in

Raúl Dans gaña o Premio Laudamuco para textos Teatrais 2020

Raul Dans
Raúl Dans é o gañador da segunda edición do Premio Laudamuco para textos teatrais, convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. O autor, natural de A Coruña e afincado en Oleiros, concorreu ao certame coa obra Só un home bo, pola que recibirá un premio de 7.000 euros e a edición da peza por parte de Edicións Positivas.

 

A concelleira de Cultura, Sandy Cebral Gómez, sinala que “a pesar da situación excepcional na que nos atopamos por mor da pandemia do COVID-19, o Concello de Brión mantén o seu compromiso coa cultura e vén de fallar a segunda edición do Premio Laudamuco, que recaeu no dramaturgo Raúl Dans Mayor. Porén, dada a situación actual, o acto de entrega do premio prevista para o 16 de maio coincidindo co aniversario da posta en escena da obra Laudamuco, señor de ningures pola compañía Teatro do Antroido de Roberto Vidal Bolaño, queda adiada en principio ata o 10 de outubro, coincidindo coa clausura do Congreso Internacional do Teatro Galego, sempre e cando a situación o permita”.

O xurado estivo formado por Inma López Silva, Carmen Abizanda, Damián Villalaín, Xosé Manuel Fernández Castro e Manuel Guede Oliva. As deliberación tiveron que realizarse telematicamente, o que mesmo alterou o normal desenvolvemento do protocolo que implica a apertura da plica correspondente e o coñecemento do nome do autor ou autora do texto premiado. Un acto que tivo lugar este xoves na Casa da Cultura de Brión coa presenza da concelleira de Cultura de Brión, Sandy Cebral Gómez; de Manuel Guede Oliva, en representación do Xurado; e do xestor Cultural do Concello de Brión, Alberto Vázquez Escudero.

Publicidade

O xurado coincidiu en sinalar “a calidade xeral dos textos presentados ao concurso” así como “o interese que a convocatoria do premio semella estar concitando, dada a cantidade de textos recibidos”. Sobre a obra gañadora, e sen coñecer aínda quen era o seu autor, o xurado destaca “ademais da súa alta calidade teatral, a vontade explícita que propón para a súa representabilidade, cuestión que vén definida tanto polo razoable número de personaxes, catro intérpretes, como a economía de medios con que pode ser resolto o espazo escénico”.

Así mesmo, en Só un home bo o xurado recoñece “unha voz dramática firme e poderosa, unha autoría solidísima, cun uso da lingua limpo e rotundo. É tamén necesario ponderar a sabia disposición do entramado escénico que logra relacionar o ritmo do argumento co tempo do discurso”. Finalmente, o xurado felicita a feliz iniciativa deste Premio, desexando unha longa vida para a cultura en tan “infaustos tempos”.

 

O gañador

Raúl Dans (A Coruña, 1964) é autor teatral, guionista e actor de dobraxe. Coa súa primeira obra, Matalobos, gañou o Premio Rafael Dieste de Teatro (1993). Un ano despois gañou o Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais con Lugar, estreada polo Centro Dramático Galego en 1999. Outras das súas obras son Derrota (XXII Premi Born de Teatre, 1997), Estrema (1998), A chamada (2001), Nachtmahr (2008), Chegamos despois a unha terra gris (Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais 2010 e Premio AELG de Teatro 2011), Unha corrente salvaxe (gañadora do Premi Born en 2012 e editada pola erregueté no seu número 75), As cancións que lles cantaban aos cativos (Premio SGAE de Teatro Jardiel Poncela 2015 e editado no núemro 88 da erregueté) e o ensaio Confesións dun practicante. As aventuras dun dramaturgo en Galicia (2004).

Creador, argumentista e dialoguista de series de ficción para Televisión de Galicia (A miña sogra e máis eu, Pratos combinados, A vida por diante, Padre Casares”), Dans obtivo o Premio Mestre Mateo de Guión por Terra de Miranda (2003) e As leis de Celavella (2005). Raúl Dans sucede no palmarés do Premio Laudamuco ao lucense Xavier Lama López, gañador da primeira edición.

 

O premio

O Laudamuco para textos teatrais, que ten carácter anual, conta cunha dotación de 7.000 euros, acompañada da edición da obra. No premio puideron concorrer autores e autoras de calquera nacionalidade que presentasen unha obra dramática inédita, nunca antes premiada e escrita en lingua galega.

Publicidade

A creación deste certame ten o dobre obxectivo de apoiar a creación dramática en galego e contribuír ao recoñecemento da figura de Roberto Vidal Bolaño. O autor falecido en 2002 ten un gran vínculo con Brión, posto que a súa familia cedeu ao Concello gran parte do seu legado (manuscritos, libros, utilería teatral, premios…), que se porá á disposición da cidadanía.

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Feijoo |

A Xunta anuncia un Plan de Reactivación para a cultura pero non dá a coñecer os detalles

Afonso Becerra de Becerreá

No confín de… Afonso Becerra