Creadora escénica e actriz. Marta Pérez é directora de Inversa Teatro, cuxo último espectáculo foi Sofía e as Postsocráticas, con María Roja e Silvia Penas en escena xunto á autora da Cañiza. O pasado ano editouse no libro conxunto DramaturXa do CDG a súa peza O péndulo. | Foto: Aleksander Bortko |
O libro que tes sobre a mesa de noite.
Agora mesmo ando a ler varias cousas de xeito desordenado. Unha delas é Sopa de Wuhan, artigos de diferentes pensadorxs contemporánexs sobre a situación actual. Volvín a outro libro que coñezo ben como El amor que nos cura de Boris Cyrulnik e hoxe comecei con Morfina de Mijaíl Bulgákov. Outro libro que me acompaña desde hai máis dun ano é o I Ching, do que me interesa tanto a súa consulta como o estudo do mesmo.
A túa banda sonora destes días.
Escoito moitas cousas variadas, pero neste tempo bailo moito a Altin Gün, unha banda turca de Rock psicodélico. E de xeito completamente oposto, deume por unha especie de mística da meditación e do silencio, supoño que influenciada pola recente lectura de Biografía del Silencio de Pablo D’ors. Así que oscilo entre o Rock e a música de cuncas tibetanas para meditar.
O último filme que te impresionou.
Penso moito no último filme protagonizado e dirixido de Casey Affleck, Light of my life, polo que ten de visionario con estes tempos. É sobre un mundo posapocalíptico no que non hai mulleres tras unha mortal epidemia que acabou con elas e no que os homes viven confinados nas súas casas. Sorprendente, non si?
A obra de arte na que te perderías agora.
Nas esculturas voluptuosas de Henry Moore e no colectivo artístico contemporáneo e dadaísta SPIGGELIG, que mestura música, poesía, performance, instalación e acción visual dun xeito moi innovador. Tiven a sorte de participar na última vídeo-creación de Aleksander Bortko, o seu director, e a experiencia foi moi gratificante.
A peza que che gustaría dar forma…
O péndulo, unha peza que escribín para o grupo DramaturXa do Centro Dramático Galego, pero que se reconstruiría co traballo e colaboración de Carlos Álvarez-Ossorio e Ernesto Is.
Unha figura histórica coa que compartir unha caña.
Con Sócrates.
Se non foses actriz e directora, serías…
Acupuntora ou atracadora de bancos.