in

‘Citizen’, de Chévere e Kalandraka, gaña o Premio Gala do Libro Galego na categoría “Teatro”

Citizen09 |
A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Asociación Galega de Editoras (AGE) e Federación de Librarías de Galicia (FLG) fixeron públicas as obras gañadoras da quinta edición dos Premios Gala do Libro Galego no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Citizen, de Chévere, editada por Kalandraka, foi a obra gañadora na categoría de Teatro. É o terceiro ano consecutivo que o tándem Chévere-Kalandraka acada este premio.

 

O xurado da quinta edición dos premios da Gala do Libro Galego deu a coñecer as obras e autoras gañadoras nesta convocatoria que, pola situación causada pola pandemia do COVID19, viuse na obriga de ser adiada ao outono. A Gala do Libro Galego tiña prevista a súa celebración tal día coma hoxe, 9 de maio de 2020, e a organización do evento, decidiu manter as deliberacións do xurado e dar a coñecer os libros gañadores na mesma data e adiar a gala para o outono vindeiro en canto as condicións o permitan. Os premios de honra que anualmente se conceden tamén na Gala do Libro Galego adiáronse ata a celebración deste acto.

A Gala está organizada pola Asociación Galega de Editoras (AGE), Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), e a Federación de Librarías de Galicia (FLG) e conta coa axuda de CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos), Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e o Concello de Santiago.

O xurado desta quinta edición estivo formado pola xornalista e poeta Ana Romaní, a profesora Anxos Rial, o escritor Antón Riveiro Coello, a poeta Estíbaliz Espinosa, o editor e profesor Manuel Bragado, a tradutora María Alonso Seisdedos e o crítico literario e escritor Ramón Nicolás. O xurado celebrou unha reunión telemática para debater sobre as propostas finalistas nas quince categorías e que corresponden con obra publicada durante o ano 2019.

Os membros do xurado sinalaron as dificultades de elección entre un conxunto de obras de altísima calidade o que, segundo explicaron, quere dicir que estamos nun bo momento da creación literaria e do mundo do libro galego neste momento particularmente difícil que atravesa a sociedade.

Con Citizen, Chévere e a Biblioteca de Teatro Kalandraka obteñen o seu terceiro premio consecutivo na categoría de ‘Teatro’ dos Premios da Gala do Libro Galego. O ano pasado, Eroski Paraíso foi a obra gañadora, mentres que Río Bravo o foi en 2018.

 

Citizen

Citizen, editada por Kalandraka na súa colección “Teatro”, é teatro de texto. De actor. É teatro documental. Performance. Comedia. Audiovisual. Pero sobre todo, é teatro. Un xogo entre o que pasa de verdade no escenario e o que dubidamos se pasou ou non nas nosas vidas. Inspírase no Citizen Kane de Orson Welles. Esta película conta a historia de Charles Foster Kane, un empresario norteamericano da comunicación que chegou a ser unha das persoas máis ricas e poderosas do mundo no primeiro terzo do século XX. A nosa obra conta a historia de A.O., un empresario galego do textil que se convirte nunha das persoas máis ricas do mundo no último terzo do século XX.

Citizen conta unha historia da Transición a partir dunha estrana coincidencia histórica: a morte de Franco e a apertura das primeiras tendas de Zara en A Coruña ocorren no mesmo ano, separadas por unhas poucas semanas. Estamos en 1975. Franco morreu. Sara, unha estudante comprometida no movemento anti-franquista, fuxe da policía e refuxiase nunha tenda que ainda non abriu. Alí atópase co seu dono, A.O., un empresario afastado da realidade e disposto a conquistar un imperio. Ela está exactamente onde lle corresponde estar. Él non ten posición. Ela é dun lugar do que ven fuxindo. Él xa esqueceu de onde ven, pero sabe exactamente a onde quere chegar.


Publicidade

O proxecto completo de Citizen componse de tres espectáculos autónomos de pequeno e mediano formato, que se foron facendo e estreando na Sala Nasa de Santiago de Compostela ao longo da tempada 2010-2011, como se se tratase dunha obra de teatro por episodios. Cada un deles foi a continuación e a consecuencia do anterior. E ao final, a suma dos tres supuxo un novo espectáculo de case catro horas de duración. A obra estivo xirando por todo o Estado ata finais de 2013, superando as 120 representacións e os 10.000 espectadores. Ademáis, acadou un importante recoñecemento crítico e profesional: foi a obra máis votada entre 150 propostas para acceder á Red de Teatros Alternativos de España, presentouse en festivais internacionais como Temporada Alta (Cataluña) e Escena Contemporánea (Madrid), recibiu o Premio da Crítica 2011 e 5 premios María Casares en 2012, da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (entre eles mellor espectáculo, mellor dirección, mellor actriz protagonista).

 

Biblioteca de Teatro de Kalandraka

Coa colección Biblioteca de Teatro, KALANDRAKA contribúe á celebración dos 30 anos de Chévere publicando as súas obras completas para que os espectadores sigan gozando do seu talento cando cae o pano. A iniciativa busca documentar ese teatro “feito a pé de escenario”, como precisa a compañía, da que é posible ir descubrindo “como transforma o texto cun imaxinario propio e intransferible” forxando un estilo xenuíno que se caracteriza polo “ton irreverente e canalla” das súas producións.

 

Premio Gala do Libro

Con estes premios preténdese recoñecer a excelencia do traballo realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2020 en Galicia. Estas distincións, sen dotación económica, xorden, en primeira instancia, das propostas das bases asociativas das tres entidades convocantes, para posteriormente seren sometidas a un proceso de preselección e á valoración e fallo por parte dun xurado externo.

Pódese consultar aquí a lista con todos os gañadores.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Arnoia |

Decepción do sector das artes escénicas ante o Plan de Reactivación da Xunta

Paula Carballeira

No confín de… Paula Carballeira