Dramaturga e directora de escena. María Armesto é, ademais, responsábel da dirección artística da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. O seu texto Winnie son eu foi publicado no nº 89 da erregueté.
O libro que tes sobre a mesa de noite.
Sacándome o sono e a medio ler, teño a tres novas e brillantes escritoras, cun discurso nada convencional, nin na forma nin no fondo: a novela Lectura Fácil de Cristina Morales, subtitulada Ni amo, Ni Dios, Ni marido, Ni partido, Ni de fútbol; a obra completa da dramaturga británica Andrea Dunbar, composta de tres únicas pezas escritas ao longo da súa curta e marxinal vida, e traducida do inglés ao galego pola persoa que ma descubriu, Manuel Vieites; dúas pezas dramáticas da escritora polaca Dorota Masłowska que atopei nunha visita á libraría Berbiriana da Coruña, un espazo encantador rexentado por dúas expertas libreiras e no que, ademais, podes tomar un café.
Tamén volvín a libros que xa lera: El comité de la noche de Belén Gopegui e a peza de teatro Anxos en América de Tony Kushner; quizais porque tratan dos medos, prexuízos e negocios que rodean á saúde. Son tempos moi duros, compre reflexionar.
E outros dous textos conmovedores e exquisitos: Para un funámbulo, o poema en prosa de Jean Genet, e Fedya Sergéevich derreteuse de amor, un marabilloso conto da escritora Ánxos Sumai. Dúas pequenas xoias que reflexionan, sutilmente, sobre a arte.
A túa banda sonora destes días.
O silencio, roto por algún motor desesperado ou polo inevitabel Resistiré. Elixo a música segundo bata o meu corazón: Kurt Weill, Melody Gardot, Nick Cave, Bárbara, Llach, Tom Waits, Sés, Callas, Bettye LaVette, Janis Joplin… Ou a que crea a xente que quero: Antilia, o grupo da miña amiga María Costas, ou o grupo do meu fillo, Dr. Spectro.
O último filme que te impresionou.
Portrait de la jeune fille en feu (Retrato dunha muller en chamas) da francesa Céline Sciamma, Parasitos do coreano Bong Joon Ho, Sorry we missed you do británico Ken Loach e Undir trénu (Bos veciños) do finlandés Hafsteinn Gunnar Sigurðsson.
A obra de arte na que te perderías agora.
No filme Les Plages d’Agnès (As praias de Agnès) de Agnès Varda, no Poemario Atlántico de María Mazás ou ser a protagonista da curta muda La fée aux choux (A fada das coles) da directora Alice Guy Blaché.
A peza á que che gustaría dar forma.
Atreverme a rematar un proxecto que comecei escribir hai tempo e que afogo nunha carpeta do meu ordenador. Tamén dirixir un dos últimos textos de Xavier Picallo, autor absolutamente innovador, cunha voz diferente, orixinal, unha rara avis á que, incomprensiblemente, non se lle presta á atención que merece nesta terra nosa.
Unha figura histórica coa que compartir unha caña.
Prefiro un bo godello –un Conas Brancas, por exemplo– con Rosalía de Castro, sen dúbida. E pode que, despois, invitásemos a James Joyce… Hai tempo escoitei que era coñecedor e admirador da obra de Rosalía.
Se non foses autora serías…
Actriz de cinema mudo.