Conversas In-certas sobre o futuro da programación teatral

A erregueté e ZonaZero inician un ciclo de conversas dixitais sobre teatro totalmente gratuíta para as persoas interesadas. A primeira destas series, moderada por Esther F. Carrodeguas, xirará en torno á programación teatral en tempos pospandémicos.

 

Son tempos incertos, e acaso por iso precisamos máis que nunca comunicarnos, aínda que sexa para falar de incertezas. Desta idea nace Conversas In-certas, iniciativa que pretende ofrecer un espazo de comunicación, reflexión, e investigación non marcado pola certeza senón pola dúbida, a posta en cuestión, co afán de compartir, debater ou propoñer. E nace precisamente agora que videocomunicación dixital ao que nos tivemos que habituar semella favorecer o nacemento dun espazo no que, de maneira sinxela, persoas do sector teatral galego puideran compartir as súas in-certezas cos demais.

E para comezar esta serie de conversas que poderán versar no futuro sobre a escritura, a interpretación, a iluminación, a crítica ou a dirección, decidimos comezar co máis incerto a día de hoxe: a programación. Parecíanos neste momento interesante dar voz a algunhas das persoas que se teñen que enfrontar á difícil tarefa de programar un espazo ou un festival para un outono imposible de prever.

A convocatoria será os xoves deste xuño en desescalada, ás 18:00. Este mesmo xoves 11 falará das súas incertezas Pilar Portela, Directora-Xerente Pazo da Cultura de Pontevedra e Presidenta Asociación de Xestores Culturais. Nos vindeiros serán Carmen Castro, Xefa do servizo de Cultura do concello de Carballo, e Xaquín López, Director-Xerente do Auditorio de Galicia, os que compartan este espazo de reflexioón cos e coas interesadas.

As conversas virán introducidas por Esther F. Carrodeguas, e a inscrición para poder acceder ao WEBINAR será a través do email: conversasincertas@gmail.com. A este mesmo email poderán chegar as consultas que as persoas queiran facer aos participantes, que terán que ser sempre por anticipado, nun intento de non sumar incerteza á incerteza.

 

Programa completo

Conversas In-Certas
Unha iniciativa ZonaZero + erreguete
XUÑO 2020. Programación Teatral Pospandémica

 

Xoves 11 de xuño | 18:00

Pilar Portela
Directora-Xerente Pazo da Cultura de Pontevedra
Presidenta Asociación de Xestores Culturais

Xoves 18 de xuño | 18:00

Carmen Castro
Xefa do servizo de Cultura do concello de Carballo

Xoves 25 de xuño | 18:00

Xaquín López González
Director-Xerente Auditorio de Galicia

 

Presenta

Esther F. Carrodeguas

Inscricións

Enviar un e-mail a conversasincertas@gmail.com co título: Conversas Incertas Programación, seguido do día ou días no que tes interese de participar (11 – 18 – 25). No corpo da mensaxe podedes incluír as vosas inquedanzas, que a presentadora trasladará ás persoas poñentes.

 

Descargar programa aquí.

Deixar unha resposta