in

No confín de… Cris Balboa

Cris Balboa
“Artista escénica cuxo motor é a presentación escénica do absurdo cotián na procura dun diálogo xeracional onde a palabra, a acción, o audiovisual e a música mestúranse na súa proposta artística”. Cris Balboa é Funboa Escénica. Os últimos traballos da artista cambadesa son Masa Madre + Sal Marina, xunto a Manuel Parra García (Proxecto PANK), e O que segue, un unipersoal posdramático estreado a finais do ano pasado en coprodución co Centro Dramático Galego. Balboa fala dos seus procesos artísticos e vitais no blog Lo que sigue de Teatron. | Foto: Manuel Parra García |

 

O libro que tes sobre a mesa de noite.

En libro físico teño Los baños derivativos de France Guillain, que explica o método de curación baseado en refrescar os xenitais para eliminar as sobrecargas do corpo, algo que tamén practican os gatos. Regaloumo unha amiga porque levo tempo ranqueando co corpo e é a ferramenta máis elemental das artes vivas. Tamén Amor de monstruo de Katherine Dunn sobre unha familia que fai “virtude” das imperfeccións. Logo teño un libro electrónico moi nutrido no que vou alternando o Livro do Desassossego de Pessoa, feito de fragmentos de desilusión (gústame rebozarme na lama); e Vivir, pensar, mirar de Siri Hustvedt, unha serie de ensaios sobre a memoria, a filosofía mesturada coa neurociencia e reflexións sobre artistas plásticas.

A túa banda sonora destes días.

Normalmente, o descubrimento semanal do Spotify que xa me coñece ben e sabe o que me gusta. Mentres escribo isto soa Condolence de Benjamin Clementine. Pero a que me ten viciada esta semana é Too many drugs de Rigoberta Bandini, que para min é o himno alternativo deste encerro. Para relaxarme teño unha lista de temas lentos e melancólicos como The Gypsy Faerie Queen de Marianne Faithfull. Tamén moito techno melódico que é o que me pon a bailar: Laurent Garnier –por nostalxia da miña última rave unha semana antes do confinamento– Baiuca, José González, Paco Osuna… De feito, facemos directos no Facebook como parte do proceso expandido Technocracia, un proxecto de bailaríns da pista en resistencia que comparto con Manuel Parra García, Félix Fernández, Mauro Trastoy e Manu Lago, e que se converteu nunha vía de escape para axitar o corpo e restaurar a mente nesta corentena.

O último filme que te impresionou.

Droningen (Raíña de Corazóns) de May el-Toukhy, un drama familiar moi visceral con ese tratamento cirúrxico que destila o cinema nórdico. Vin esta semana Vivir y otras ficciones de Jo Sol, un traballo moi sensible e un bo exemplo de como facer cinema co mínimo e necesario.

A obra de arte na que te perderías agora.


Publicidade

No Gran Bolero de Jesús Rubio Gamo. E que me fagan moitos portés.

A peza que che gustaría crear.

Todo proxecto, tal e como eu vivo a creación, é unha odisea e un desexo ás veces masoquista de poñernos contra as nosas propias cordas. Calquera idea que comeza é coma unha exposición voluntaria a radiacións que nos van convertendo en mutantes para afrontar a distopía do momento. Pode que hai dez anos tivese unha visión moi romántica de grandes pezas para dirixir ou papeis que interpretar, pero como optimista con experiencia que son, o único que quero é curarme deste mal de artista para xerar máis afecto á vida, que eu son a miña propia obra e ese proceso non acaba ata que remata. Aínda que, por pedir, gustaríame interpretar unha peli ao estilo de La fille sur le pont de Patrice Leconte.

Unha figura histórica coa que compartir unha caña.

Con Xoana de Arco. Eu tamén fun queimada noutra vida, así que supoño que poderíamos compartir batallas. En xeral, con calquera bruxa que me axude a entrar no espírito de Gaia.

Se non foses artista escénica, serías…

Música, cantante, física cuántica, psicanalista ou hacker. Teño a cabeza feita unha lea de tanta serie que vexo… Para unha xémini en crise coma min, esta é unha pregunta complicada que aínda estou tratando de concretar, pensando en preparar unhas opos. Os meus intestinos estanme pedindo un soldo fixo a gritos. Se puidese vivir dúas veces, como di a canción de Pablo Und Destruktion, faríao todo diferente.

Ernesto Is

(Xixón, 1988) É dramaturgo, narrador oral e docente. Premio Abrente (ex aequo) con 'Fendas' e Premio Rafael Dieste con 'Despois das ondas'. Foi seleccionado polo INAEM no Programa Dramaturgias Actuales ('El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas'), no grupo de escrita teatral DramaturXA do CDG ('Onde veñen morrer as baleas') e na bolsa Nuevas Dramaturgias de Euskadi ('Canciones amarillas para flores tristes'). Cofundador da compañía Feira do Leste, coa que estreou 'Exilio das moscas' e 'Tras Tannhäuser' (axudas á Creación Joven do INJUVE). Membro do consello de redacción da erregueté-Revista Galega de Teatro, colabora tamén coa Revista Grial e A Movida de Vigo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Butacas |

Os xestores culturais amosan “preocupación” ante ao Plan de Reactivación da Xunta

23premios max |

‘Je suis narcissiste’, a ópera dirixida por Marta Pazos, finalista en tres categorías dos Premios Max