in

No confín de… María Torres

María Torres
Actriz, directora artística e produtora do Elefante Elegante, fundada xunto ao director e músico Gonçalo Guerreiro. María Torres participou en todos os espectáculos da compañía desde a súa creación: Patapatúm, A Danza da Choiva, Nuncabunga (Premio María Casares ao mellor espectáculo 2013), InO Rueiro das Liortas, O Forno ou Tropical. Están a piques de estrear –despois dun adiamento obrigado pola pandemia– a nova produción do Elefante no Teatro Rosalía de Castro da Coruña: Dreaming Juliet, adaptación do Romeo e Xulieta de Shakespeare.

 

O libro que tes sobre a mesa de noite.

Sufro do vicio de ir deixando libros en diferentes cantos da casa. Teño varias frontes abertas que nutrir e pouco tempo para facelo, así que non me queda máis remedio que ir tirando deste xeito. Na mesa de noite había un monte de propostas pendentes nas que agora podo ir mergullándome. En xaneiro estiven en Francia e aproveitei para abastecerme de lecturas pendentes. Acabo de rematar L’Archipel du Chien de Philippe Claudel e agora estou con L’écume des jours de Boris Vian. Hai tempo lera Les Âmes Grises de Claudel e adorara. Vian tíñao en cola hai tempo. O surrealismo atráeme en tódalas súas versións. Cadaquén interpreta a realidade desde a súa perspectiva e vivencias. Asumir o surrealismo como parte do cotián axúdame a aceptar esta realidade. Ademais, sempre resulta unha cura de humildade lembrar o que se estaba a vivir na arte hai oitenta anos.

Na cociña hai un exemplar de La dieta bioalcalina de Rosa López Monís e, no canto do ioga, Òu tu vas, tu es de Jon Kabat-Zinn. Por último, á miña mesa de traballo volveu, por cuestións dun proxecto de danza, Psychanalyse des contes de fées de Bruno Bettelheim. Se os días tivesen trinta horas volvería repasar El actor invisible de Yoshi Oida.

A túa banda sonora destes días.

Completamente ecléctica. A casa é moi aberta, polo que as catro persoas que aquí habitamos compartimos espazo sonoro. Este condicionante acaba por ser moi rico e variado, aínda que obriga a perfeccionar as capacidades de negociación… Hai un anaco soaban The Doors, pero non sería de estrañar que antes de acabar o día escoitase SonDaRúa, Stromae, Guadi Galego, Pearl Jam ou Ben Harper. Eu, na intimidade dos meus cascos, no tempo de traballo, escoito bastante piano: Peter Broderick, Library Tapes ou Erik Satie comparten carpetas sen complexos.

O último filme que te impresionou.

Pois confeso que último produto audiovisual que me impresionou foi unha serie, Peaky Blinders. As interpretacións e o guión son destacábeis, pero non é iso o que máis me chamou a atención. Á foto é impresionante, as propostas da posta en escena moi teatrais e a banda sonora magnífica. Parece unha serie de gánsteres e, pouco a pouco, aparecen eses detalles, ese coidado de cada plano que a diferencia de produtos feitos ás présas para consumo veloz.

A obra de arte na que te perderías agora.


Publicidade

Nalgunha pintura de Gustav Klimt. Quizais no Lago Attersee. Vivindo no campo, o que máis boto en falla agora é a auga, esa sensación de sentirme preto do océano. Ademais, a miña debilidade pola cor turquesa é amplamente satisfeita por esta obra.

A peza que che gustaría facer.

Hai tempo que me gustaría versionar xunto a Gonçalo Guerreiro unha Antígona con música en directo e cunha morea de bailarinas e bailaríns en escena. O traballo do coro desde o movemento é dos que máis me teñen impresionado, tanto como actriz ou como espectadora. Son as secuelas que deixan espectáculos como Le Sacre du Printemps de Pina Bausch. A triste realidade da lóxica de mercado fai que este proxecto continúe polo momento na lista de futuribles. Cando menos, mentres agardamos o momento axeitado para producilo, teño a satisfacción de que os proxectos que están nacendo no seo do Elefante Elegante ilusiónanme moito.

Unha figura histórica coa que compartir unha caña.

Co Dalai Lama. Non sei se a podemos considerar figura histórica porque aínda está vivo e unha caña tampouco sei se podería ser… Un té seguro que si.

Se non foses actriz e creadora, serías…

Que difícil… Se tivese o talento preciso sería unha mestura, ao puro estilo Frankenstein, de menciñeira, bailarina e cantante. Agora que o vexo escrito paréceme claro: unha bruxa das de antes.

Ernesto Is

(Xixón, 1988) É dramaturgo, narrador oral e docente. Premio Abrente (ex aequo) con 'Fendas' e Premio Rafael Dieste con 'Despois das ondas'. Foi seleccionado polo INAEM no Programa Dramaturgias Actuales ('El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas'), no grupo de escrita teatral DramaturXA do CDG ('Onde veñen morrer as baleas') e na bolsa Nuevas Dramaturgias de Euskadi ('Canciones amarillas para flores tristes'). Cofundador da compañía Feira do Leste, coa que estreou 'Exilio das moscas' e 'Tras Tannhäuser' (axudas á Creación Joven do INJUVE). Membro do consello de redacción da erregueté-Revista Galega de Teatro, colabora tamén coa Revista Grial e A Movida de Vigo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Carabela | Galeatro

Volve o teatro con ‘Carabela’, de Galeatro

Xurxo Couto

A Deputación da Coruña abre un novo prazo para a solicitude de espectáculos da Rede Cultural