Artista efémera: intérprete escénica, coreógrafa e directora de movemento escénico. Olga Cameselle forma, xunto a Alfredo Rodríguez, a compañía Producións Artísticas e xestionan o espazo de encontro, formación, investigación e fomento das artes performativas A Artística en Vigo. | Foto: Afonso Ouran |
O libro que tes sobre a mesa de noite.
A mesa de noite non me parece un bo lugar para un libro. Para ler prefiro a luz diúrna, por necesidade ocular e por pracer. Neste confinamento ando un pouco escasa de tempo para o lecer e as lecturas céntranse maioritariamente en documentacións-ensaios e revisións de materiais, tanto para a segunda parte da charla que estou rematando sobre a historia da danza contemporánea, como material na marmita de cara a futuro traballo. O libro que teño pendente, agardo que en pouco entre nel, é Tantos anos de silencio de Francisco Castro. Polo que se ve imos ter tempo para isto e máis.
A túa banda sonora destes días.
Principalmente o silencio, que aquí en Vigo é absolutamente unha novidade. Como o é a banda sonora proposta pola veciñanza a partir das 20:00. Na miña tranquilidade auditiva adoito viaxar na intimidade, por momentos desde Alice Coltrane a Hildegarda de Bigen ou Corelli, pasando por The Incredible String Band ou Anoushka Shankar ao mundo fado, por exemplo. Depende da cor do día.
O último filme que te impresionou.
Unha delas (non vou moito ao cinema) foi Babel de Alejandro González Iñárritu. Quen a coñece pode imaxinar a razón. Se alguén non a coñece que probe vela na virtualidade que se nos facilita nestes intres.
A obra de arte na que te perderías agora.
Nestes momentos en calquera lenzo de William Turner, un dos meus artistas plásticos aditivos. É o primeiro que me vén, aínda que seguramente votaría á obra de René Magritte ou Bill Viola, entre outros e outras artistas das artes plásticas. Se preciso axitarme, escollería a Louise Bourgeois ou aos simbolistas. Diletante tolemia. Claro queda que nesta “eu” que veño sendo agora o visual gaña.
A peza que che gustaría dar forma.
Estou precisamente argallando en presente continuo, así pois xa veremos que sae.
Unha figura histórica coa que compartir unha caña.
Non entendo moi ben o da “figura histórica”. Neste momento o meu imaxinario en canto a “figuras históricas” non ten moito interese ou lle fai falta auténtica significación como “figura”. De calquera xeito, posta a imaxinar, encantaríame escoitar, falar, preguntar, saborear, e compartir unha copa de viño con Trisha Brown, Alan Watts ou Joseph Campbell, por exemplo. Vese ben que o da unicidade non me vai moito.
Se non foses artista efémera, serías…
Ser, son e sería a mesma con toda probabilidade. Un ser humano, muller. Mais se non me adicase ás artes efémeras performativas seguramente estaría encamiñada á antropoloxía ou mesmo á arqueoloxía ou, noutro punto diferente, ás artes marciais. Tería unha maior posibilidade algún retiro segrar, dedicándome á horticultura. Este é un pensamento de confín, evidentemente. Estoulle collendo gusto a isto de estar fisicamente afastada ata o de agora. Quen sabe se de estenderse esta situación más aló no tempo (que así parece) seguirá o devandito gusto manifestándose igual. Nin idea.