in

No confín de… Gonçalo Guerreiro

Gonçalo Guerreiro
Actor, director, escenógrafo e músico. Xunto a María Torres forma Elefante Elegante hai vinte anos. Tropical, Patapatúm ou A Danza da Choiva, gañadores estes dous últimos títulos do Premio María Casares ao mellor espectáculo infantil en anos consecutivos, son algunhas das pezas máis destacadas da compañía. Guerreiro está a piques de estrear a nova montaxe do Elefante no Teatro Rosalía de Castro da Coruña: Dreaming Juliet, adaptación do clásico de William Shakespeare.

 

O libro que tes sobre a mesa de noite.

Teño varios relatos e novelas de Manuel Rivas por motivos profesionais. Vou saltando duns a outros e deixándome fascinar pola súa obra. Teño tamén Žižek vai ao ginásio, poesía de Tiago Alves Costa, e estou rematando A nena do abrigo de astracán de Xabier P. Docampo.

A túa banda sonora destes días.

Ten sido Scout Niblett, The Heavy Horses, Nick Cave, o novo dos Stone Temple Pilots e o novísimo dos Pearl Jam. Entre o 25 de Abril e o 1º de Maio adoito poñer moito ao José Afonso e ao José Mário Branco para que a miña filla e o meu fillo escoiten con atención.

O último filme que te impresionou.

É do ano 2007, mais vino hai pouco. Non sei como se me escaparía… Chámase Into the Wild, dirixido por Sean Penn, e con música do meu cantor vivo preferido, Eddie Vedder. Hai tamén unha serie que vin hai pouco e aconsello a quen lle guste o universo tarantinesco. Ten o título suxestivo de The End of the F***ing World e está baseada na novela gráfica homónima de Charles Forsman.

A obra de arte na que te perderías agora.


Publicidade

Sen dúbida, nas esculturas dos Xardíns de Étretat que se atopan nos acantilados da Côte d’Albâtre en Normandía. Un lugar marabilloso que tanto inspirou a Monet.

A peza á que che gustaría dar forma.

Eu traballo a partir dunha idea, un obxecto ou un tema e escribo os espectáculos a partir desa motivación. Ou sexa, que as pezas escritas non adoitan ser a miña primeira inspiración… Aínda así, gustaría de aventurarme nunha traxedia grega algún día. María Torres mais eu temos unha Antígona pendente… Sería un bo momento este que estamos a vivir.

Unha figura histórica coa que compartir unha caña.

D. Afonso Henriques, seguro. Adoraría que me falase de Dona Teresa, a súa nai, e do galego Fernando Pérez de Traba. Que me narrase el, en primeira persoa, a batalla de San Mamede e a cerimonia de cando foi armado cabaleiro en Tui.

Se non foses teatreiro e músico, serías…

Talvez fose psicólogo que foi a licenciatura que abandonei cando me apaixonei pola miña profesión. Estaría certamente frustrado e acabaría por abandonala e dedicarme a tempo enteiro á vida bohemia… Ha ha ha!

Avatar

Ernesto Is

(Xixón, 1988) É dramaturgo, narrador oral e docente. Premio Abrente (ex aequo) con 'Fendas' e Premio Rafael Dieste con 'Despois das ondas'. Foi seleccionado polo INAEM no Programa Dramaturgias Actuales ('El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas'), no grupo de escrita teatral DramaturXA do CDG ('Onde veñen morrer as baleas') e na bolsa Nuevas Dramaturgias de Euskadi ('Canciones amarillas para flores tristes'). Cofundador da compañía Feira do Leste, coa que estreou 'Exilio das moscas' e 'Tras Tannhäuser' (axudas á Creación Joven do INJUVE). Membro do consello de redacción da erregueté-Revista Galega de Teatro, colabora tamén coa Revista Grial e A Movida de Vigo.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Selic2020 |

Aberto o prazo de presentación de candidaturas aos Premios SELIC de creación literaria

ConversasIncertasWeb |

Conversas In-certas sobre o futuro da programación teatral