No confín de… Diana Sieira

“Actriz e produtora, aínda que do último estoume quitando. Pasei por tódolos mundos posibles enriba e debaixo das táboas, diante e detrás das cámaras. Nos últimos anos dedícome aos monólogos cómicos, tinguindo o panorama galaico cun estilo diferente, absurdo e irreverente. Apaixonada pola historia da caza de bruxas e o teatro como acto comunitario ritual, preparo a miña volta aos escenarios”.
Algúns dos últimos traballos da actriz boirense son os espectáculos cómicos que conforman A triloxía da cona (Arturo Pérez Reverte, Historia dunha perrecha e Conas), a súa interpretación como María Casares nas visitas guiadas do Teatro Colón da Coruña ou a colaboración no programa da Radio Galega Como que non?!

 

O libro que tes sobre a mesa de noite.

Máis que sobre a mesa de noite, sobre o escritorio, xa que é un libro que estou “facendo” e non só lendo. El camino del artista de Julia Cameron. Foi un regalo incrible de Pajarito, xusto antes do confinamento, que me está dando a vida e me fai estar activa nestes tempos estraños e interiores.

A túa banda sonora destes días.

Gozo inmensamente da música de Natalia Lafourcade. Conéctame coa terra, coas emocións e co feminino. Para facer exercicio co meu compi de piso, achegoume un descubrimento marabilloso: música soukous! África, alegría e marcha!

O último filme que te impresionou.

Só vexo filmes ou series pola noite. Quedo durmida e, aínda que sexa unha peli, véxoa por capítulos. Estou tirando moito de “cine champú”, que diría o meu amigo Nacho. Dese que non che deixa nada na cabeza. Pero volvín ver The Revenant de Alejandro González Iñárritu. Está chea do que somos os humanos, do que supón a colonización dun territorio e de como es capaz de sobrevivir ata que completas unha misión de vida. E despois morres tranquilamente. Perdón polo spoiler.

A obra de arte na que te perderías agora.

Téñoa no escritorio: Nuestra Señora de las Iguanas de Graciela Iturbide. Vin a súa exposición este ano pasado na Fundación Barrié e alucinei profundamente. Tanto que lle escribín un mail (non sei nin se o recibiría ela persoalmente) que nunca contestou. Pero tiña que falarlle a esa muller e contarlle o que sentira.

A peza que che gustaría facer.

É algo que estou precisamente preparando, e como está nacendo… Ata aquí podo ler! Pero vai ser algo máis que un espectáculo. Vai ser un verdadeiro ritual.

Unha figura histórica coa que compartir unha caña.

Bufff… Só unha! Ha ha ha… Hai tantas e eu son tan indecisa… Pero mira, unha das que escollería, e que nos conecta directamente, sería María Casares. Os que intentamos navegar nas tripas da súa vida algunha vez sabemos por que. Ademais, eu de leria tendo a fumar, e tratándose de María… Iríamos a algures onde puidésemos fumar as dúas!

Se non foses actriz, serías…

Xa fun tantas cousas, e tantas que serei! Actualmente penso que fotógrafa e arqueira. Son dobremente arqueira: Diana e Saxitario. É algo que podo compaxinar con ser actriz. Mira Geena Davis, que estivo a piques de ir ás Olimpíadas de Sidney.

Deixar unha resposta