in

Teatro del Andamio únese á nova Red Escena Iberoamericana

Miau 5 |
Unha ducia de equipos profesionais implicados na xestión, produción , creación, distribución e exhibición de contidos de artes escénicas unen esforzos nesta iniciativa que se presenta esta semana simultaneamente en varios países de América e Europa.

 

A sala da Coruña Teatro del Andamio (Sala de artes escénicas, escola e Compañía profesional) uniuse á Red Escena Iberoamericana, unha iniciativa que se presenta esta semana simultaneamente en Arxentina, Colombia, Brasil, Portugal e Alemaña, ademais de no Estado español, e na que “unen esforzos” unha ducia de equipos profesionais implicados na xestión, produción e distribución de artes escénicas.

A “singularidade” da proposta radica en que está formada por persoas e colectivos que dirixen e xestionan salas de exhibición, escolas, compañías e festivais neses seis países de Europa e América, en conxunto case un centenar de persoas.

O obxectivo principal desta asociación é a práctica colaborativa para o intercambio de recursos artísticos, técnicos e de xestión que fortalezan as estruturas participantes no programa.

O outro “gran soporte” desta iniciativa radica nos festivais e mostras internacionais que xestionan os seus integrantes e que permiten a circulación duns 300 espectáculos de máis de 150 compañías polos diferentes territorios.


Publicidade

Tras varias reunións telemáticas e por unanimidade dos seus membros fundadores, estes decidiron dar a coñecer a iniciativa co obxectivo de sumar apoios e comezar a xerar procesos de participación que sirvan para que este entramado potencie o desenvolvemento de novas audiencias, intercambios entre creadores e xestores escénicos e colaboracións institucionais entre os países membros.

Ademais, elaboraron un manifesto fundacional no que fan referencia á súa creación nun momento marcado pola pandemia do coronavirus, destacando “a curación de penas que pode a arte e a importancia desta para a saúde mental dunha sociedade”.

“Non é a primeira rede que se crea nin será a última, pero esta nace baixo a propagación da morte que implica unha nova forma de convivencia, convivir baixo ameaza global polo Covid-19, e a resposta que podemos dar é a solidariedade”.

Mentres “chega o tempo da post-pandemia, e abandonamos este do contaxio, da desconfianza, o da distancia social que é anti-social, planeamos e soñamos. A ciencia terá a súa acción dramática, fará o seu mellor papel, a vacina e a súa distribución”.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Cultura |

O Goberno central aproba axudas á cultura cun valor de máis de 75 millóns de euros

Germán Gundín

No confín de… Germán Gundín