. Moi pronto poderemos gozar da súa música en O mozo da última fila de Redrum Teatro e da súa interpretación na peza Microspectivas dun marica millennial da compañía Incendiaria. | Foto: Laura Iturralde |
O libro que tes sobre a mesa de noite.
Recentemente rematei Los Equinoccios, unha novela gráfica de Cyril Pedrosa. Vou xestionando estes días pensando moito nos coidados grazas aos capítulos de Ética Promiscua de Dossie Easton e Jante W. Hardy. Volvo visitar de cando en vez a Ética Marica de Paco Vidarte. Estoume sentido atraída por descubrir Un apartamento en Urano de Paul B. Preciado e vou pospoñendo, con tino, mergullarme de novo en Sanatoria: Historia dos nenos raros de Francesc Grimalt.
A túa banda sonora destes días.
Déixome ir. Boto man da app Shazam ou do Spotify e vou aumentando a “discoteca”. Estes días tocoulle a Sufjan Stevens. Descubrino na serie Sex Education e recoñecino no filme Call me by your name de Luca Guadagnino.
O último filme que te impresionou.
I am Divine de Jeffrey Schwarz, un documental que recrea a vida de Harris Glenn Milstead, alias Divine (1945-1988). Musa absoluta do director John Waters, icona do cinema underground e mito LGBT por excelencia.
A obra de arte na que te perderías agora.
Pois nestes días estouche entre unha das icónicas fotografías de Robert Mappelthorpe ou unha das láminas de Tom of Finland. Pero, sen dúbida, perderíame de novo no universo sonoro que Vincenzo Lamagna realizou para o espectáculo Outwitting the Devil de Akram Khan Company.
A peza da que che gustaría formar parte do equipo artístico.
Sinto atracción polo traballo dos coreógrafos Alexander Ekman, Boris Charmatz, Euripides Laskaridis ou Daniel Abreu. Mais, agora mesmo, de ter que elixir, quédome coas Bacantes – Prelúdio para uma purga de Marlene Monteiro Freitas.
Unha figura histórica coa que compartir unha caña.
Gustaríame pensar na posibilidade de viaxar ao pasado e tomar un café xunto a Sylvia Rivera, xusto despois de que berrase con forza naquel discurso do Orgullo de 1973. Preguntaríalle de todo e por todo. Tamén lle diría que os tempos, aquí e agora, seguen sendo duros e que a sociedade, tristemente, aínda non madurou para nada disto.
Se non foses profesional das artes escénicas, serías…
Seguiría sendo unha marica galaica. O demais é todo unha práctica.